As Notas da Segunda e da Terceira na última semana de marzo

Remata o terceiro mes do ano e con el tamén a fase regular da Terceira Galicia. Esta competición deixounos o ascenso do Castroverde e tamén do Portomarín na última xornada que ten protagonismo hoxe nas nosas notas. Monterroso B – Quiroga e Incio – Río Sil son as eliminatorias a dobre partido do play-off de ascenso. E coas dúas categorías de Terceira rematadas, agora quédanos o desenlace dos dous grupos da Segunda.

O ás: Iago do Folgueiro

O xogador do Folgueiro, Iago García empatou o partido para o seu equipo no minuto 93 rematando á escadra da portería do Pol. O Folgueiro perdía 0-2 ó descanso e ata o minuto 78 non recurtou diferenzas. Dous minutos máis tarde o Pol anotaba o terceiro a pesar de estar case toda a segunda parte xogando cun menos. No 85 anotaba o segundo o conxunto da Mariña e no final do partido chegaba o protagonismo para Iago García.

A figura: Óscar López do Portomarín

Foi un dos habituais ao longo da temporada porque é un dos xogadores que marca a diferenza da categoría. E no último partido onde o seu equipo se xogaba o ascenso, non podía faltar á súa cita. O Portomarín venceu por 6-3 ó Pradeda nun partido que se complicou máis do esperado. O pichichi da categoría anotou un novo hat-trick para contribuir no triunfo do seu equipo e rematar a temporada con 33 goles.

Nin pé con bóla: FC Becerreá

Rematou a competición regular na Terceira Galicia grupo sur e se houbo un equipo ao que non lle saíron nada ben as cousas ao longo da temporada foi o FC Becerreá. Rematou último clasificado con 8 puntos, tan só obtivo dúas vitorias e dous empates. No último partido de liga perdeu 1-6 co Paradela.

 

Demasiado intenso: Candelaria e Xermade

Joao Gomes da Candelaria foi sancionado con catro partidos por agredir a un rival sen causar lesión. A mesma sanción lle caeu a Borja Guerreiro do Xermade polo mesmo motivo. Ambolos dous foran expulsados xa nos seus respectivos partidos con cartón vermello.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario