O mercado no fútbol lucense está que arde. Comezamos pola primeira renovación no cadro de xogadores do Racing Vilalbés para o seu proxecto en Segunda RFEF. Non é outro que o gran capitán López, que cumprirá once temporadas no conxunto chairego.
O Lemos comeza a perfilar o seu cadro de xogadores con dúas incorporacións. Os monfortinos apostan pola xuventude e incorporan ao lateral zurdo Charlie, que vén de debutar en Terceira RFEF coa UD Ourense logo de disputar boa parte da temporada no xuvenil de liga nacional, e ao centrocampista David, procedente do A Peroxa e formado no Barco e na UD Ourense.
O Outeiro de Rei protagoniza varias novidades na Primeira Autonómica. Dous xogadores da casa, Tichu e Veiga, continuarán un ano máis no conxunto que dirixirá Adrián Vázquez. Tamén incorpora a Seijas, que chega ao Municipal desde o Muimenta. Un recén ascendido como o Meira anunciou a renovación dun dos seus buques insignia, o goleador Farra.
O Pol xa ten adestrador. E será nin máis nin menos que o que fora verdugo do cadro vermello na pelexa polo ascenso na temporada 2021-2022: Fernandito. O monterrosino vén de ser protagonista na época máis gloriosa do Portomarín. No Xove Lago contarán de novo con Juan Pablo Monzón ‘Chile‘, que afrontará a súa terceira etapa no cadro verde, logo dun ano inactivo. Todo un clásico do fútbol mariñán logo do seu paso polo Ribadeo, Valadouro ou Burela.
Tamén conta con novo adestrador o Ferreira. Manu Rodríguez, con pasado no Lemos B ou Taboada, entre outros, será o novo inquilino banquiño do Baliño, unha vez anunciada a saída de Jesse. O Iberia reforza a súa parcela de ataque con Diego e Samu, dous xoves xogadores formados na SD Ribadeo e que proceden do Sporting Pontenova, e parece que non virán sós. Xunto ao novo técnico, Moro, estará como segundo adestrador Roberto Acebedo.
O xa ex adestrador do Iberia, o focense José Manuel, cruzou a Ponte dos Santos, e adestrará a un histórico do fútbol asturiano como é o Real Tapia.
Na vindeira campaña, a Sarriana contará cun equipo filial que contará só con xogadores sub 23 e estará adestrado por Michel. O técnico tamén se fará cargo dun equipo infantil e outro cadete na EF Polvorín.
A veterá porteira Laly, que defendeu a portería do Carballedo, retírase da práctica do fútbol.