Bossa (As Pontes): “Ao mellor non tiña o talento necesario que me pedían naquel momento”

Imos aguantar un verán máis sen envellecer, mentras algúns dos “nosos míticos” cos que medramos siga xogando ao fútbol. Juan Manuel Pena Louzao “Bossa” (Viveiro, 16-04-1981) fixo un amago de deixalo hai dous anos. Unha temporada despois, as circunstancias puxérono de novo sobre a herba do Poboado. Os números acompañaron, Bossa volveu liderar o CD As Pontes que quedou preto do ascenso á Terceira galega. Compostela, Fuenlabrada, Viveiro, Bergantiños,…O viveirense continuará dando leccións de fútbol polo menos un ano máis, enaltecendo o nome do bar de seus pais (que lle serviu de alcume) e os seus lanzamentos de falta seguirán despedindo as semanas na televisión. Quen non rematou o domingo vendo un gol pola escadra de Bossa no “En Xogo”?

Bossa: Eu non os adoito ver. Despois si que me chegan polas redes sociais porque sempre hai algún amigo que está a meter baza.

FIL: Gardas algún segredo para lanzalas faltas?

B: Non teño ningún. Será unha virtude ou non sei…, trato de buscar o oco e metelas. Tamén ou son de falta ou de penalti, despois non meto máis doutra maneira (risas).

“Imos seguir un ano máis e a ver que tal vai”

FIL: Porque decides renovar no conxunto pontés?

B: Planteeimo moito, xa que as circunstancias da vida cambiáronme ao ter un bebé. Aínda así, o ano pasado foi bo para min despois de estar un parado. Imos seguir un ano máis e a ver que tal vai.

FIL: Houbo opción de marchar para algún outro equipo?

B: Estou moi contento nas Pontes; é como na miña casa. Levo moitos anos.

FIL: Entón, non queremos que sexa aínda pero,…cando te retires será nas Pontes?

B: Creo que si, igual que fai dous anos decidín parar e tampouco me planteei ir a outros sitios. Chamáronme, pero non tiña pensado cando o deixei.

FIL: Porque decidiches parar?

B: Foi un momento no que non estaba ben de todo e había problemas no club tamén. Poucos sitios coñezo nos que se poida estar mellor ca nas Pontes, pero sempre hai problemas. Entre unha cousa e outra fixéronme parar.

FIL: Que foi o que te fixo volver?

B: O presidente chamoume para botarlles unha man. E aí están os números do ano pasado. Moi contento por volver e por renovar. A ver se son capaz de repetir ou, incluso, mellorar a campaña pasada.

“O ano pasado de 40 partidos, xoguei 39”

Bossa marcou nove goles no último campionato da Preferente Galicia, a onde descendeu o cadro pontés o curso anterior. Foto: CD As Pontes

FIL: Cal é a chave para seguir mantendo o nivel?

B: Eu tampouco o sei. Pode ser que nunca tiven unha lesión grave, non me adoito lesionar. O ano pasado de 40 partidos, xoguei 39. É un factor a ter en conta.

FIL: No pasado curso case conseguides o ascenso; como ves o equipo neste inicio de pretemporada?

B: En liñas xerais, a columna vertebral está renovada. Sinceramente a xente que veu nova non a coñezo. Sei que hai algunha baixa importante como pode ser a de Maro ou a de Adrián Iglesias na dianteira. Aínda así, o equipo vai dar a cara. O ano pasado fallamos máis ao principio do que deberíamos, pero ao final tamén rendimos. Foi un fallo noso non poder acadar ese ascenso.

FIL: É a Preferente a categoría do equipo?

B: Creo que non. Penso que é a Terceira. O As Pontes xa estivo en categorías superiores, non sei agora mesmo se querería chegar a esas divisións, pero creo que a Terceira é o seu sitio.

“Tratouse de facer dano o equipo por parte de xente allea”

FIL: Fíxose algo mal para que o club non poida estar aí?

B: Cousas mal fanse en todos lados. O que eu sei é que aquí tratan de facer as cousas ben, pero tamén hai veces que non están da túa man. Tratouse de facer dano ao equipo por parte de xente allea e iso desencadenou nunha serie de problemas que para a xente que está gañando un soldo é complicado.

FIL: Algo parecido vivíchelo na túa época en Santiago, foi ese o peor momento da túa carreira?

B: Si, foron moitos meses sen cobrar. A raíz diso fixeramos moitas cousas co capitán Pablo Pinillos, foron momentos complicados porque se estaba xogando co pan das familias.

FIL: En cambio, tamén viviches bos momentos…

B: Sen dúbida, o ascenso á Segunda División co Compostela é o mellor momento da miña carreira.

FIL: Quedouche algunha espiña cravada porque non chegou esa consagración no fútbol profesional?

B: Eu quería tratar de chegar o máis arriba posible. Non puido ser por circunstancias. Ao mellor non tiña o talento necesario que me pedían os adestradores naquel momento ou o que fora. Cheguei ata aí, está ben. Non me arrepinto de moitas cousas que fixen. Cando tiven que tomar decisións, tomeinas. Estou contento coa miña traxectoria. Sobre todo non ter lesións, estar sano, xogar moitos partidos ao ano,… iso é o máis importante. Nos clubs nos que estiven, tanto no Bergantiños como no As Pontes, volvería facelo cos ollos pechados.

FIL: E cando chegue o momento de deixalo definitivamente, seguirás ligado ao fútbol?

B: Non vexo que poida seguir ligado. Cando o deixe si que poido xogar un partido cos amigos, pero non me vexo nin como adestrador nin doutra maneira.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario