Simón Lamas, adestrador do Racing Villalbés, foi o encargado de inaugurar as I Xornadas Futbolinlugo Burela Bonita. O congreso xuntou a oito referentes do fútbol provincial e do fútbol galego. O técnico chairego titulou a súa ponencia como: «Proceso metodolóxico en base á análise do rival».
«A maneira que temos os adestradores de ser mellores é grazas ao noso corpo técnico»
Fixo un repaso a preparación dos partidos que desenvolve o equipo de adestradores do cadro sénior do Racing. Tomou como exemplo o inicio desta tempada diferente para o conxunto na Terceira Galega. En concreto contou como foi a preparación e a análise posterior do duelo entre o Villalbés e o As Pontes.
«Non é o traballo que se debe facer. É o que nós facemos»
As conferencias desenvolvéronse o 14 de novembro no Salón de Conferencias no Concello de Burela. A asistencia estivo moi limitada por mor das restricións sanitarias da Covid 19. Non obstante, o evento puido seguirse en directo vía streaming. Ademais as ponencias quedaron gravadas e poderán ser visualizadas na canle de Youtube de Futbolinlugo. Nos vindeiros días seguiremos incorporando ao resto das charlas.
Trátase dun Congreso feito en colaboración co Concello de Burela. Pretendemos manter o espírito do fútbol nunha época complicada. Así como reivindicar o talento dos adestrador@s lucenses e galegos. A nosa idea é a de seguir medrando e poder continuar facendo comunidade a prol do noso fútbol.
Esta aposta, súmase a outros eventos e accións promovidas por Futbolinlugo máis aló da nosa web. A primeira iniciativa foi a publicación da Guía ‘Fútbol en Lugo’ en colaboración con El Progreso. Publicouse en dúas ocasións. Nesta tempada non se realizou xa que o inicio das competicións foi suspendido. O segundo evento ao grande desta comunidade foi o I All Star Futbolinlugo. Fíxose ao final da temporada 2019/2020. A gran festa do fútbol lucense tampouco puido levarse a cabo neste ano. Pero tentaremos consolidar o proxecto en futuras edicións. A nosa entidade tamén organiza o ‘Ránking Futbolinlugo’, unha competición de pádel en colaboración con Lucus Pádel. Esta cita segue en marcha nestes tempos pandémicos. A segunda edición xa está dando que falar.