Están a deixar o nome da comarca da Ulloa moi alto. De feito, no máis alto da táboa. Contando todos os seus partidos por victorias, as rapazas da SD Antas aventaxan en oito puntos ao segundo clasificado, a SD Villestro.Futbolinlugo decidiu que a fazaña que as xogadoras do Castro Seoane non podía pasar desapercibida, e, polo tanto, falamos coa capitá do equipo, Eva Pacín, para descubrir onde se atopan as chaves do éxito e onde está o teito desta SD Antas, se é que o teñen.
FUTBOLINLUGO: Ola Eva. Para comezar, como está o ambiente no vestiario vendo a clasificación?
EVA PACÍN: Moi ben. Hai moi bo rollo, levámonos todas bastante ben, cousa que se nota no campo sen dúbida ningunha.


«Agora hai moito máis compromiso.»
FIL: Que cambiou respecto a outras campañas?
EP: O novo adestrador (Melendo) cambiou a forma de adestrar, o sistema empregado… agora hai moito máis compromiso. Adestramos tres días, antes só un… e o número de xogadoras asistentes é moito maior que antes.

FIL: Con 34 goles a favor e tan só 3 en contra, imaxino que podemos confirmar que o mellor ataque comeza nunha boa defensa…
EP: Si, tamén na nosa porteira, que nos axudou moito. É moi boa e a min persoalmente gústame bastante, a pesar da súa idade.
FIL: Como líderes en solitario, o único no que pensades será no ascenso de categoría…
EP: Ogallá. Comezamos sen nigún obxectivo, dados todos os cambios, e ademáis moitas das xogadoras nunca xogaran a fútbol campo, aínda que si a fútbol sala. Porén, cando vimos que non perdiamos, que estabamos ben plantadas no campo, que anotamos moitos goles e encaixamos moi poucos… decatámonos de que o ascenso é posible.
FIL: Onde se atopa, por tanto, o teito da SD Antas?
EP: Sempre e cando manteñamos a atitude que temos, apoiándonos unhas ás outras e coa axuda do adestrador, non haberá teito.
FIL: Falando agora de ti, lesionácheste no penúltimo encontro antes do parón. Cando volverás a entrar nas convocatorias de Melendo?
EP: Si, xa arrastraba a lesión do ano pasado, un esguince de grado dous no nocello que curei mal, e ao forzar de máis volvinme mancar este ano, pero agora coa rehabilitación recupereime rápido e xa entrei na dinámica do equipo, así que espero poder xogar o primeiro partido tras o parón, o día 14.
«Desde o noso primeiro partido en fútbol campo, progresamos moitísimo.»
FIL: Como foron as sensacións ata o momento?
EP: Sempre foron moi boas. Empecei xogando ao fútbol sala, e despois incorporeime ao fútbol campo. Desde o primeiro partido, no que perdemos 13-0 e no que nos desanimamos moito, progresamos, acadando dúas finais de copas consecutivas, e agora en busca do ascenso.
FIL: Pensas en seguir na SD Antas, ou veste noutros equipos no futuro?
EP: Non, non (risas). O meu futuro está aquí en Antas.
Seguiremos de preto toda a evolución da SD Antas e da súa capitá, que están a facer historia nesta 2017/2018!