As nosas guerreiras da fin de semana!

A pasada fin de semana retomáronse as competicións en todas as categorías, incluíndo deste xeito as ligas de fútbol feminino, nas que as nosas loitadoras comezaron o 2019 dando a cara en todos os choques. Toda a información da xornada, aquí!

Comezando pola Segunda División, o campo da Reigosa viviu un auténtico partidazo, PM Friol CD Lugo-RC Deportivo, con emoción ata o final dado o acerto de cara ao gol das locais, que souberon sobrepoñerse a un 0-2 en contra e empatar o marcador. Porén, as blanquiazuis tamén souberon afrontar a remontada, e asinaron o 2-3 pouco despois. No choque destacou Laura Gallego, a gardamallas. As lucenses, pese á derrota, continúan na cuarta posición.

Xa na Primeira Galicia, a SD Antas caeu ante o RC Deportivo “B” por 3-0, pese a completar un dos mellores encontros do ano deportivo, mostrándose moi sólidas en defensa, pero pouco acertadas de cara ao gol. O resultado non, pero as sensacións si que foron satisfactorias para as azuis. A SCD Milagrosa, pola súa banda, caeu ante o Villestro na casa por 1-2, nun choque definido polas poucas ocasións para ambos bandos.

Na Segunda Galicia descansou a SD Chantada, pero o resto de equipos representaron á provincia. O PM Friol CD Lugo “B” avasallou ao Imperator (7-0) cun hat-trick de María Valcárcel, e sendos dobletes de Noemi Carro e Paula Rodríguez. No derbi lucense entre Carballedo e SG Comercial, os tres puntos marcharon para Lugo cando xa se cantaba o empate nunha contra ben realizada polas capitalinas, pero destacou a actitude e o esforzo das locais, 0-1.

En canto ao Fútbol-8, a SD Burela venceu 4-0 nun duelo sen incidencias nin complicacións ao Rayo Sadense, e a SCD Milagrosa “B” caeu por 3-0 ante outro filial, o do Sporting Cambre.

 

Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 458

Deja un comentario