Foz e Sarriana saen triunfadores dos derbis provinciais

Xornada sen triunfos lucenses na Terceira. O Polvorín sacou un valioso punto do campo do Couto, mentres que Racing Vilalbés e Viveiro caeron nas súas visitas a Xuvenil de Ponteareas e Fabril respectivamente. Na Preferente, a Sarriana venceu no Partido Fisioterapia Ronda ao Lemos e o Foz impúxose ao Escairón. O Ribadeo logrou sumar un punto no campo do Galicia de Mugardos e a Residencia caeu no campo do Victoria.

O Racing Vilalbés colleita a primeira derrota do curso no campo do Xuvenil de Ponteareas (2-0).

Partido igualado no que o cadro local comezou mellor e tivo chegadas á área rival aínda que sen demasiado perigo. Simón Lamas tivo que variar o seu sistema inicial para poder saír á contra con máis claridade e o conxunto chairego foi medrando no partido. No minuto 15 tivo lugar unha acción para a polémica. Dani Sampayo derribou a un atacante racinguista fóra da área, pero o colexiado optou por ensinar cartón amarelo, cando se podía considerar unha acción clara de gol. Vela, en acción individual, serviu un gran balón que Otero non acertou a rematar e Javi Varela, en dúas ocasións foi quen de rematar sendas faltas laterais botadas por Ángel Casanova, no que foron as mellores opcións de gol racinguistas na primeira metade.

Logo do intermedio, os visitantes saíron mellor e aos poucos minutos de novo a dupla Otero-Vela contarpn con dúas opcións clarísimas que non lograron convertir. No minuto 65, nun saque desde o curruncho Portas no primeiro pao adiantouse á súa marca e adiantou ao Xuvenil. Simón Lamas deulle entrada a Cuadrado e Javi Rey para ir a polo empate, pero xusto coincidiu co segundo tanto local, obra de Telmo de cabeza.

O Racing tivo o balón nos minutos finais e o rival apenas chegou á portería chairega, pero non foi capaz de marcar un primeiro tanto que poría as cousas difíciles para os últimos intres.

Derrota do Viveiro diante dun Fabril que impuxo o seu dominio na segunda metade (2-0).

Primeira derrota da temporada para o Viveiro diante do filial do RC Deportivo. Os mariñáns non foron inferiores na primeira metade, na que estiveron moi ordeados nunha zona defensiva con tres centrais que impediu calquer achegamento con perigo por parte do Fabril, e mesmo contaron con algunha ocasión para adiantarse no marcador.

Na segunda metade, os de Óscar Gilsanz tomaron o mando e non tardaron e marcar o primeiro logo dun centro latera de Juan Rodríguez que Runy rematou no segundo pao. Co marcador a favor, o Fabril atopou espazos e sentenciou o encontro cun bo tanto de Peke, que cun tiro cruzado superou a Manu Cedrón.

O Polvorín comeza a temporada cun empate sen goles no campo do Ourense CF (0-0).

O partido resultou bastante parello e o resultado fixo xustiza ao visto ao longo dos noventa minutos, nun céspede do Couto que non estaba nas mellores condicións.

Tivo máis chegadas o conxunto local na primeira parte con dous achegamentos nos que Brais estivo acertado. No último precisou da axuda de Nico para evitar que o balón se colase na portería. O filial albivermello tamén foi quen de achegarse ás inmediacións da portería defendida por Marqueta, pero sen eficacia.

Na segunda parte as ocasións brilaron pola súa ausencia e impúxose o fútbol control que ámbolos equipos quixeron impoñer. A máis cara tívoa o Polvorín cun pase atrás a Julio que non logra enganchar. O Ourense inquedou a área lucense en envíos a balón parado cun Íker Hurtado moi activo.

A Sarriana vence ao Lemos na Pinguela nun encontro no que os dous conxuntos quedaron con dez (0-2).

A primeira metade resultou moi igualada. O cadro visitante impúxose no primeiro cuarto de hora, no que chegaron con claridade á área rival e contando con ocasións para adiantarse no marcador. O Lemos trocou de sistema e dificultou o comezo do xogo dos de Edu Rodríguez. O cadro local contou con moi bos minutos sobre o céspede da Pinguela e tamén tivo as súas opcións para poñerse por diante. A falta dun minuto para o intermedio a Sarriana quedou cun home menos por dobre amonestación a Diego Rey.

Na segunda metade, o técnico visitante optou por manter o balón, malia a inferioridade e amosouse superior ao Lemos. No minuto 55 nun saque desde o curruncho, Óscar Rivas adiantou á Sarriana logo de recoller un balón morto na área. Tan só dous minutos máis tarde o colexiado expulsou ao local Fernando e o Lemos acusouno en exceso. Puido matar o encontro a Sarriana, pero non o fixo ata o treito final nun bo pase de Álex Pérez que rematou Julio Camba lonxe do alcance de Arturo.

O Foz venceu a un bo Escairón no derbi provincial do Martínez Otero (1-0).

Os mariñáns souberon rentabilizar as súas ocasións nun encontro igualado no que o Foz levou o peso do partido, pero no que os visitantes gozaron de opcións moi claras para levarse os tres puntos do Martínez Otero.

Sobre todo na primeira metade, Pandiani, Toto e Moha puideron batir a un inspirado Rubén, pero non estiveron acertados. Na segunda metade, marcada pola loita no medio do campo, Diego Chao desequilibrou o encontro do lado local ao transformar un lanzamento de penalti.

O Ribadeo rescata un punto do difícil campo do Galicia de Mugardos (1-1).

Primeiro punto para o conxunto adestrado por Dani Moirón. Amosou unha boa imaxe o Ribadeo nun campo difícil como é o do Mugardos. Nunha primeira metade igualada e con dominio alterno, foi o cadro local que logrou adiantarse no marcador xa preto do descanso. Moi aproveitou un erro da zaga mariñán para batir a Carrera.

Logo do descanso, o Ribadeo saiu volcado na procura do empate. Este chegou nunha falta lateral ben executada por Castrín que Roi empuxou ao fondo da portería local. Aínda con minutos para darlle a volta ao encontro, o cadro ribadense contou con ocasións para facelo. Cris enviou un balón ao pao e Castrín errou un man a man diante do gardameta, nas que foron as máis claras.

Derrota da Residencia que pagou a súa inexperiencia no campo do Victoria (2-1).

O cadro lucense voltou de vacío da súa visita á Coruña. E fixo méritos para volver cun mellor botín, pero varios erros puntuais impedírono. O encontro comezou parello con dominio da Residencia, pero sen moito profundidade. Os de Dani Galán tiñan o balón sen ser capaces de crear perigo, de feito a principal ocasión foi local cun man a man que salvou Sanmi. No minuto 35 o colexiado expulsou con vermello directo ao xogador do Victoria Martín e os lucenses non souberon aproveitar esta circunstancia. Cun home máis, a precipitación xogoulle unha mala pasada e deseguido se nivelaron as forzas co dobre amarelo a Javi Raposo. E normalmente unha mala nova non chega sóa. A falta dun minuto para o descanso, nunha xogada a balón parado, Andrés adiantou aos coruñeses.

A segunda metade foi un monólogo con balón da Resi. O Victoria cedeu a posesión e as chegadas á área dos lucenses sucedéronse, pero sen contar con ocasións claras. Adri Vázquez puido empatar cun balón ao longueiro cun bo testarazo. O empate chegou a falta de dous minutos. Nun balón colgado desde o medio do campo, Borja conseguiu rematar ao fondo da portería. Cando xa parecía o encontro visto para sentencia, no minuto 93, Mandy fixo o segundo para o Victoria nunha xogada que evidenciou a falta de contundencia da zaga lucense. Non se rendiu a Resi e Borja aínda puido empatar na última xogada do encontro, pero o gardameta local luciuse cunha gran parada.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 416

Deja un comentario