#Feminino #Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal

Diario dun mercado. Episodio 64

Hoxe é un día triste. En especial para aqueles que estamos no mundo do fútbol. En primeiro lugar, queremos dar o noso máis sentido pésame a todos os amigos, familiares, coñecidos de Álex Blanco, así como a membros do CP Calasancio, polo repentino pasamento deste rapaz. Porén, xente como Álex e clubes como o monfortino son algúns dos partícipes que fan posible o gran nivel e a paixón que desperta o fútbol lucense. Alí onde esteas, este -e todos os que formamos parte del- estará sempre contigo. Descansa en paz.

Nunha xornada na que o deportivo pasa a un plano totalmente secundario, os movementos nas oficinas continúan a ser abundantes. Na Preferente Norte, o lucense Diego Rego renovou como xogador de As Pontes. O CD Foz comeza a preparar a súa andaina na competición coas fichaxes de Xenxo (procedente do Viveiro) e Javi Fernández (que ven de rematar a súa etapa como xuvenil no Racing Villalbés). Asier, un pilar do equipo mariñano que chegou a estar na órbita do Lorca, recén descendido a Segunda División «B», anunciou a súa renovación, ao igual que o oitenta por cento do cadro de xogadores do Martínez Otero, segundo publicou o clube no seu Facebook.

Xa na Primeira Galicia, César abandona o Atlético Escairón para xogar na Peroxa, mentres que o porteiro Diego López -ata agora no Riotorto-, deixa o clube por motivos de traballo. Asemade, o mediocentro Brais abandona o Riotorto para integrarse no Lugo Sala, de fútbol sala. O Burela incorpora ás súas filas a Carlitos (ex-xogador do Burela FS) e a Dani Cao (con pasado no CD Foz).

O Club Lemos presentou as pretemporadas dos seus equipos «A» e «B», que comezarán o 26 de xullo e o 6 de agosto, respectivamente. O equipo sénior confirmou un total de cinco amistosos: 1 de agosto ante Agolada, 5 de agosto ante Barbadás, 11 de agosto frente a SD Monterroso, 15 de agosto ante CD Barco, 26 de agosto ante o Brollón, ademáis dun triangular de presentación o día 19 ante Sarriana e Velle na Pinguela.



Pola súa banda, o filial do Cabe confirmou catro amistosos: o 12 de agosto ante o SD Monterroso «B», 16 de agosto ante Chantada «B», 25 de agosto ante Incio e 1 de setembro frente ao Ferreira. Igualmente terá lugar un triangular de presentación na Pinguela o 19 de agosto ante Brollón e outro equipo aínda sen confirmar.

Pasando á Segunda Autonómica,  Cabanelas continuará como adestrador do AD Bóveda, ao igual que Chura anunciou a súa renovación co Brollón. Outro preparador que renova co seu clube é Israel Cruz, do Mondoñedo FC. Por último, o Iberia CF presentou a fichaxe de Carlos Gómez, «Perancho», procedente da SD Ribadeo.  En canto á Terceira Autonómica, o Catro Roldas incorpora a «Chuchi», quen ven de xogar no Cazás.

Tamén chegan novas procedentes da Marosa no que ao fútbol feminino respecta. Jesús Rial, ex-adestrador da SCD Milagros «B» feminino, será o técnico do equipo feminino que creará o conxunto verde de cara á próxima campaña.



Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *