#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

A pequena gran familia volve ao seu hábitat natural

Viaxamos cinco anos atrás. O CD Foz tocaba fondo. Descendía á Segunda Galicia, baixando así de categoría por segunda tempada consecutiva. Era o fin dun ciclo. Lonxe quedaba a Preferente, territorio habitual do conxunto do Martínez Otero. Agora, un lustro despois, o clásico branquivermello mariñán está de volta. Un regreso tan rápido como sólido. Cumplindo ao pé da letra o lema que o Deportivo non foi quen de demostrar: «Somos xente mariñeira e con iso non hai quen poida».

Postos en situación, vaiamos coa intrahistoria en sí. Non imos falar de fichaxes espectaculares, de macroproxectos, nin de cartos mal tirados. Porque este é un ascenso ‘vintage’, á antiga. Sen grandes alardes, máis alá da suor dun pobo domingo tras domingo. É a victoria dos traballadores, da clase obrera do fútbol. Da unión que fai a forza e da destrucción dos falsos mitos.

Todos sabemos que en moitas vilas existe xente que xoga por decreto. Que cando veñen os forasteiros saben á perfección quen é o fillo do alcalde. Ou o sobriño do empresario de éxito. Aquí a falla de un, hai dous fillos de adestradores. E o curioso é que non se escoitou unha queixa en toda A Mariña. De feito, sábese que hai xente que os vai ver a eles. Que a pregunta e a sorpresa chegan cando non están, e non cando molestan sobre o céspede. Falamos xa de Asier e de Ibán Gayol. De 35 goles entre os dous. O primeiro deles é un talentoso mediocampista zurdo. Fino, coma seu pai. Ademais ten gol. Vintetrés para ser máis exactos. Un sub23 con carácter e completo, deses que escasean. O segundo é o fillo do adestrador. Que cada domingo lle da argumentos para que siga contando con él. Experiencia e olfato asasino nos momentos chave.

Falando de argumentos non nos podemos quedar aquí. Porque en Foz andan sobrados deles. A xente deste pobo éche moito! Eles se bastan prácticamente sós. Nos laterais, contan con dous irmáns de claro perfil da Preferente. Duros, correosos e intelixentes á hora de xogar: Rivera e Máquina. Iso sí, na defensa manda quen manda. A voz da experiencia: Javi Chinchón. Central á antiga usanza, dos que non teñen problema en reventar as fiestras da casa de detrás da portería do Martínez. Un pelotazo á tempo ás veces e o mellor dos recursos. E ao seu lado, vimos a Nacho ou ao retornado Álvaro. Un dos mellores da comarca no seu posto. E tamén, a Bouso. Un grande!



Detrás deles, un porteiro dos que dan puntos: Bruzos. Deses homes que sempre hai que ter nun vestiario. Alegría e calidade ao servizo desta pequena gran familia. Notaron a súa falla ao principio da tempada, por unha rotura de menisco. De feito, tiveron que insistirlle máis da conta a Ramón Moreda este ano. Sempre ‘libraba’ de facer a ficha e facíase de rogar. Esta campaña non lle quedou outra. Ao igual que Berni, que se tivo que poñer as luvas cando viñeron mal dadas. E o tema da portería parecía xa de vudú.

Arriba quizais se contaba cunha maior participación de Diego Hermida. Quixo deixar paso ás novas xeracións. Jesús Gayol, o técnico da casa e un dos grandes artífices deste ascenso, pediu un dianteiro no verán. Un ‘nove’ goleador, dos que marcan as diferenzas. Era a súa principal preocupación. Manolito chegaba dende O Valadouro para cubrir o oco do bisoño Gonzalo, que marchaba vivir a Vigo. Gayol quería caldo e déronlle dúas tazas, posto que ao final Gonzalo tamén quedou. E ambos marcaron na Pinguela para certificar o ascenso. Unha victoria de dianteiros, un triunfo do ‘vello fútbol’ de Gayol. Dese balompé que case firma unha volta invicto. Se non fose polo Chantada…

[themoneytizer id=»15360-4″]

Aínda que non haxa liñas para todos é de recibo, canto menos, citar a todos os culpables deste éxito: Cayón, Miguel, Cristian, Hugo Río, Jorge, Juanito, o recén chegado Brais… Porque para o final queda o gran capitán: Canario. Oscariño regresou á súa casa despois de triunfar por media Mariña. Con menos pulmóns e o corazón máis grande. Un home de valores, cun sorriso e boas palabras sempre na súa boca. Un ‘Iniesta’ do noso fútbol. Sei de boa man, que para él este ascenso é especial. Quizais máis que para calquera.



Porque os seus compañeiros na zaga e, sobre todo, no medio; foron os seus pupilos. Os alumnos avantaxados do mestre do colexio. Aqueles pícaros que apuntaban maneiras no Santiago de Foz. A sociedade inseparable das Noites Alternativas e o Campo da Cabana: Asier e Dani Chao (o home que non fai ruido e case sempre destaca). Ese dúo dinámico que se fixo maior e fixo máis vello ao resto. A barba do primeiro e o bigote do último, así o indican. Porque, amigos e amigas: Foz é un pobo pequeno, pero de xente moi grande! Tan grande coma a Preferente que lles agarda. Non hai medo, só ilusión. Coa xente mariñeira non hai quen poida!

Fotografías: CD Foz
[themoneytizer id=»15360-16″]

Os onces da última xornada na Segunda

A pequena gran familia volve ao seu hábitat natural

O partido en imaxes: Sarriana-Xove Lago (2-0)

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *