Foto de portada: Mariluz Fagín
Xúntanse as festas ás que ir e xúntanse os movementos de fichaxes no fútbol da provincia. Xa queda pouco para que varios clubs comecen as súas pretemporadas. De feito, o próximo mércores botará andar o proxecto do Racing Villalbés na 2ª RFEF. As noticias, unha vez máis, esténdese por toda a xeografía.
Quen tamén xogará na Segunda Federación é Iago Parga. O central de Sarria volve saír de Galicia despois de dúas tempadas nas que xogou no Bergantiños e no Polvorín. Formará parte do Guijuelo que está encadrado no Grupo I da categoría; polo que visitará a Madalena.
Pola súa parte, non estará na cuarta categoría do fútbol español Pol Bassa. O lateral esquerdo de Burela medra na súa carreira e xogará na Primeira Federación. Ficha na Ponferradina logo de levar tres tempadas na estrutura do Burgos. Antes estivo na canteira do Deportivo.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Xa na provincia, a Brais Prieto pásalle como o seu veciño de Frexulfe, Grande Amore; non sabe se «a vida lle chejará a netos» pero sabe que a temporada 23/24 xogará coa Sarriana na Terceira Federación.
O mediocentro renovou o seu compromiso co club de Sarria no que leva unha tempada e media. Volverá probar sorte nunha categoría na que chegou a xogar co Arzúa e tamén tivo minutos co Viveiro. O equipo adestrado por Jorge Cuesta conta con 14 xogadores no seu conxunto.
Ribadeo vén de celebrar hai uns días un dos seus grandes acontecementos festivos, o Ribadeo Indiano. A festa recrea unha sociedade claramente influenciada pola cultura, tradicións e modas traídas polos indianos, emigrantes retornados das Américas.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Todo isto vén a conto de que case poderiamos considerar a nova fichaxe do Ribadeo FC como un indiano. Nuno Mecía incorpórase ao equipo dirixido por Dani Moirón. O futbolista de Foz levaba cinco anos nos Estados Unidos a onde marchou cunha beca para estudar e xogar ao fútbol. Tras formarse en canteiras como a do CD Lugo, vivirá por primeira vez a experiencia de xogar no balompé sénior galego.
Por certo que a pretemporada deixaranos un dos grandes partidos de sempre na Mariña. O 2 de setembro xogarán o Viveiro e o Ribadeo en Cantarrana.
Na Primeira Rexional, o Monterroso fixo oficial a renovación de Raúl Varela ‘Raulito’ e tamén de Martín Regueira. Ambos xogadores monterrosinos foron criados na canteira de Cerdeiriños, teñen vinte anos e xa acumulan experiencia co primeiro equipo.
O Portomarín anunciou a renovación do gardamallas José López ‘Lisboa’ e do mediocentro Mario Mato. Será a tempada do retorno do cadro do Chao da Poza á Primeira logo de vivir a experiencia da Preferente.
Na Segunda Rexional, o Ferreira prepara novo proxecto con Manu Rodríguez aos mandos. Podemos adiantar, se nada se torce, que nos próximos días anunciará fichaxes de xogadores procedentes do Lemos B, club que dirixiu o actual preparador.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Jorge Vázquez Fagín, Adrián Pérez ‘Buti’, Hugo Madarnás e Abde (que xa estivera no Ferreira) chegarían ao Baliño. A eles uniríanse, en principio, Dani Bernárdez do Incio (que tamén estivo no Lemos B) e o monfortino Jordi do Río Sil.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/02/FERREIRA_JULITO.jpeg)
Uns que virán e outros que marchan. O Ferreira comunicou que non van continuar nin o gardamallas Víctor nin o atacante Julio. Ambos futbolistas de Chantada levaban catro anos no club.
Tampouco está previsto que sigan no conxunto de Pantón nin Olano, Jhonny, Luigi ou Samba.
O Quiroga comunicou a continuidade de dous capitáns. O mediocentro Manuel López ‘Polín’ seguirá guiando aos do San Martiño. O futbolista de Fisteus fará 48 anos no outono. Álex Mondelo tamén renova no club. O de San Clodio (Ribas de Sil) tamén estará no regreso do conxunto verde á Segunda Galicia.
O Brollón xa adiantou a programación dos seus amigables de pretemporada. Sen dúbida, salienta a cita fixada para o 9 de agosto no que se enfrontará o CD Barco (sen lugar nin hora confirmada).
O equipo de Valdeorras vén de descender da Terceira RFEF, xogará na Preferente sur. Na primeira finde de setembro desputará un amigable coa Sarriana B que sairá a competir na Terceira Rexional tal e como comentamos hai unhas semanas.
O Racing Villalbés B segue mantendo o bloque do ascenso e reafirmando a presenza de xogadores que rematan a súa etapa de xuvenís. Trátase ademais de dous xogadores de ataque. Reda e Alfredo seguirán ás ordes de Iván Lamas.
O Xermade anunciou a súa quinta renovación. Trátase do porteiro Ángel Prieto que pasará a estar ás ordes de Borja Bouza.
Na Terceira Rexional, centrocampista de Ourol David Balsa vai cumprir a súa segunda tempada no Celeiro. Tamén será o segundo ano para Diego ‘Ciufi’. Con estas renovacións, o club xa anunciou nove xogadores para a campaña que vén.
Edgar Vázquez ‘Puchi’ renova o seu compromiso co Páramo. Segunda tempada do xogador lucense que chegara ás Rapadas o verán pasado procedente da Comercial. Ademais, xa é seguro que vai continuar o gardameta Marquitos.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/07/allstar_fem_noa_monteforte.jpg)
No futfem, a futbolista All Star Noa da Rocha seguirá un curso máis no Monteforte. O club monfortino competirá a próxima campaña na Terceira Galega, unha categoría de nova creación.