A Axenda: encontros con sabor a final a comezos de febreiro

Ademáis do derbi provincial entre o Lemos e o Viveiro, traemos esta escolma dos encontros máis salientables da fin de semana na xeografía lucense:

TERCEIRA DIVISIÓN

 – Polvorín – C.D. Choco (Domingo ás 16:30 horas na Cheda): o filial albivermello, logo de golear a domicilio ao Pontellas, recibe a un aspirante a meterse na promoción de ascenso, pero que non foi quen de gañar nos tres últimos convites. Un triunfo dos lucenses afastaríaos da zona de descenso.

 – Racing Vilalbés – U.D. Somozas (Domingo ás 16:30 na Madalena): encontro importante para os chairegos. Un triunfo ante o conxunto de ferrolterra sería clave para poder alonxarse case que definitivamente da zona de perigo, mentres que unha derrota mantería ao equipo de Simón Lamas coa alarma acesa.

PREFERENTE NORTE

 – S.D. Sarriana – S.D. Sofán (Domingo ás 16:30 horas na Ribela): logo da chegada de Xoan Peón melloraron as sensacións e os resultados dos sarriaos e tentarán reducir os oito puntos de diferencia coa zona de ascenso. O primeiro escollo é  un Sofán que chega á Ribela logo de golear ao Xallas e foi quen de gañar catro dos últimos cinco encontros.

– C.D. Foz – Atlético Arteixo (Domingo ás 16:30 horas no Martínez Otero): xa superados os tres meses desde a última vitoria dos mariñáns, urxe sumar tres puntos para achegarse aos postos de permanencia. Enfronte o cadro coruñés, que malia empatar a pasada xornada ante o Ribadeo non foi quen de gañar ningún dos catro últimos partidos.

PRIMEIRA AUTONÓMICA

 – S.D. Chantada – S.D. Santaballés (Domingo ás 16:15 horas no Sangoñedo): oportunidade para os de Juan Rodríguez de achegarse ao segundo posto que ocupan os chairegos. Unha derrota do cadro local complicaríalle moito o obxectivo do ascenso, mentres que unha vitoria dos de Dani Moirón afianzaríos na segunda praza.

– Atlético Escairón – S.D. Monterroso (Domingo ás 16:30 horas no Municipal): o líder reencontrouse coa vitoria a pasada xornada logo de dúas derrotas. Os de Javier Montoto reciben a outro dos aspirantes. O cadro monterrosino non pode permitirse máis tropezos se quere achegarse á pelexa polo ascenso.

SEGUNDA AUTONÓMICA

 – Sporting Pontenova – C.D. Alfoz (Sábado ás 16 horas na Mina): os de Andrés Bouza poñen a proba a un intratable Alfoz. Quince encontros sen perder, os seis últimos consecutivos gañando avalan aos de Suso Martínez que se convirtiron nun lídero sólido. O conxunto local, que non perde na casa desde a terceira xornada, buscará un triunfo que os achegue á segunda praza.

– S.D.C. San Lázaro – S.D. Paradela (Sábado ás 16 horas na Ponte): a traxectoria dos lucenses é moi semellante á do líder do grupo norte. Invictos desde a segunda xornada, os de Diego Rey manteñen un bo colchón de puntos sobre o segundo  e reciben ao único rival que os dobregou nesta temporada. Os visitantes aínda manteñen esperanzas de achegarse ao segundo posto.

TERCEIRA AUTONÓMICA

 – Fonsagrada Balompé – S.G. Comercial (Domingo ás 16:15 horas no Gómez Besteiro): o cadro local, en pelexa polo liderato coa S.D. Viveiro, buscará os tres puntos que o manteñan na primeira praza ante unha Comercial que foi quen de gañar os seus dous últimos partidos e xa mira de preto a promoción.

– Carballedo C.F. – S.D. Antas (Domingo ás 16:30 horas no Catro Ventos): o cadro local, a pesar da derrota da última xornada, está a realizar unha gran temporada e no ano do seu debut e buscará un triunfo que o consolide en postos de promoción. Enfronte un Antas que logo de catro encontros sen perder, quere achegarse á segunda praza que ocupa a Milagrosa.

PRIMEIRA DIVISIÓN GALEGA FEMININA

 – S.D. Antas – Victoria F.C. B (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): logo de tres meses sen gañar, as rapazas da Ulloa precisan dunha vitoria para non caer aos postos de descenso, pero o rival non é o propicio. As coruñesas ocupaban o liderato ata a pasada xornada, que se viron sorprendidas no seu feudo polo Villestro.

SEGUNDA DIVISIÓN GALEGA FEMININA

 – C.D. Lugo – Olímpico C.F. (Domingo ás 18:30 horas na Cheda): xornada propicia para as lucenses para poder achegarse ao liderato. Reciben a un conxunto que só conta con catro puntos e ao que xa golearon con estrépito na primeira volta.

 – Carballedo C.F. – Portazgo S.D. (Domingo ás 19:30 horas no Catro Ventos): logo da última derrota, unha boa oportunidade para achegarse á zona media da clasificación. Visita o Catro Ventos o pechancancelas da categoría, o único conxunto que non foi quen de gañar nesta temporada.

 – S.G. Comercial – Sporting Burgo (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 2): despois de dúas derrotas consecutivas, as lucenses buscarán un triunfo para revertir a situación e co cal superarían ao seu rival desta xornada e último verdugo do Carballedo.

LIGA FEMININA FÚTBOL 7

 – S.C.D. Milagrosa – Relámpago de Elviña (Domingo ás 12:30 horas no Luis Gorgoso): con dúas vitorias e dúas derrotas, o conxunto capitalino buscará un triunfo que as achega á zona alta da clasificación. Enfronte o conxunto de A Coruña, que chega cos mesmos puntos que as lucenses, pero con un encontro menos.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario