Os equipos da Terceira Rexional foron sorteando as incidencias da covid na primeira xornada do ano. Só dous partidos non puideron xogarse. Dicimos «só» porque no resto de categorías a porcentaxe de aprazamentos foi superior. Na zona norte o Catro Roldas afianza o seu liderado ao gañar o partido da xornada. Na zona sur, precisamente foi o duelo estelar entre o Rubián e o Lemos B o que non se puido xogar.
Na zona norte, enfrontábanse o primeiro e o segundo clasificado. O Catro Roldas derrotou na Canteira á Comercial con dous goles do dianteiro Samuel Orosa. A Comercial controlou o choque no xogo pero non no marcador. A distancia é agora mesmo de catro puntos entre os dous.
Na 3ª posición sitúase o Rioaveso (a cinco do 1º). Venceu ao filial do Friol en Paraños nun gran encontro do gardamallas Adrián Fraga. Aínda asi, as baixas son numerosas no conxunto preparado por Miguel. O Cazás quere seguir no tren de cabeza e marcou distancias coa súa vitoria ao Nuevo Nausti. Un triunfo axustado pero que deixa o conxunto xermadés a seis puntos da cabeza.
O encontro entre o Castro B e o Celeiro foi suspendido.



Na zona sur, tamén xogarían o primeiro contra o segundo pero o encontro entre o Lemos B e o Rubián non se disputou. Ambos conxuntos manteñen a súa posición, aínda que o Sober igualounos momentaneamente a puntos. Partido igualado ante o Taboada B que levou o cadro visitante por un 2-3.
Na cuarta posición reencontrouse coa vitoria o Monterroso B. O filial derrotou a un Castroverde que acumula tres xornadas sen gañar. Na quinta posición está o Carballedo que empatou no Catro Ventos ante o Relámpago Taboada. O club de Taboada logrou o primeiro punto do curso. Entre outros, destacou o bo facer de Eloi baixo paus.
