cabreiros_xermade

Dani Rebolo: “Se non podo compaxinalo, prefiro non enganar a ninguén”

Ascender de categoría no primeiro ano como adestrador non está o alcance de calquera. Daniel Loures Pico ‘Rebolo’ (As Pontes, 23/08/1988) conseguiuno na súa estrea no banco do CD Xermade. Subiu á Primeira Rexional cos xogadores que eran compañeiros de vestiario no curso anterior. Un descenso por arrastres levou ao cadro xermadino de novo a Segunda. Alí militou as últimas dúas campañas tamén baixo os mandos de Rebolo. Pero o técnico pontés deixa o equipo para pechar a súa primeira etapa como preparador sénior. Paco Castro será o novo director do banco no Municipal. Co motivo da súa saída nestes tempos de pandemia conversamos con Dani Rebolo sobre o que foi a súa primeira gran experiencia dirixindo.

Futbolinlugo: Cales son os motivos para non continuar no CD Xermade?

Dani Rebolo: Principalmente polo tema do traballo. Despois do confinamento, pensei que cando volvese todo, ía ser imposible. O ano pasado xa me custou compaxianr. Empecei a mirar que era moi difícil saír antes das oito da tarde e chegar con tempo para o adestramento. Nestes momentos é incompatible.

Fil: Era algo previsto ou impulsado por esta situación que vivimos?

DR: Xa o tiña en mente. Os dous últimos meses antes do parón foi onde máis me custou compaxinar. Incluso chegara tarde a un adestramento. Non me gusta facer o meu traballo se non é ao 100%. Se non podo facelo, prefiro non empezar e non enganar a ninguén. Poden contar comigo para o que precisen pero sen ese compromiso.

“Non lle soubemos coller este ano o xeito a categoría”

O Xermade 19/20 rematou sexto na clasificación de marzo. Foto: Guía Fútbol en Lugo 2019

Fil: Que valoración fas desta tempada que rematou inesperadamente en marzo?

DR: Atípica, pero desde o comezo. Foi o ano máis frouxo. Tanto a nivel grupal como tamén meu que son o máximo responsable. Deberiamos estar moito máis arriba do que estabamos. Perdemos partidos contra rivais da zona baixa que en anos anteriores era máis difícil que perderamos. Era algo que nos estaba condicionando. No resto de encontros competimos, agás o partido coa Pontenova na casa que se nos foi no marcador. Tiñan tres xogadores na zona de ataque diferenciais. Non lle soubemos coller este ano o xeito a categoría. O punto débil foi non saber competir en campos donde non podiamos desenvolver o noso fútbol.

Fil: Moi diferente a tempada do ascenso…

DR: O ascenso vén promovido porque cos de abaixo non perdemos. A clave para subir de categoría foi esa. Son puntos que, se queres ascender, non se poden deixar escapar.

Fil: Como viches o nivel da categoría?

DR: Creo que había moi bos equipos. Pontenova, Sanci, Alfoz,… Si que cando vas a campos en pleno inverno, como por exemplo o caso de Abadín, están impracticables. Pero non podemos esixir cousas tan difíciles de conseguir. A categoría en si está ben planificada, é atractiva e hai competividade. Aínda que cando vin a premporada pensei que sería das tempadas máis frouxas. Logo demostrouse que non. Non se abriu fenda e houbo moita igualdade. Podías perder en calquera lado.

“A calidade humana do grupo foi o que máis cómodo me fixo sentir”

Fil: Catro temporadas. Un ascenso á Primeira, un descenso, postos altos na Segunda,… con que te quedas do teu paso polo Xermade como adestrador?

DR: O fácil sería que me quedara co ascenso. A calidade humana do grupo foi o que máis comodo me fixo sentir. E do que máis orgulloso estou. Sobre todo porque era un rapaz novo que só tiña experiencia no fútbol base. Dende o primeiro día creron na miña idea. O primeiro ano foi moi bo, pero se teño que salientar algo quédome co ano de Primeira. Xogar partidos contra equipos como o Lemos ou o Chantada co xogo que fixemos foi un orgullo. Custounos porque viñamos condicionados. Fixéranse poucas fichaxes. Non lle collimos o ton ao primeiro. Logo empezamos a medrar e a crelo. Engancharamos unha xeira boa. Pero caímos polos arrastres. Quédome coa metade do ano de Primeira Rexional. Todos aprendimos moito. Foi o momento máis válido como adestrador. Xogar de diferentes maneiras, ver moito fútbol contra equipos que son moi superiores a ti…; todo iso faiche mellorar.

Fil: Como se levou o de pasar a adestrar aos que eran os teus compañeiros?

