Unha vez rematada a primeira volta de campionato na Terceira avaliamos a situación dos tres representantes lucenses na categoría.

Ao Polvorín debemos outorgarlle un sobresaínte. Excepcional, e poderíamos calificar ata de sorprendente, a primeira volta do filial albivermello. O conxunto adestrado por Álex Ortiz rematou o 2021 no liderato de Terceira e amosando unha gran imaxe. O cadro lucense soubo sobrepoñerse ás baixas de xogadores moi importantes a temporada pasada como Antón Escobar, Morais, Antón Quindimil ou Cristian, entre outros. Os «veteráns» como Julen, Dani Vidal, Nico e Jesús souberon dar un paso á fronte, os aínda en idade xuvenil Castrín ou Leandro e as incorporacións de Xurde, Rojo ou Álex Ramos fixeron do filial do CD Lugo un serio aspirante ao ascenso directo a Segunda RFEF. Unha soa derrota no campionato, invicto a domiciliio e tan só nove goles encaixados son tan só algún dos datos a ter en conta dun Polvorín que encara unha segunda volta apaixoante.
Un clásico entre os clásicos na Terceira galega é o Racing Vilalbés. O cadro chairego aprobou na primeira volta de liga, aínda que todos agardábamos un mellor rendimento, polo menos en canto á súa situación clasificatoria. Sétimo con vintedous puntos, a seis dos postos de promoción de ascenso e sete por enriba do descenso. Unha situación clasificatoria cómoda, pero que visto o nivel da plantilla vilalbesa, pode aspirar a cotas maiores. Aínda que desde o club nunca se marcaron un obxectivo claro máis que manter a categoría, o certo é que o Racing Vilalbés debe aspirar a entrar nos postos de promoción a Segunda RFEF. E coñecido o carácter competitivo do equipo adestrado por Simón Lamas ben seguro que rematarán a competición nesa pelexa. A asinatura pendente, unha das máis difíciles nesta categoría: sacar adiante os encontros lonxe da Madalena. Como aspecto positivo, a gran temporada de Dani Pedrosa, un dos pichichis da categoría e que este ano voltou ao nivel de temporadas anteriores.

Non chega ao aprobado a primeira volta do Viveiro. O conxunto mariñán acadou o ecuador da competición en postos de descenso a Preferente. Os celestes, na súa segunda temporada en competición nacional, partiron co claro obxectivo de acadar a permanencia e celebrar o seu centenario en Terceira. Decimoquintos na clasificación, cos mesmos puntos que o Noia e dous menos que o Xuvenil de Ponteareas, aínda que estes equipos teñen partidos adiados. O sarriao David Páez chegou ao banco de Cantarrana a comezos de novembro en sustitución de Chusky cando o equipo contaba só cunha vitoria ligueira e é certo que o Viveiro, salvo en contados encontros, gañou en solvencia defensiva e amósase un conxunto fiable en Cantarrana. Reforzada a súa parcela atacante coa xuventude de Julián Nieto e Do Carmo, o Viveiro conta con mimbres suficientes para lograr manter a categoría unha temporada máis.

