Estamos de estrea. Hoxe regalámosvos a previa do que será todo o verán en Futbolinlugo. Chega o prólogo do Diario dun Mercado. E faino con estes ‘rumores’ que xa foron confirmados.
O Castro 17-18 xa ten dous nomes confirmados para a súa volta á Preferente Galicia. Charly seguirá sendo o adestrador do conxunto vermello. O técnico sarrián seguirá contando coa ‘zurda da Pastoriza’ posto que Edrosa xa confirmou a súa renovación ao novo director deportivo, o exxogador Suso.
Sen movernos de categoría, o Ribadeo anunciou a continuidade de Fiz Rodríguez para a próxima tempada. Tras un inicio dubitativo, o conxunto mariñán firmou unha notable tempada e a man do adestrador fíxose notar. Pode que na vindeira campaña o cadro do Pepe Barrera queira dar un paso máis, porque empezan a soar con forza varios nomes de xogadores máis que interesantes.
Así mesmo, emerxen dous nomes propios no Becerreá. Hai escasos meses parecía que sería a última tempada de Antón na Montaña. Non será así. O adestrador seguirá crecendo co clube. Aínda que xa non exercerá como técnico do primeiro equipo. Esa tarefa recaerá en Nico Longhini, actual preparador da base.
Tamén nos chegan novidades dende o Incio. Alí continuará a columna vertebral do equipo. Ese conxunto que se meteu no play off de ascenso á Segunda Galicia. O porteiro Peña; os defensas Anido, Urdi, Xose e David; os medios Samu, Manu, Darío e Lynget; e os dianteiros Vila e Oscar continuarán nun clube que podería anunciar moi pronto outras catro ou cinco renovaciónsque ten prácticamente feitas.
Estas novas e as xa comentadas na nosa web con anterioridade, coma a marcha de Emilio García do Taboada ou a de Aurelio do Viveiro, supoñen o pistoletazo de saída dun verán no que Futbolinlugo dará moito que falar.