#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Diego Villares, «Os que teñen que dalo todo polo Vilalbés son os de aquí»

Un novo 10 comeza a sobresaírse pola Magdalena. Faino normalmente dende a banda esquerda, aínda que a súa posición de sempre fose a de mediocentro. Ás veces, incluso, portando o brazal de capitán. De movementos rápidos e caneos certeiros, co engadido de que dende pequeno leva mamando as cores vermella e verde do Racing Vilalbés. Ao igual ca outros futbolistas do primeiro equipo como Diego López, Vérez, Dani Montes, Manu Roca, Make ou o capitán Pablo Vivero. Diego Villares (Samarugo – Vilalba, 1996) está cumprindo a súa terceira temporada como militante do conxunto sénior do Racing Vilalbés (xa debutara con anterioridade) e campaña a campaña o seu peso no equipo vai aumentando. Hai unha semana formou parte da selección galega de afeccionados que competiu na primeira fase do Campionato de Rexións UEFA. É, sen dúbida, un dos destacados da Terceira e agarda unha oportunidade que lle permita chegar máis alto. Se chega, farao con esa naturalidade que o caracteriza e levando sempre por diante o nome do Racing Vilalbés e o de veciño de Samarugo.

FUTBOLINLUGO: Unha temporada máis o Racing Vilalbés segue nos postos altos da Terceira División, a piques de acabala primeira volta, que valoración fas tanto a nivel colectivo como persoal?

DIEGO VILLARES: Presumíase peor do que está sendo porque creo que ninguén pensaba que este curso iamos estar aí tan arriba. Tivemos baixas, e aínda que ficharon bos xogadores, as baixas eran importantes; sobre todo Gerardo. A nivel persoal estou contento, aínda que só leve dous goliños (risas). Tampouco nunca foi o meu.

FIL: Notas algún cambio con respecto ás anteriores temporadas?



DV: A nivel de grupo nótase bastante a ausencia de Hugo Criado porque era un veterán que che axudaba sempre. Non obstante, seguimos tendo un bo grupo que creo que se nota moito á hora de competir.

«Ao mellor teño algo máis de responsabilidade»

Diego Villares foi titular nos 18 partidos que leva o Racing Vilalbés nesta temporada e que o colocan preto dos postos de promoción de asceso. FOTO: Carlos Castro

FIL: A nivel persoal, notas algún?



DV: Non, eu estou igual ca sempre. Ao mellor, teño algo máis de responsabilidade pero eu estou igual.

FIL: Dadas as circunstancias, cal cres que debe ser o obxectivo do equipo de aquí a final da campaña?

DV: Aquí nunca nos puxemos un obxectivo maior, pero a medida que pasen as xornadas e se seguimos aí…xa haberá que miralo.

FIL: Xa case xogastes contra todos os rivais, que nivel cres que hai este ano na Terceira?

DV: Hai moi bos equipos e despois hai tres ou catro conxuntos que van pelexar pola liga. Logo ata o décimo segundo leva habendo igualdade moitas xornadas e eu creo que vai seguir así. Vai haber como dúas metades na clasificación.



Villares leva no Racing Vilalbés dende a idade alevín

FIL: A pesar dos cambios séguese contando con xente da casa, que importancia lle das a que conten con xogadores da canteira no primeiro equipo?

DV: Para min iso é o máis importante porque o Racing Vilalbés vive da xente de aquí. Ao fin e o cabo quen che pode vir xogar de fóra, axúdache; pero os que teñen que dalo todo polo Vilalbés son os de aquí. Este ano Vérez, Dani Montes,…están contando con minutos no primeiro equipo. Tamén o xuvenil está por primeira vez na División de Honra e moitos dos xogadores veñen entrenar con nós e sempre é bonito que o Vilalbés estea aí, valos ver, sabendo que é unha categoría complicada; é bonito para o club.

FIL: Falabas antes da responsabilidade, cando non están sobre o campo nin Pablo Vivero nin Diego López, eres o capitán, pesa levar o brazal?

DV: Pesar pesa, pero é unha cousa ao marxe que tampouco inflúe nada. Iso si, ser capitán despois de Pablo Vivero e López tamén me gusta, pero é unha cousa máis.

«Primeiro hai que acabar a temporada e despois <<dios dirá>>»

FIL: A nivel individual as túas aspiracións serían poder estar algún día nunha categoría máis alta?

DV: En principio si, pero todo está por ver. Primeiro hai que acabar a temporada e despois «dios dirá».

FIL: Houbo xa alguna opción para marchar o pasado verán?

DV: Algunha houbo, pero ninguna melloraba moito a do Vilalbés.

FIL: No mercado de inverno tampouco te plantexas abandonar o club?

DV: Non non, creo que ata final de temporada sería cando mo plantexaría en todo caso.

«Sempre quixen saír de aquí cando de verdade estivese preparado»

FIL: Que é o que de momento te fai quedar aquí?

DV: O máis importante é que sempre quixen saír de aquí cando de verdade estivese preparado e igual pensaba que ata agora non estaba. Veremos si vou estando. Desde alev

íns levo xogando no Vilalbés. Cando eras pequeno non se che ocorría xogar cos maiores, pero a medida que ían pasando os anos xa o vas plantexando e sempre é un orgullo. 

FIL: Na túa xeración coincidiches con xogadores que destacaron un pouco máis cedo como Ángel Fraga, Julio Camba…

DV: Si, Isma tamén no fútbol sala. Para min o de Ángel cando foi para o Celta era moi merecido, sempre foi unha moi boa persoa e xogador, sempre se esforzaba moito. Na xeración do 96 sempre tivemos boa xente dende pequenos

«Aínda que sexa a selección galega de afeccionados sempre é un orgullo»

A Selección Galega de afeccionados xogará a fase intermedia da Copa das Rexións UEFA ante Valencia. FOTO: Futgal

FIL: Agora tamén tiveches a oportunidade de estar coa selección galega de afeccionados na primieira fase do Campionato das Rexións UEFA, que representa xogar aí?

DV: Cando me chamaron a primeira vez que me avisaron para o primeiro adestramento foi moi especial. Mandeille un whatsApp a miña nai e conteillo, a ela tamén lle gusta que vaia. Aínda que sexa a selección galega de afeccionados sempre é un orgullo porque xa te miran entre moitos xogadores. E que te escollan é bonito.

FIL: Que tal resultou a experiencia da pasada fin de semana onde conseguistes pasar a fase intermedia?

DV: A experiencia é moi bonita porque coincides con outros xogadores da túa liga que a maioría foron sempre rivais e agora pasas a convivir con eles. A nivel persoal tiven a sorte de xogar os dous partidos e iso creo que me pode axudar como futbolista. A parte de enfrontarte a futbolistas destacados doutras ligas, intentas facelo o mellor posible para defender a Galicia. Ademais, puiden xogar de mediocentro que foi sempre a miña posición no campo, e xa había tempo que non xogaba aí.

FIL: E supoño que sempre contando co apoio dos teus…creo que ninguén de Samarugo chegou a este nivel no mundo do fútbol…

DV: Iso é o máis importante. Amigos e sobre todo na casa; miña tía, meu tío, miñas primas que me van ver sempre, para min iso é o máis importante. Ca pouca xente que somos en Samarugo…, nunca souben de ninguén que xogara a un nivel «semi profesional» digamos.

Escucha «Diego Villares» en Spreaker.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *