A pasada fin de semana, concretamente o sábado pola tarde, viviuse no campo da Cheda unha escena desagradable e asemade arrepiante. Disputábase o Residencia «B» vs Polvorín «A» de xuvenís -que remataría en empate a 2- cando, nunha acción fortuita, un xogador do equipo de Montirón quedou deitado sen consciencia no chan. A situación alarmou a pais, siareiros, xogadores… que estaban presentes no encontro.
Por fortuna, o rapaz recuperou axiña a consciencia, pero foi trasladado rapidamente ao hospital, onde foi examinado ata garantir que todo quedaría nun mal trago. Hoxe, Futbolinlugo trae o testimonio deste mozo de 17 anos, que narra en primeira persoa como o viviu.
«O árbitro asinou unha falta lateral e eu subín a rematar. Realmente non me lembro de subir rematala, pero puiden velo repetido nun vídeo. Non lembraba nin como foi a falta, nin nada dos instantes previos ao golpe.


Saltei de costas e o porteiro desequilibroume, chocando coa testa no chan e quedando inconsciente ipso-facto. O primeiro que recordo é ter ao meu adestrador Kubala diante pedíndome que me incoporase, para ver se me podía erguer. Preguntoume quen estaba con nós, e alí estaban meus pais -quen, polo susto, saltaran ao campo- e cando conseguín poñerme en pé rematou a primeira metade do partido.
De camiño ao vestiario, un compañeiro díxome «Mira que rapazas máis guapas hai na grada» pero sinaloume cara o outro lado do campo, cara a estrada. Eu dinme de conta, xa que estaba orientado e sabía que non había alí ningunha pícara, en parte gracias ás bastantes preguntas que me fixera o meu adestrador instantes atrás.
Seica o porteiro rival acudiu canda min a desculparse, ou quizais a darme a mau (non o teño moi claro) e, ao parecer, desvestinme e púxeme outra roupa por min mesmo, cousa que non lembro. De feito, non me acordo de absolutamente nada do traxecto que fixen desde a Cheda ata o Polusa, tan só decateime do que ocorría unha vez dentro do hospital.

Sentín medo, estaba asustado e, cando comezaba a espertar no terreo de xogo, sentía un hormigueo constante por todo o corpo, semellante ao que sentes cando se che durme unha perna ou un brazo, e os oídos pitábanme moitísimo. En conclusión, non foi unha situación nada agradable, pero afortunadamente estou ben e san.»
–Sergio Sánchez: xogador do Polvorín xuvenil e amante do noso deporte desde os seus primeiros pasos.
Os golpes e os sustos son parte deste deporte, por tanto ás veces cómpre saber como senten estas situación os suxeitos que as padecen. Agradecemos a Sergio Sánchez a súa colaboración e agardamos que non teñamos que falar de feitos como este en máis ocasións, que no fútbol non existan sustos, tan só diversión e alegría!