DR: Eu teño unha forma de ser clara. Fóra do campo teño todo amigos. Pero dentro do terreo de xogo non son un compañeiro nin un amigo. Tes que ser un pouco a autoridade. É certo que as primeiras veces que tes que botar un berro atópaste raro. Pero vivímolo con total normalidade. Eles tamén souberon diferencialo. Aí foi a clave do éxito. Que non se confundiran porque eu poidera ter unha predilección por algún xogador por ter máis afinidade. Cando sentaba a alguén, sentábao. Axudáronme moito. Despois xa iamos tomar as cañas e de risas.

Fil: Pregúntannos se vas botar de menos insistirlles na importancia do terceiro home nos adestramentos?

DR: (risas) Saben que é algo que me gustaba moito. Estaba no meu manual de saír xogando. Era unha das nosas armas. Non tiñamos recursos para xogar en longo, polo que tiñamos que facer un fútbol combinativo máis rápido. O terceiro home era algo que non dominaban e ao prinicipio acabaron agotados. Logo xa iba rodado. Pero algún chegou a soñar co terceiro home.

Fil: Como xogador pasaches por equipos como o As Pontes, o Viveiro, o Galicia Mugardos, o Imperátor ou o Xermade. Xogador ou preparador, con que te quedas?

DR: De xogador estiven moi cómodo. Con 18 non tes a forma de pensar que teño agora. Se tivera algo máis de cabeza aproveitaría un pouco máis. Estaba estudando na Coruña e ir adestrar catro días á semana facíaseme moito. Logo na perna esquerda empezáronme a saír varices. Non daba o rendemento que tiña que dar. Como adestrador sufro moito desde fóra. Son moito de andar berrando. Cómeme por dentro non poder facer a xogada ou dar ese pase. Pero quédome coa fase de técnico. Gústame moito tentar mellorar cousas, introducir outras novas ou darlle voltas ao equipo.

“Para estar en 1ª o Xermade tería que dar un cambio bastante grande”

Gonza (1º pola esq.) e Esteban (3º pola esq.) son dos poucos xogadores do CD Xermade que son nativos do Concello

Fil: Cal cres que debe ser a categoría do Xermade?

DR: Sinceramente a Primeira é dura e hai moitísima igualdade. Compáraste co Santaballés, que acaba de ascender a Preferente moi merecidamente, é as diferenzas son enormes en todo. Xogadores, instalacións,… para estar en 1ª o Xermade tería que dar un cambio bastante grande. É un equipo de Segunda para estar nos postos altos. E se un ano se dá a opción e ascendes, hai que fichar. Hai que poñer a carne no asador.

“Estase perdendo a educación futboleira”

cabreiros_xermade
Dani Rebolo estivo catro temporadas como adestrador do CD Xermade despois de ser xogador no cadro xermadino

Fil: Que futuro lle auguras ao fútbol afeccionado?

DR: Véxoo complicado. Cando eu tiña 18 ou 19 anos vía máis atracción polo fútbol. Agora vexo que non é a prioridade no sentido de adestrar e coidarse. Estase perdendo a educación futboleira.

Fil: E en concellos tan pequenos é máis complicado…

DR: En Xermade hai catro equipos. Son catro zonas moi próximas. As xeracións de 18, 19 e 20 anos están estudando fóra. Sería máis factible se non houbera tantos equipos ou organizándoo doutra maneira. A xente non ten compromiso porque non ve diñeiro. Aí estamos confundidos. Primeiro tes que demostrar que podes estar aí cun compromiso e cunha base de técnica e táctica. Non hai esa cultura. Acórdome cando xogaba eu nas Pontes en Preferente. Pasaba xente ao meu lado que xogara en Segunda ou en Segunda B e tiñas que aprender. Eu dicía “se quero estar o nivel destes xogadores, teño que sacrificarme o dobre ca eles”.

Fil: Igual con todo este tempo que levamos sen fútbol, alguén botouno ben en falta…

DR: Tivemos moitísimo tempo para pensar. E moita xente deuse conta da necesidade do fútbol e de estar desfrutando cun balón nun campo. Se queres conseguir un obxectivo, hai que facer un esforzo.

Fil: Como ves o posible regreso da competición no fútbol afeccionado?

DR: Vai ser complicado porque no momento no que poda aparecer un positivo o mellor tes que chegar a parar a liga. Non vexo difícil o tema do público, por exemplo. Hai sitio de sobra para estar repartidos e que non haxa problemas de seguridade. Se se poñen as condicións de limpeza e desinfección. Pero despois é complicado para un equipo facer controis e saber que vas sen contaxios. Haberá que ver que parte pon da súa man a Federación e as administracións.

Fil: Agardemos que sexa xa sen pandemia, pero por onde pasa o futuro como técnico de Rebolo?

DR: Quero seguir formándome. No momento no que poda compatibilizar horarios, vou estar encantado de volver. Pero agora toca parón polo menos unha temporada. Verei moito fútbol e desfrutarei como afeccionado dende a bancada (se se pode).

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario