O equipo de Futbolinlugo acordou o seguinte no tocante á realización do II All Star Futbolinlugo, a gran festa anual do fútbol lucense:
1. O evento pasa ao ano 2021, ao remate da campaña 20-21. Consideramos que a situación actual, e os riscos sanitarios que derivan dela, impiden a celebración da festa do fútbol lucense nunhas condicións de seguridade máxima. O fútbol é da xente. E o All Star sen público e con xogadores expostos a riscos, non ten sentido algún.
2. A organización quere agradecer todas as facilidades mostradas, dende o minuto 1, polo Concello de Chantada. Polo tanto, xa podemos anunciar que o lugar de celebración manterase. E O Sangoñedo seguirá acollendo o II All Star Futbolinlugo, a pesares do cambio de ano.
3. O equipo organizativo desexa dar as grazas a todos os colaboradores na sombra, que levaban tempo axudando á conformación da gran festa do fútbol lucense. Entre eles aos seleccionadores que xa tiñamos confirmados (algún sen anunciar). Polo tanto, os seguintes adestradores, que confiaron cegamente en nós, teñen a oferta de seguir formando parte do staff técnico no ano 2021:


-Roberto Trashorras: Exxogador de Primeira División e de equipos como Rayo Vallecano ou Celta.
-Roberto Fernández: Exporteiro profesional. Seleccionador no I All Star Futbolinlugo e actual preparador de porteiros do CD Lugo.
-Pili Neira: Primeira seleccionadora galega e seleccionadora no I All Star Futbolinlugo.

-José Manuel Taboada ‘Marolas’: Emblemático adestrador do fútbol afeccionado na zona sur da provincia.
4. Futbolinlugo atópase estudando unha fórmula para poñer o punto e final á temporada 19-20 acorde aos tempos que corren. O que si temos claro é que esta campaña existiu e o moito traballo que se fixo nela por parte de todos os axentes involucrados no fútbol lucense. Aínda que se chegase a anular a temporada por parte dos organismos oficiais, nós vémonos na obriga de recoñecer todo o esforzo realizado polos nosos.