A fin de semana pasada o Outeiro de Rei conseguía un novo ascenso á Preferente no campo de Cerdeiriños ante o rival que os podía alcanzar na clasificación, como era o Monterroso. O equipo de Juan Peón derrotou por 0-2 aos locais e certificou, deste xeito, a segunda praza que ocupou a maior parte da temporada e que lle da a posibilidade de xogar o vindeiro ano na quinta categoría do fútbol federado en Galicia.

Dentro do vestiario do Outeiro agóchase un gran bloque que tivo que facer fronte durante esta campaña a varias lesións, algunhas delas de gravidade que necesitaron ou necesitan intervención cirúrxica. Dous dos que tiveron a sorte de evitar esa praga de lesións foron Jonatan Iglesias e Jorge Pereira. Ambos son adestradores de fútbol base, Pereira na Piringalla e Iglesias no CD Lugo. Os dous chegaron a Outeiro esta temporada co obxectivo de repetir a fazaña conseguida no anterior curso cando ascenderon co Polvorín tamén de Primeira á Preferente. Agora, ademais de conseguilo ascenso, buscan poder xogar na categoría que lles corresponde.

Futbolinlugo: Levades dous ascensos consecutivos, que diferenzas vedes entre os dous?

Jorge Pereira: Ao fin e o cabo os dous son ascensos, pero eu o ano pasado non o desfrutei tanto porque non tiña tantos minutos. Aínda que obviamente sempre te alegras, ademais de que adestrábamos catro días a semana. Foi un ascenso moi traballado. Este tamén, pero un pouco cos pés máis sobre a terra. Nun equipo máis tradicional de Primeira Rexional no que nos preparábamos tres días duro. Desfrutei máis este polos minutos que xoguei e o que puiden axudar o equipo.

Jonatan Iglesias: Sempre é moi bonito ascender. Calquera dos dous anos foi bastante difícil. O ano pasado foi un equipo feito con xente nova e este ano, cun grupo feito de varios anos, tivemos moitas lesións. Non sabería dicir con cal quedarme.

“Somos un bloque no que todos axudamos a todos”, Jorge Pereira

Jorge Pereira foi o máximo goleador do Outeiro esta temporada con 13 goles

F: Que é o que máis destacades desta temporada no Outeiro?

JP: O bloque que había. Polo de agora non acabou a temporada, pero creo que somos o equipo menos goleado. Somos un bloque no que todos axudamos a todos.

JI: Fomos un grupo moi unido, a pesar das bastantes lesións que tivemos -algunhas graves- fomos capaces de tirar para adiante.

F: Que sensacións vos deixou o partido chave co Monterroso no que lograstes o ascenso?

JP: Sabíamos o que tiñamos que facer e todo saíu perfecto. Dende fóra vin ao Monterroso un pouco máis nervioso ca nós. Soubemos ter as cousas máis claras. Para nós o empate non era malo e eles tiñan que buscar case si ou si a vitoria e penso que iso nos axudou.

JI: Foi un partido moi bonito de xogar. Ca vantaxe de que a nós nos valía o empate e a eles non. Saímos bastante tranquilos, traballamos ben e conseguimos o que queríamos.

F: Ca regularidade do equipo ao longo de todo o ano, sempre confiastes na posibilidade de subir?

JP: Desde un principio ves que estás aí, ao final cando chegas ás últimas dez xornadas e ves que hai opción de que te saquen de aí molesta. Penso que tanto a Residencia coma nós que estivemos aí todo o ano merecíamos ascender.

JI: Desde a primeira xornada sempre buscamos ese obxectivo. Viamonos capaces e ao final a base de adestrar démolo conseguido.

F: A nivel individual xogastes ambos moitos minutos e Jorge acabou como pichichi, como valorades a vosa temporada persoal?

JP: O do pichichi é un dato, non lle dou máis importancia. Cando non metín eu, meteron os demais compañeiros. Hai que sumar cara o equipo.

JI: Éramos un cadro de xogadores longo e, tanto eu como os meus compañeiros, demos o máximo para conseguilo. Non se trata dun, nin de tres; senón de todo un club tanto xogadores, corpo técnico como directiva.

“O Outeiro sempre foi un equipo de Copas”, Yoni Iglesias

F: Esta fin de semana rematades a liga co Valadouro e despois toca pensar na Copa, cal é o obxectivo?

JP: Veremos ata onde podemos chegar. Non nos tocaron rivais fáciles e na Copa, que é a un partido, xa se sabe.

JI: Imos intentar chegar o máis lonxe posible. O Outeiro sempre foi un equipo de copas.

“A todos nos gustaría xogar no sitio que logramos”, Yoni Iglesias

Xunto coa Residencia, o Outeiro será o representante lucense dos recén ascendidos na Preferente

F: O ano que vén toca a Preferente, ides seguir no Outeiro?

JP: A miña intención é que si. Estou moi agusto e tratante xenial. Mentras eles queiran e eu poida seguirei alí.

JI: Primeiro imos acabar a temporada e despois xa se verá. A idea en principio é que si, se non hai nada novo a todos nos gustaría xogar no sitio que logramos.

 

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario