TERCEIRA DIVISIÓN
– Polvorín – U.D. Paiosaco (Sábado ás 16 horas na Cheda): Logo de dúas derrotas consecutivas, o filial albivermello buscará un triunfo que o afaste do perigo ante un vello rival da Preferente. O Paiosaco chega a este encontro como pechacancelas e non é quen de gañar desde o mes de outubro.
PREFERENTE NORTE
– Ribadeo F.C. – Galicia Mugardos (Domingo ás 12 horas no Martínez Otero): ámbolos conxuntos chegan a este encontro separados por tan só un punto na clasificación a favor dos de ferrolterra. Malia ser un recén ascendido, o Mugardos conta con futbolistas de gran experiencia na categoría e será un duro rival para os de Rafa Casanova, que seguirán contando coa baixa do mancado Poratti.
– Club Lemos – S.D. Sofán (Domingo ás 16 horas na Pinguela): choque entre conxuntos co mesmo obxectivo: a permanencia. Os de Edu Rodríguez, logo da mala imaxe ofrecida no derbi coa Residencia, buscarán un triunfo diante da súa afección co que superarían na clasificación a un Sofán que chega logo de dous triunfos consecutivos.
– S.D. Sarriana – Noia C.F. (Domingo ás 16:15 horas na Ribela): dous candidatos ao ascenso fronte a fronte, pero que non comezaron a temporada do mellor xeito, pero que xa opositan aos postos altos. Ámbolos dous chegan nun gran momento. O cadro local non perde desde a chegada ao banco de Xoan Peón, mentres que os visitantes non coñecen a derrotan desde que caeran ante o Ribadeo o 1 de novembro.
PRIMEIRA AUTONÓMICA
– Taboada C.F. – S.D. Chantada (Domingo ás 16 horas na Medela): derbi entre conxuntos con aspiracións distintas. O cadro local, logo de cinco xornadas sen gañar, precisa dos tres puntos para afastarse da zona de perigo, pero os de Juan Rodríguez tentarán retornar con eles no peto para achegarse a uns postos de ascenso que polo momento se lles resisten.
– S.D. Santaballés – Atlético Escairón (Domingo ás 16 horas na Liga): segundo contra primeiro. Os dous equipos máis en forma da categoría fronte a fronte. Os de Dani Moirón buscarán consolidala segunda praza no seu feudo, de onde só marchou un empate nesta temporada diante do Friol. Pero o Escairón deféndese á perfección lonxe do Municipal e tentará dar un golpe enriba da mesa ante un rival directo.
SEGUNDA AUTONÓMICA
– C.D. San Ciprián – A.C.D. Xermade (Domingo ás 16 horas na Veiga): o líder invicto, que non deixou fuxir ata o de agora un só punto da Veiga, recibe a outro dos candidatos ao ascenso. O cadro xermadino, que non atopa a regularidade lonxe do seu feudo, tentará recurtar puntos co Alfoz, segundo clasificado.
– C.F. Portomarín – S.D. Paradela (Sábado ás 16 horas no Chao da Poza): empatados a puntos, ámbolos conxuntos aspiran a achegarse ao segundo posto ocupado polo Ferreira, que os aventaxa en catro puntos. Os de Fernandito tentarán mellorar as prestacións no seu campo, sendo ata o de agora o seu punto débil. Debutarán as últimas fichaxes: Barki no cadro local e Samos nos visitantes.
TERCEIRA AUTONÓMICA
– S.D. Viveiro – Celeiro (Sábado ás 17:15 horas no Municipal Marcos Gómez): derbi viveirense no que os locales buscarán un triunfo que os afiance nos postos de ascenso ou incluso os sitúe no liderato. Enfronte o conxunto de Martín tentará dar a sorpresa para achegarse á ansiada promoción.
– S.C.D. Milagrosa – S.D. Antas (Domingo ás 16:30 horas no Luis Gorgoso): os capitalinos tentarán darlle continuidade á boa racha na casa, onde contan os seus encontros por vitorias, para seguir mantendo cando menos seis puntos de marxe co terceiro clasificado. Enfronte o equipo adestrado por Melendo, logo de dous encontros sen gañar, buscarán os tres puntos para seguir optando ao ascenso directo.
PRIMEIRA DIVISIÓN GALEGA FEMININA
– Peluquería Mixta Friol B – S.D. Villestro (Domingo ás 16:30 horas na Reigosa): difícil convite para as de Covi, xa que reciben a un conxunto que marcha empatado a puntos cun Friol que buscará darlle continuidade á sua racha de cinco encontros sen coñecela derrota.
SEGUNDA DIVISIÓN FEMININA
– Carballedo C.F. – S.G. Comercial (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): derbi provincial no que as locales tentarán desquitarse da derrota no último encontro de rivalidade ante o Chantada. O Comercial, quinto clasificado, tentará acadalos tres puntos cos que podería escalar varios postos na táboa.
– C.D. Lugo – Once Caballeros C.F. (Domingo ás 18:30 horas no Luis Gorgoso): encontro importante para as lucenses, que non poden ceder se queren darlle caza ao líder, o Sporting Cambre. Enfronte o conxunto do Temple, situado na zona morna da clasificación, chega tras gañar os dous últimos encontros.
LIGA FEMININA FÚTBOL 7
– S.D. Burela – Relámpago de Elviña (Sábado ás 17 horas no Anexo á Marosa): as burelás farán o seu debut nesta segunda fase logo de descansar na xornada inagural, co obxectivo de lograla primeira vitoria. Non o terán doado ante un conxunto coruñés que foi quen de golear ao Atlético San Pedro.