#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

A Sarriana vence con claridade no derbi e afianza o liderado

O undécimo Trío de Ases O Cantón tráenos a clara vitoria no derbi provincial da Sarriana fronte ao Viveiro. O Racing Vilalbés consolida o seu posto no play off tras vencer na Grela ao Silva, mentres que o Polvorín non puido sumar na súa visita ao campo do Estradense.

Na Preferente, o Lemos voltou á senda da vitoria. Foi na Pinguela diante do Dubra. Os tres conxuntos lucenses restantes non foron quen de puntuar. O Pol caeu na súa visita ao Cidade de Ribeira e o Escairón fixo o propio fronte a un O Val que aínda non coñecía a vitoria. O Ribadeo caeu no Pepe Barrera diante do líder, o Montañeros.

Corenta e cinco minutos sobresaintes da Sarriana son suficiente para dobregar ao Viveiro no derbi (3-1)

A Sarriana consolida o primeiro posto da clasificación tras impoñerse ao Viveiro nun derbi que quedou visto para sentencia no primeiro tempo. Os de Jaime Paz foron moi superiores aos mariñáns en canto a xogo e iso reflexouse no resultado. Boedo abriu o marcador tras rematar co peito un bo centro lateral desde a banda esquerda. Álex Millán, un incordio para a zaga viveirense ao longo dos corenta e cinco minutos, puxo terra de por medio no marcador, cun bo disparo desde fóra da área moi axustado ao pao. O propio atacante fixo dobrete tras aproveitar un balón en longo e superar a Ayoub na súa saída.



No segundo tempo o Viveiro mellorou e a Sarriana baixou a intensidade. Diego Santín recurtou diferencias diante do seu ex equipo e os de Fabri contaron con varias ocasións para achegarse no marcador. Javi Liz e a falta de acerto priváronlle ao Viveiro de facer o segundo.

O Racing Vilalbés vence na Grela ao Silva e consolida praza de play off (1-2)

O encontro comezou revolucionado. Cañi, cun auténtico golazo de falta directa, abriu o marcador aos dous minutos. Xusto despois, o Silva logrou igualar con outro gol espectacular de chilena, obra de Parafita. O partido baixou de ritmo e apenas se viron máis ocasións no primeiro tempo.



Tras o paso por vestiarios, o Racing Vilalbés practicou un fútbol máis combinativo e contou con ocasións claras nas botas de Cañi, Make e Borja Míguez. Alberto López deulle entrada no campo a Fito e o arxentino resultou clave. Fabricou un tanto tras xogada individual que, cun bo tiro cruzado, deulle os tres puntos aos chairegos. O Silva arriscou na procura do empate e ámbolos dous conxuntos contaron con ocasións de gol.

O Polvorín cae dun xeito cruel diante do Estradense (2-1)

A diferencia nas áreas marcou o resultado nun encontro no que o Polvorín mereceu un maior premio. Sobrido e Padín contaron nos primeiros minutos con boas ocasións para poñerse por diante. O Polvorín plantexou o encontro para xogar en campo contrario evitando a circulación de balón e a Sobrido contou preto do intemedio con outra boa ocasión para marcar.

No segundo tempo, Víctor Casais presionou ao gardameta local e a piques estivo de provocar o primeiro tanto do encontro e Padín cun lanzamento desde o punto de penalti tamén rozou o gol. Aínda que era o filial albivermello o que acariñaba o tanto, foi o Estradense quen logrou adiantarse nun balón longo que recolleu Gamarra e definiu Rulo. A falta de case quince minutos para o final chegou o empate tras un bo balón de Padín que rematou Sobrido ao fondo da portería. O Polvorín era superior e seguiu chegando con moito perigo á portería de Israel. Case co tempo cumprido, Díaz derrubou a Elías e Gamarra non errou desde os once metros.

O Lemos reencóntrase coa vitoria nun bo encontro fronte ao Dubra (2-1)



Non puido comezar mellor o partido para o conxunto monfortino. Aos dous minutos Aissa cun bo remate de cabeza abriu o marcador para os de Juanlu Alonso. O encontro tivo dominio alterno. O Dubra gozou de máis posesión de balón sen que fora quen de xerar moito perigo, mentres que o Lemos buscou saír con perigo á contra. Os visitantes lograron empatar nunha xogada aillada que rematou cun disparo desde corenta metros do incombustible Álvaro Varela. Xusto antes do intermedio chegou o segundo para o Lemos. César, moi atento, cazou un rexeito do gardameta tras un tiro de David, rematou ao fondo da portería.

No segundo tempo, o Lemos controlou o xogo por bandas do Dubra e os visitantes non xeraron excesivo perigo sobre a portería de Losada. O xuvenil Pallín contou cunha boa ocasión para facer o terceiro.

O Escairón acusou as baixas na súa visita ao campo do Val (1-0)

Non puido sumar o Escairón na súa visita ao campo dun conxunto que non coñecía a vitoria. Costoulle entrar no partido aos de Óscar Moure e o gol local non tardou en chegar. Un rápido saque de banda, rematou cun centro á área que rematou Casteleiro ao fondo da portería. Co marcador en contra o Escairón xogou en campo contrario e contou con boas ocasións para darlle a volta ao partido. Asier, Vilachá e Julito gozaron das máis claras, pero o gardameta local estivo inspirado para desbaratalas.

No segundo tempo, os do Saviñao estivo moi espeso co balón e non foi quen de xerar ocasións de gol. O cadro local defendeu de xeito ordenado e acadou a primeira vitoria da temporada coa que sae do último posto da clasificación.

Un marcador demasiado abultado castiga a un bo Pol na súa visita á Fieiteira (5-2)

Non puido sacar nada positivo diante do Cidade de Ribeira. No primeiro minuto de xogo Nacho aproveitou un erro de Laye para batir a Marcos. O Pol repúxose ben do tanto en contra e non tardou en igualar o marcador. Nun balón ao espazo Hamza definiu cunha perfecta vaselina diante do gardameta rival. Os chairegos convertíronse en dominadores do choque e chegaron con claridade á área local, pero nun saque desde o curruncho Moha impúxose a zaga do Pol para voltar adiantar ao Cidade de Ribeira.

No segundo tempo o encontro estivo aberto con chegadas para ámbolos dous conxuntos. Os ribeirenses fixeron o terceiro tras un erro do Pol na saída de balón e David recurtou diferencias ao transformar un lanzamento de penalti. Cos de Roberto Fernández lanzados na procura do empate, Pablo Pérez fixo o cuarto nun lanzamento lonxano que sorprendeu a Marcos. No tramo final o colexiado sinalou penalti e Aguado sentenciou o encontro.

O Ribadeo cae con claridade diante dun intratable Montañeros (0-4)

Primeira derrota da era Luchi á fronte do Ribadeo. Esta comezou a xestarse moi rápido. O Montañeros púxose por diante aos vintecinco segundos de xogo tras un erro no despexe de Pedro Díaz que aproveitou Jorge Otero para facer o primeiro. O tanto desconcertou aos locais, que viron como na seguinte xogada a piques estiveron de encaixar o segundo. Javi Pita realizou unha gran parada para salvar o gol de Jorge Otero. No saque de córner o balón rematou no longueiro. O Ribadeo tivo máis posesión, pero non foi quen de inquedar a un Montañeros que amosou no Pepe Barrera a súa condición de líder invicto e intratable.

O segundo tempo seguiu un guión semellante. Co Montañeros moi ben situado no campo apenas sufriu os ataques dun Ribadeo que non era quen de inquedar a Guillermo. A falta de vinte minutos para o final o recén entrado Currás rematou inapelable un centro lateral ao fondo da portería. A precipitación non foi boa compañeira para os de Luchi e Pape sentenciou nunha contra tras un bo servizo de Real. Xa no tempo de desconto, noutra rápida transición, Rodri de vaselina fixo o cuarto.

A Sarriana vence con claridade no derbi e afianza o liderado

Javi Liz (SD Sarriana): «Sumar cada partido

A Sarriana vence con claridade no derbi e afianza o liderado

7 Máxicos quedaron sen marcar nunha nova

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *