O derbi da Terceira Galega non defraudou. O Carballedo deixou os primeiros puntos do ano ante unha Comercial que cumpriu o plan de partido á perfección. As capitalinas protagonizaron a gran sorpresa da xornada no Catro Ventos.
As de Vicky amosaron un bo trato de balón nos momentos nos que o encontro estivo trabado (que foron moitos). Anularon a Jenny e Nei fixo o resto coas súas paradas. Un derbi con todas as letras tampouco exento de polémica, especialmente co gol anulado ao Carballedo na primeira metade.
O San Lázaro logrou un importante triunfo moral ante o Órdenes. A boa posta en escena propiciou o tempraneiro gol de Mireia. As de Luchi competiron ben pero, co paso dos minutos, deixáronse levar polo xogo rival.
Na reanudación, as da Ponte contiveron o ritmo frenético visitante e trouxeron de novo o partido ao seu rego. O San Lázaro sentenciou ante un Órdenes que asinou o gol da honra nas postrimerías. Un erro defensivo lucense brindoulle a ‘pedrea’ ás de Antonio Vázquez.



O Monte Forte non pasou apuro algún na súa visita ao Vista Alegre. Nun duelo con pouca intensidade, as de Cristian Penas dominaron desde o minuto un para traerse os tres puntos no peto. Ainhoa López asinou un ‘dobrete’.
O CD Lugo B quedou sen dous puntos de ouro ante un dos candidatos ao ascenso, o Cruces. Dúas decisións controvertidas da colexiada marcaron o devir do partido. E condicionaron ás de Joaquín Blanco en exceso. A árbitra expulsou á media hora a Xiana por un xogo perigoso á hora de realizar un remate.
Posteriormente, validou o empate do Cruces cando o balón pareceu saír do campo e volver entrar no saque desde o curruncho do propio tanto. No relativo ao xogo; vivimos un encontro feo, con moitas interrupcións. E no que o gol inicial de Ánxela presaxiaba unha tarde mellor do que realmente foi. O filial albivermello queda a nove puntos do posto de ascenso directo. Iso si, con dous partidos menos disputados que o líder.

Xornada nefasta na segunda galicia. dúas derrotas na casa e unha ‘final’ polo ascenso perdida
O San Roque viviu unha tarde moi dura na agardada ‘final’ polo ascenso a Primeira Galicia ante o Abellá. O cadro de Quiroga tivo unha baixa de última hora e acudiu ao ‘Día D’ con só dez xogadoras. As valentes verdibrancas deixaron unha gran imaxe. O cadro de Montirón apostou por defensa de tres e liñas moi xuntas. O 0-0 mantívose ao tempo de lecer.

No segundo acto, o Abellá adiantouse cun lanzamento desde a frontal. Miriam empatou acto seguido nun balón parado. A partires de aí, dúas decisións arbitrais condicionaron o desenlace do encontro. O colexiado anulou un 1-2 que semellaba legal para o San Roque. E unha falta moi rigorosa derivou no 2-1 no minuto 88.
A primeira media hora da Milagrosa puxo alerta a un Sporting Meicende, que rematou gañando con facilidade. O xogo combinativo lucense propiciou dúas claras ocasións no inicio, que as de Felipe Varela non lograron aproveitar. No entanto, o conxunto visitante atopou premio nunha chegada pasados os trinta minutos de xogo.

A partires de aí, o Sporting Meicende fíxose co control do encontro e os goles foron sucedéndose ao tempo que o equipo local reducía as súas prestacións no aspecto físico. No tramo final, co partido resolto, xerouse unha polémica totalmente innecesaria. Con 0-6 no marcador, alguén decidiu que era boa idea que a porteira coruñesa lanzase unha das últimas faltas do partido ao bordo da frontal da área contraria. Este xesto sentou tan mal na Milagrosa, que as xogadoras lucenses negáronse a dar a man ás rivais despois do último asubío da colexiada.
Un Antas con numerosas baixas sumou a de Yaiza aos vinte minutos por lesión. Antes diso, o Orzán B aproveitou o primeiro cuarto de hora para conseguir os seus dous goles. As de Dani Abelairas tentaron meterse no partido ata o final, sen sorte de puntuación algunha. O Chantada descansou nesta xornada.
o pM friol b pasa dun inicio tolo a un escenario peor na primeira galicia
O PM Friol B ve un poco máis lonxe a permanencia na Primeira Galicia, a tres puntos concretamente, despois de empatar no feudo do potente Atlético Arousana. O triunfo do Victoria FC B ante o Tordoia deixa as lucenses nunha peor situación que a semana pasada.
Vinte minutos tolos aglutinaron o máis interesante do encontro. O PM Friol B adiantouse grazas á velocidade de Thimote. Un par de despistes defensivos propiciaron dous goles consecutivos dun Atlético Arousana, que non foi capaz de conservar a súa vantaxe. Un erro atrás clamoroso derivou nun novo gol de Thimote na área pequena.
o pM friol imponse pola mínima no derbi lucense da terceira RFEF
A igualdade e as imprecisións marcaron o gran derbi lugués da Terceira RFEF. Coas miradas postas na bancada, por fin a vista se dirixiu cara ao céspede artificial da Reigosa. Limitáronse as actitudes sen xeito baixo o mandato dun colexiado neutral vigués.
Non tivo excesivo traballo. Deu máis que facer o vento, o cal favoreceu ao CD Lugo na primeira metade. e ao PM Friol na reanudación. A maior efectividade local decidiu o típico encontro de 0-0, cun par de oportunidades para cada conxunto. Yoleidis fixo o único gol antes dos dez minutos de xogo.
Resultados da xornada

PM Friol 1-0 CD Lugo
Atlético Arousana 2-2 PM Friol B
Antas 0-2 Orzán B
Milagrosa 0-6 Sporting Meicende
Abellá 2-1 San Roque
Carballedo 0-2 Comercial
CD Lugo B 1-1 Cruces
San Lázaro 2-1 Órdenes
Vista Alegre 0-5 Monte Forte
Descansou: Chantada
