O mercado provincial non baixa en intensidade. Na Terceira División o Racing Vilalbés anunciou a súa primeira fichaxe. Alberto Lamas “Make” regresa ao conxunto chairego despois de xogar a última temporada na SD Compostela. O mediocentro de Árbol participou en 33 partidos co conxunto santiagués, dos cales foi titular en 22. Agora, reforza ao equipo da súa terra que tamén confirmou dúas renovacións importantes, as dos xemelgos Varela. Javi e Jose seguirán portando a camisola vermella e verde unha campaña máis. Na mesma categoría, o monterrosino Pablo Antas fichou polo Bergantiños despois de formar parte as últimas temporadas no Somozas da Segunda B. Unha lesión impediulle xogar a maior parte do pasado ano e agora recala no conxunto de Carballo, un dos que máis se está reforzando neste mercado estival.

Xaime xogouno todo en Terceira co Castro, agás dous encontros que se perdeu por sanción. A súa labor a balón parado converteuno no máximo goleador do equipo con 11 goles.

Pola súa banda, dende a Preferente Norte chega unha das novas do día. Xaime é novo xogador do Viveiro, despois de facer unha boa temporada no Castro na Terceira División. O equipo chairego non foi quen de mantela categoría, pero o mediocentro de Outeiro foi un dos futbolistas máis regulares da competición. O Castro tamén comunicou que Jonathan Pérez García, que afronta o seu primiero curso como sénior, fará a pretemporada cos pupilos de Javi López. E como xa comunicamos onte, Alberto López deixou o banco do Atlético Escairón que busca substituto.

O Monterroso xa ten novo adestrador para o equipo da Primeira Galicia. Juan Carlos Rodríguez dirixirá ao conxunto de Cerdeiriños despois de ser adestrador do Polvorín (co que ascendeu a Preferente) e preparador físico do CD Castro na última temporada en Terceira. O ex-adestrador Adrián Vázquez seguirá como coordinador deportivo, unha tarefa que xa viña desenvolvendo. Na mesma división, Manolito xa é xogador do CD Foz, o dianteiro procede do Valadouro.

Na Segunda Galicia, o Meira anunciou varios cambos de cara o vindeiro ano. Marcos Lombardero é o novo adestrador que non poderá contar con Garboso e Sophian que causan baixa por motivos de estudos. Aínda que o equipo non está pechado, xa firmou ao central Alberte, aos laterais Otero e Rafa Ovejero, aos mediocentros Pirlo e Sergio e ao media punta Mariva. O conxunto meirego comezará a pretemporada o 1 de agosto e xa ten confirmados varios amigables: o 4 de agosto fronte ao Riotorto no concello veciño, o 6 co Santaballés no campo da Fonte, o 9 co Cospeito no campo da Fonte, o 15 (coincidindo coas festas de Meira) enfrontarase ao Castro, o 23 co Pontenova a domicilio, o 26 co Muimenta no Pichón e o 30 co Riotorto en Meira.

Kafu é unha das novas incorporacións do novo proxecto entre o Sp Lucense e a Sg Comercial para o equipo de Terceira

Pola súa parte, o defensa Adam é a segunda fichaxe do Burela despois da incorporación de Javi Celes. O xogador conta cunha ampla experiencia en varios equipos do fútbol mariñán como o propio Burela, Viveiro, Foz ou Xove. No grupo sur, o Brollón tamén ten practicamente definida a súa pretemporada que arrancará o 28 de xullo. O sábado 5 de agosto xogará co Sober, o 20 co Taboada, o 26 o Memorial Calviño fronte ao Rubián e o 2 de setembro co Incio.

Na Terceira Galicia, o Incio ségeuse reforzando, desta volta con xogadores da terra. Marcos Pombo con raíces no Val do Incio chega ao equipo amarelo despois de xogar nas categorías inferiores da Sarriana. Do fútbol sala vén Ignacio Gayoso “Nano”, o futbolista de Cervela procede do Meigallos de Sarria. Por úlyimo, a unión entre Sp Lucense e Sg Comercial comeza a tomar forma. No tocante ao equipo que vai saír en Terceira xa se coñecen as primeiras incorporacións. Maci, Iago, José, Jesús, Kafú, Iván, Pedro y Martín.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario