Ademais do Partido da Xornada, esta fin de semana traemos o primeiro menú completo da temporada. Todas as nosas categorías entran en acción. Aquí vos deixamos unha escolma de platos de calidade!
PREFERENTE NORTE
Viveiro-Xallas: (Sábado ás 18.00 horas en Cantarrana). O líder suma todos os seus encontros por triunfos. Recibe en Cantarrana a un Xallas que aínda non foi quen de gañar. Oportunidade de ouro para abrir brecha na cabeza.
PRIMEIRA GALICIA
Burela-Santaballés: (Domingo ás 18.00 horas na Marosa). O invicto cadro mariñán enfróntase ao sempre perigoso conxunto chairego. Duelo de candidatos ao ascenso.
Outeiro de Rei-Riotorto: (Domingo ás 17.00 horas no Municipal de Outeiro). Os de Josito Jul, con pleno de puntos, reciben aos de Suso Orxás. Un rival que formou o seu cadro de xogadores a última hora de mercado pero conta con calidade suficiente para sorprender a calquera. O Riotorto busca o seu primeiro triunfo nun escenario do máis complicado na categoría.
SEGUNDA GALICIA
Guitiriz-San Ciprián: (Domingo ás 17.00 horas no Municipal Suso Cruz). Dous dos favoritos ao ascenso vense as caras ás primeiras de cambio. A emoción e a competitividade están garantidas.
Bóveda-Río Sil: (Domingo ás 17.00 horas no Hermanos Somoza). Duelo de proximidade. Un Bóveda escaso de efectivos e configurado contracorrente xoga ante un recén ascendido cheo de ilusión e con ganas de mostrar os seus argumentos.
TERCEIRA GALICIA
Cazás-SD Viveiro: (Sábado ás 17.00 horas no Catro Ventos). O Cazás mide ao novo filial do Viveiro, chamado a todo nesta nova edición da Terceira.
Nuevo Nausti-Fonsagrada: (Domingo ás 17.30 horas no José Luis Parga). Os de Noche apuraron ao máximo para estrearse nesta campaña. Non terán un contricante doado para empezar a aventura. O Fonsagrada de Nico Longhini parte entre a terna de aspirantes ao ascenso. Máis aínda despois da súa gran pretemporada.
FÚTBOL FEMININO
PM Friol-Alavés-Rácing Féminas: (Domingo ás 12.00 horas na Reigosa). O conxunto de Guerrero quere reencontrarse coa vitoria ante un rival de entidade e que todavía non puntuou.
Chantada-Comercial: (Domingo ás 15.45 horas no Sangoñedo). Derbi lucense na primeira xornada da Segunda Galicia. As chantadinas xogan contra un conxunto que xa é de todo menos novato na categoría.
Sporting Burgo-CD Lugo: (Domingo ás 19.30 horas na Lavandeira). Posta en escea do novo representante lucense na Segunda. O proxecto branquivermello, con Joaquín e Irocha á cabeza, viaxa a terras coruñesas en busca dos primeiros tres puntos.