Xa facía ben tempo que non falabamos dos movementos do Mercado. Quizais por iso hoxe traemos unha chea de novidades en moitas categorías.
Na Primeira Galicia, a SD Outeiro de Rei incorpora ao lateral Adrián López, que chega desde a Residencia xuvenil. Un dos mediocentros máis contrastados na categoría, David Barrio, é novo xogador do Portomarín; e outro equipo que se reforza é o Chantada Atlético: ao Sangoñedo chegan Castañer e Cañón. Por último, máis ao norte, o Riotorto asina a Henry, Iker e Adrián, tres futbolistas de corte ofensivo.
Xa na Segunda, o Muimenta ficha a Seara e Bebeto, ambos procedentes do Rioaveso; Chasis descolga as botas e únese á disciplina do Páramo, e a SD Antas faise cos servizos de Zhasky e de Pablito.


