Diario dun Mercado. Episodio 237

Amenizamos a calor que estades a pasar (algún máis que outros) cunha nova xornada chea de renovacións e fichaxes. Como ben sendo habitual nos últimos días, abrimos o repaso co fútbol feminino. Nel, o PM Friol continúa a incorporar futbolistas, moitas delas procedentes do Málaga CF. É o caso de Naiara Velasco, centrocampista habilidosa de 20 anos e última en ser anunciada na Reigosa, que chega para aportar calidade ao equipo na procura do ascenso.

Un sitio onde non están a padecer a onda de calor é o Martínez Otero. O campo mariñán é unha das poucas excepcións que escapan hoxe dos 30ºC. Quizais ese clima suave e agradable é un dos factores que convenceu a Dani Sante, David Ben e Xesús para renovar o seu compromiso co CD Foz.

Os clubes da Primeira póñense a punto

Tamén estamos falando moito ultimamente da Primeira Galicia. O inicio das pretemporadas está á volta da esquina e os clubes queren deixar todos os cabos atados antes de que se faga tarde. Hoxe en concreto falamos de dous: a SDC San Roque e a UD Pastoricense.

En Pastoriza, á xa comentada fichaxe de Suso Orxás súmanse Roi, Carlos, Diego Rico, Hugo Grueira, Jose Antonio, Adrián e Brais (os dous últimos suben desde o xuvenil). Todos eles acompañarán aos xa renovados Iago, Gandoy, Diego, Cristian, Iago Ares, Adrián Saavedra, Dani, Dani Celeiro, Javi Vidal, Hugo Leivas e Kanuto. Además, os do Acebreiro teñen a tres futbolistas a proba e non dan por pechado o cadro de xogadores polo momento.

En Lugo, a SDC San Roque comezou a facer efectivo o seu convenio coas EF Polvorín e, froito diso, incorpora a un bo número de xogadores que -na súa maior parte- procede das categorías inferiores amarelas: Álex ‘Caillou’, Rubén Lombao, Jano, Diego Alvariño, David, Nico Fraga, Sebas e Jorge Álvarez. O clube verdibranco tamén saca proveito á súa propia canteira e sube a Cristian ao primeiro equipo desde o xuvenil.

Diego Alvariño chega a Montirón logo dun ano no Guitiriz.
Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 459

Deja un comentario