Destacados Primeira. Xornada 12

*Riotorto-Chantada Atlético: Goleada do Riotorto nun encontro moi aberto e plagado de ocasións. Pablo Ruiz, nun saque de esquina, foi o único que viu porta na primeira metade. Tralo descanso, os de Labrada intensificaron o seu dominio e o 2-0 chegou cun tiro cruzado de Felipe Varela. O gol relaxou aos mariñáns e sacou o mellor fútbol dos chantadinos, que recurtaron diferenzas cun gol de Adri. Os cambios no tramo final déronlle un empuxón ao Riotorto, que pechou a victoria con dous goles máis. Felipe Varela asinou un doblete.

*Friol-Pastoricense: Partido dos que fan afección na Reigosa. O Pastoricense non foi quen de ferir a un Friol impreciso na primeira metade. A tolemia chegou na reanudación. Os de Jon Vázquez adiantáronse no ecuador da segunda metade. Ao pouco de marcar quedaron con dez pola expulsión de Adrián. Os visitantes empataron porén o ímpetu local fixo que o Friol se puxese por diante de novo. O cadro de Fran Veiga non dixera a súa última palabra e igualou unha vez máis no minuto 88. O resto xa é poesía. No desconto, o conxunto vermello disfrutou de tres saques de esquina consecutivos. Un con gol pantasma incluido. Na contra do último deles, na última xogada do encontro, chegou o terceiro tanto do Pastoricense. Unha victoria das que permanecen na memoria.

*Santaballés-Atlético Escairón: Un gran Atlético Escairón asaltou A Mina nunha das sorpresas da xornada. O ‘Rifle’ Pandiani certificou a súa volta ao marcar os dous goles do partido, un deles de fermosa factura. O cadro de Dani Moirón marrou un man a man nada máis comezar ante Carrasco. Os visitantes reaccionaron a este tempraneiro aviso e foron labrando o seu triunfo ante un Santaballés que apenas xerou perigo. Os chairegos aínda non coñecen a victoria con Dani Moirón á fronte do equipo.

*Taboada-Sporting Pontenova: Todos os goles chegaron antes do cuarto de hora de xogo. Guerreiro firmou un doblete nas primeiras chegadas do encontro. Matelo meteu de novo ao Pontenova no encontro. A partires de aí, o equipo de Andrés Bouza buscou o empate. Dispuxo de posesión, nalgunhas fases do partido, e ocasións; porén o marcador non se movería máis. Os mariñáns mantéñense coma colistas.

*Xove Lago-San Ciprián: Unha parte para cada conxunto no Municipal. O equipo de José Manuel non se atopou cómodo na primeira metade. Todo o contrario que o San Ciprián, que coas ideas moi claras, meteu medo aos locais ao contragolpe. Antón adiantou nunha falta aos visitantes moi preto do descanso. Juanjo Coello empatou na segunda metade nunha acción de estratexia. O Xove Lago desperdiciu unha magnífica ocasión de Diego Chao a porta baleira para levar un derbi mariñán, que terminou en táboas.

*Residencia-Páramo: A resistencia do Páramo durou o que tardou a Residencia en marcar o primeiro gol, obra de Dani Galán a dez minutos para o descanso. Acto seguido, Iago Alonso aumentou as diferenzas. O resto de goles chegaron na última media hora de partido. O cadro de Álvaro Meilán puido lograr aínda un resultado máis abultado nun partido moi especial para varios xogadores do conxunto das Rapadas. Preto da metade dos convocados por Fontal, que esta xornada non puido dirixir ao seu conxunto, tiñan pasado no conxunto residencialista. Os capitalinos colócanse en zona de ascenso.

*Burela-Pol: Un doblete de Carlitos na segunda metade puxo fin á xeira de seis xornadas consecutivas sin gañar do Pol. Os de Abad atopáronse cun Burela irrecoñecible, cunha imaxe moi distinta á que acostuma esta temporada. Os desacertos defensivos dos mariñáns unido ao olfato goleador do pichichi da categoría explican o resultado. Diego Hermida, última fichaxe do cadro verde, debutou tralo descanso.

*Chantada-Monterroso: Derbi moi aberto con alternativas nas dúas áreas. O Monterroso adiantouse nunha falta e o Chantada empatou nun saque de esquina. A partir de aí, os de Juan Rodríguez controlaron o choque e fixeron o segundo antes do descanso. Na reanudación, os do Sangoñedo atopáronse co longueiro e os de Rielo igualaron de novo a contenda nun erro defensivo local. O tanto propiciou que se vira a mellor versión dos de Cerdeiriños. Aínda que o dominio no tramo final foi do Chantada. E no minuto 93 chegou o definitivo 3-2. Obra de Manuel de falta directa. Por certo, Pardo marcou un doblete para os visitantes. Traste fixo o propio para os locais.

*Lemos-Outeiro de Rei: Primeira derrota do Lemos e primeiros puntos que fuxen da Pinguela esta temporada. O Outeiro deu un golpe sobre a mesa nunha magnífica primeira metade. Diego Seijas marcou o único gol do encontro cun lanzamento dende o centro do campo. Os de Cholas perdonaron o segundo ao contragolpe. Na reanudación, cambiou o conto. O equipo de Edu Rodríguez fíxose co mando do partido porén non foi quen de ver porta. Nin en superioridade numérica, xa que os azulóns xogaron case media hora cun home menos pola expulsión do Mago Charly. Ese cartón vermello fixo que o choque se suspendese durante un cuarto de hora pola polémica xerada.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 753

Deja un comentario