O mercado non para de moverse, pese a que aínda estamos a comezos de xuño. As primeiras novas chegan desde Lourenzá. Logo dun ano intenso e sufrido, o corpo técnico que conseguiu a permanencia renova un ano máis na Santa Cruz. Roberto Ramallal seguirá aos mandos dunha nave na que Maikel continuará como segundo. Ademais, este último adestrará ao equipo xuvenil das Escolas.

Tristes, porén, son as novas que chegan desde A Reigosa. O Friol anunciou a retirada de Cobas, Portela e Aitor. Logo de moitos anos ao servizo do conxunto vermello, as súas marchas súmanse á de Rafa Casanova, estandarte do club. Semella que poden non ser as últimas despedidas en Friol este verán.
Outro adestrador que non continua é José Manuel no banquiño do Iberia. Logo de tres temporadas, na que o conxunto de San Miguel rozou o ascenso a Primeira e chegou á final da Copa Deputación, o focense di adeus ao campo das Valgas.
Na Milagrosa, Héctor Expósito trocará o banquiño polos despachos. O técnico será o encargado de cordinar o fútbol feminino branquivermello.


Unha vez celebrada a primeira asamblea da Gimnástica Lucense, Calzón cedeulle o posto de presidente a José Bouso, o mesmo co que o CD Lugo alcanzou o fútbol profesional no ano 2012. Ademáis, o club terá que buscar outro nome, xa que non é posible rexistrar o actual nin en galego nin tampouco en castelán.