Cuartos de final de contrastes na Copa Deputación. O Antas sellou o seu pase sen maiores atrancos despois de golear ao Chantada no Sangoñedo. As de Álex Cambeiro aguantaron toda a primeira metade ante un rival con máis ritmo. Pouco puideron facer na reanudación. Dous goles nos primeiros cinco minutos do segundo acto, desnivelaron a contenda.
O outro duelo de cuartos de final foi moito máis disputado do agardado. O San Roque plantou cara a unha Milagrosa máis rodada. O gran exercicio táctico das verdibrancas propiciou que o derbi capitalino se decidise aos penaltis. Aí, as de Héctor impuxeron a súa lei desde os once metros e quedan a un só partido dunha hipotética final.
O Carballedo e o Lugo acceden á penúltima rolda sen xogar

Hai xa semanas que coñeciamos ao primeiro semifinalista da Copa Deputación: o Carballedo. O cadro do Catro Ventos pasou de rolda sen xogar debido á renuncia da Comercial.
Nestes días coñecimos unha segunda renuncia a disputar os cuartos de final desta competición. O PM Friol B deixoulle o camiño despexado ao Lugo.


Resultados da xornada
Chantada 0-5 Antas
San Roque 0-0 Milagrosa


