Os equipos que aínda non comezaron a temporada ultiman os detalles de cara ao inicio da competición. É o caso, por exemplo, do fútbol feminino onde o novo proxecto PM Friol CD Lugo presentou as súas fichaxes. O cadro adestrado por Josito Jul ten sete caras con respecto a temporada pasada. Para reforzala portería chegou a lorquina Laura Gallego procedente do Real Oviedo tamén da Segunda División. Na defensa regresa Andre Mirón “Polli” despois de que saíra do club no ano 2014. O último equipo no que militou foi o Joventut Almassora e ten experiencia tamén no fútbol portugués, xa que formou parte do Sporting de Braga. Para o posto de lateral chegou Natalia Llanes, ex xogadora do Victoria CF, un dos rivais desta campaña do cadro lucense. Tamén para o lateral chega Jessica Higueras “Jessi”, aínda que a murciana adáptase a posición de extremo ou interior. Para a dianteira un dos reforzos é Jone Bilbao, a ex xogadora do Deportivo Abanca que foi criada no Athletic Club. Ademais tamén reforzan o conxunto a colombiana Geraldine Borrero e santiaguesa Natalia Sánchez “Nati” que procede do Atlántida Matamá.

A Primeira xa comezou, pero quedábannos varias fichaxes pendentes. O Pontenova reforzouse con Óscar, o dianteiro Jose e Sebas. Pola outra banda, Cordas será o segundo adestrador do Escairón. O conxunto do Saviñao incorporou tamén ao gardamallas Carrasco que chega desde Cádiz despois de xogar na Preferente de Andalucía. Ao Pol chega Yeray que procede da Sarriana. A última incorporación do Santaballés foi a de Abraham que regresa ao fútbol campo, despois de ter dúas experiencias no fútbol sala xogando no Santiago Futsal B e no Jogafan Ordes.

Na Segunda, o San Lázaro fichou a Samu que vén dende o Outeiro xunto con Julio; a Mincha que vén do San Roque, xunto con Frank e a Mariano que procede do Friol B. Ademais prodúcense dous regresos en dous equipos da categoría. O Goiriz fichou ao defensa Noche que volve ao cadro vilalbés, despois de nove anos ausente por mor dunha lesión. E ao Iberia regresa Adrián Juiz, logo de dous anos sen xogar. Por último, na Terceira un dos equipos que máis se moveu no mercado, o Celta Barreiros, fichou ao porteiro Joserra procedente do Foz.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario