*Santaballés-San Ciprián: Novo triunfo dun serio Santaballés que segue en zona de ascenso. O cadro de Dani Moirón adiantouse nunha das escasas ocasións que se rexistraron no primeiro acto. Despois do descanso, os chairegos aproveitaron un erro defensivo dos mariñáns e fixeron o segundo da tarde. A falla dun cuarto de hora para o remate, Borja Mella marrou un penalti. E aí morreron as posibilidades de puntuar dun San Ciprián ao que lle faltou profundidade na Liga.
*Riotorto-Sporting Pontenova: Tres puntos con adicatoria moi especial. Para Fran Pastor, a quen lle faleceu seu pai o mesmo día do encontro. No relativo ao xogo, a Pontenova deixou unha grandísima imaxe na Veiga. Meteu en serios apuros a un equipo local con numerosas baixas e dispuxo de ocasións suficientes para puntuar. Non foi así, xa que dous goles nos últimos compases de cada unha das partes, deixou o derbi en Riotorto.
*Monterroso-Páramo: Un gol olímpico de Melchor deulle un triunfo balsámico ao Monterroso en Cerdeiriños. O tempraneiro tanto do capitán dos da Ulloa encendeu a un Páramo, que se mostrou superior pero sen gol. Os de Fontal asumiron riscos tralo descanso, aínda que coa escasa puntería mostrada pouco puideron facer. O cadro de Roberto Rielo perdonou a sentencia ao contragolpe.
*Burela-Outeiro de Rei: Gran tarde de fútbol na Marosa, que comezou cun remate fóra de Diego Seijas na área pequena rival. Un Burela moi serio adiantouse nun penalti ‘tonto’. Adrián Román puxo no marcador a igualdade existente no terreo de xogo nunha boa acción combinativa do Outeiro. Na segunda metade mantívose a tónica do primeiro tempo e o cadro mariñán levouse o gato á auga nun saque de esquina mal defendido polo cadro de Cholas.


*Lemos-Chantada Atlético: O líder sufriu ante un Chantada Atlético que deu moita guerra na Pinguela. Os de Fran Regal foron superiores na primeira metade porén careceron de efectividade. Os monfortinos melloraron despois do paso pola zona de vestiarios. Un solitario gol de Diego Arias propiciou un novo triunfo do cadro de Edu. Iso sí, os chantadinos mantiveron a incertidume ata o final. Os visitantes regresan a postos de descenso directo.
*Friol-Taboada: Traballada victoria do Friol ante un frouxo Taboada. O balón foi dos da Reigosa na primeira metade ante un rival ben posicionado e que buscaba o contragolpe con Guerreiro. Os da Medela atoparon ao seu dianteiro en varias ocasións, sen sorte algunha. Melloraron os de Martín Murado na reanudación e puxeron o 0-1 no marcador nunha rápida transición. Os de Jon Vázquez reaccionaron ao grande. Con dous goles case consecutivos de Marcos e Santi. Isto propiciou que o encontro se abrise. O Friol non logrou sentenciar e o Taboada pelexou ata o final, especialmente nun man e man e dende o curruncho. Iso sí, os puntos quedaron en Friol.

*Xove Lago-Pastoricense: O conxunto de José Manuel saiu de postos de descenso directo cunha victoria fundamental e anímica. Foi un encontro marcado polo vento e cun Pastoricense lonxe da súa mellor versión. O Xove Lago logrou unha mínima vantaxe ao descanso, quizais insuficiente para todo o fútbol mostrado na primeira metade. Na reanudación, Juanjo Coello fixo e segundo. E Casillas salvou aos de Fran Veiga dunha goleada. Aínda así, o gol de Diego Seco no tramo final sementou as dúbidas no Municipal. Porén esta vez, os puntos quedaron no peto dos verdes.
*Residencia-Pol: O conxunto de Abad desperdiciou un 0-2 ao seu favor despois de firmar unha gran primeira hora de encontro. A Residencia, que foi de menos a máis, firmou unha remontada espectacular. Con tres goles nos últimos dezaoito minutos. Heitor regresou aos terreos de xogo despois de moitas semanas no dique seco por unha lesión.
*Chantada-Atlético Escairón: Duelo con moito ritmo, presión intensa de ambos equipos e verticalidade. Derbi dos que crean afección. O cadro de Juan Rodríguez non foi capaz de aproveitar a súa superioridade en gran parte da primeira metade. Marcou tralo descanso, nunha boa acción colectiva. O tanto espoleou ao Chantada, que aumentou as diferenzas cun tanto de Traste e viu como lle anulaban outro por suposto fóra de xogo. O Atlético Escairón nunca se deu por vencido e apretou moito nos últimos dez minutos. Os de Eskalza fixeron o 2-1 pero a cousa quedou aí. O partido rematou cos locais defendéndose con uñas e dentes e cun lanzamento ao longueiro dos do Saviñao.