A cinco xornadas para o final Burela e Friol mantéñense no primeiro posto dos grupos norte e sur da Segunda Galicia. A pesar do empate do conxunto da Mariña, segue líder cunha diferenza de catro puntos sobre o Pol, tamén en postos de ascenso directo. O Chantada B aproveitou a derrota do Chantada Atlético para aumentar a vantaxe no segundo posto da clasificación.
No grupo norte, o Burela cortou a súa xeira de dez triunfos consecutivos, pero segue sen perder. Empatou nun dos duelos da xornada ante o Guitiriz e ten unha diferenza de catro puntos sobre o Pol e o Folgueiro. O equipo polense venceu con claridade ao Lourenzá, outro dos conxuntos situadas na parte alta. Pola súa banda, o cadro do Vicedo derrotou ao Roupar nun choque con nove goles e alternativas no marcador. Despois de tres partidos sen facelo, volveu gañar o Cabreiros pola mínima diante dun Alfoz que viña de gañar e foi mellor, pero que lle faltou acerto. O gol de Pellón dende lonxe foi decisivo.
Tamén volveu ao camiño da vitoria o Cospeito cunha goleada sobre un Ourol que se presentou con once futbolistas xustos no campo da Fonte. Na zona media, Iberia e Candelaria igualaron e seguen sumando nas súas aspiracións de evitar posibles arrastres nun partido especial para o porteiro Jacobo e o extremo Javier que perderon ao seu avó polo que se gardou un minuto de silencio antes de comezalo choque. Mesma intención ten o Mondoñedo que empatou no derbi ante o Abadín. Da zona baixa, o máis beneficiado da xornada foi o Matela que sumou tres puntos que lle permiten coller unha vantaxe de cinco sobre o descenso directo que ocupan Alfoz e Ourol.
📒⚽ Marcos Lombardero deixa de ser adestrador do @MeiraFClube despois de perder co #ADMatela. O equipo está 7 puntos por riba do descenso directo#DiarioDunMercado
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) March 20, 2018
No choque do Matela ante o Meira na Lomba estivo unha das novas da xornada. Ao remate do partido Marcos Lombardero presentou a súa dimisión á directiva do Meira e o presidente admitiu a decisión do adestrador. O encontro estivo envolto na polémica con varios expulsados e a presenza da Garda Civil. Na acta, o colexiado recolle insultos racistas por parte de Marcos Lombarderocara a el, algo que o técnico nega. O presidente do Meira, Miguel Ángel condena calquera actitude deste tipo, aínda que apunta que el non escoitou nada.
No grupo sur, o Friol sumou unha nova vitoria que afianza o seu primeiro posto e o de ascender á Primeira Galicia logo de vencer a un Santa Comba que se descolga dos primeiros postos. O equipo adestrado por Rafa Casanova leva 13 xornadas sen perder. Segundo é o filial do Chantada que gañou ao Rubián e aproveitou a derrota do Chantada Atlético. O conxunto preparado por Fran Regal caeu nun duelo directo ante o San Lázaro. Nesa zona segue o Oural que sumou o seu teceiro triunfo seguido ao vencer pola mínima ao Brollón.
Na zona media alta segue sumando puntos o filial do Monterroso despois de derrotar pola mínima a un Sporting Lucense que encaixou o sétimo encontro perdido de maneira consecutiva. Tres novos puntos entran na clasificación do Portomarín que saíu máis forte no encontro ca SD Becerreá cun dobrete de Óscar López. Na zona baixa, Milagrosa e Antas empataron a dous goles, algo que non impediu que o cadro da Ulloa entrase nos postos de descenso directo debido a vitoria do Castroverde. O conxunto adestrado por Diego Gigan remontou o seu partido diante do Palas nunha boa actuación de Gelo cun pase e un gol.