A Piringalla xa ten novo técnico despois da contratación de Andrés Rodríguez co obxectivo de permanecer unha tempada máis no grupo norte da Segunda Futgal. O clube lucense faise cun adestrador contrastado con experiencia na Comercial e que forma parte tanto do corpo técnico do Racing Vilalbés coma da Selección Lucense Sub-11. Chega a un equipo inmerso na loita pola permanencia tras sete encontros consecutivos sen coñecer a vitoria, que fan que se vexan a só tres puntos da última praza de descenso, que agora mesmo ocupa o Muimenta.
Futbolinlugo: Como chega a opción de adestrar á Piringalla?
Andrés Rodríguez: Non contaba, máis que nada porque estou nas tarefas de scouting axudando a Alberto López no Racing Vilalbés. Contactáronme dende o clube porque vían que necesitaban un novo adestrador que lles axudara a cambiar a dinámica do equipo. Saben que hai moitas opcións de salvar ao equipo e que hai equipo para iso e chego para aportar e darlles un estímulo para os duelos directos que quedan antes de acabar a tempada.
«Os rapaces teñen unha gran vontade de salvar á Piringalla»
FIL: Como ves ao equipo de cara ao tramo final da tempada?


ÁR: É prematuro porque só tivemos unha sesión. Si que os vin en anteriores partidos e creo que hai cousas a mellorar. Eu teño esa dispoñiblidade e quero axudar a uns rapaces que teñen toda a intención e vontade de salvar ao equipo nunha categoría que xa é máis seria cos descensos e con equipos máis competitivos.
FIL: Cal queres que sexa a característica principal da Piringalla?
ÁR: Intensidade nas disputas e na presión tras perda. O que vin no último partido foi que faltaba contundencia e concentración e xogadas illadas onde hai que estar atento as caídas e a voltar a recuperar o balón rápido. Todo ademais nunha liga onde a disputa e clave con tanto xogador veterano nos diferentes equipos. Xa nos partidos que xoguemos na casa, busco que o equipo teña máis velocidade de xogo para aproveitar todas as virtudes que ten o cadro de xogadores

FIL: Cales son esas virtudes que vos poden axudar a coseguir o ascenso?
ÁR: A primeira de todas é a xuventude. Son xogadores moi novos que levan moitos anos xuntos e que teñen un gran toque de balón e poden xogar a un ritmo moi rápido a través de facer correr o balón.