Agosto vai avanzando e varios equipos xa comezan a mirar para o calendario do inicio de liga. É o caso do Viveiro que comezará a temporada oficial a segunda fin de semana de setembro. Continúa perfilando o seu cadro de xogadores e é protagonista dunha nova entrega do #DiarioDunMercado.
O cadro viveirense incorporou nas últimas horas a tres novos futbolistas. Seguindo coa tendencia desta pretemporada, chegan tres novos futbolistas de fóra da comunidade. Os centrocampistas Miguel López Castellano ‘Shuster’ e Álex Moreno, xunto co lateral dereito Daniel García Yepes.
Na Segunda Rexional salienta no norte a chegada de Dani Chinchón ao Alfoz. O futbolista focense xogou as últimas tempadas no Celta Barreiros.
No sur, por Pantón festexan esta fin de semana o Trece Roeis Fest. Hai música esta fin de semana no campo de fútbol do Baliño a pesar de que esta tempada no Ferreira quedan sen Samba. Un dos dianteiros máis goleadores da Segunda mudouse a Cuntis por motivos laborais e xogará no Atlético Cuntis en Primeira Rexional.


Tamén son baixa no equipode Ferreira Abde (marcha para o Lemos B), Hugo, Toño, Fran e Cabanelas.
Na Terceira Rexional cómpre destacar que finalmente o San Roque B non sairá a competir. O filial lucense inscribiuse nun primeiro momento na categoría pero finalmente renuncia á competición. O Grupo Norte da división quedará finalmente con once equipos.
No sur destacamos unha renovación no Quiroga. O lateral Campos queda no conxunto do San Martiño.

Ademais no fut fem, salientamos a marcha da dianteira Diana Picos do Carballedo CF. A futbolista All Star na edición de 2019 deixa o equipo ao que chegou dende a súa creación.