#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

Fiz Rodríguez (Ribadeo F.C.) «Debemos ser máis regulares se queremos ter opcións de chegar ao segundo posto»

O Ribadeo FC vén de colleitalo pasado domingo un novo triunfo ante o Ordes, que coloca aos mariñáns terceiros, en postos de promoción de ascenso, a tan só tres puntos dos postos que dan acceso á Terceira división.

A falta de regularidade do equipo, caendo ante os equipos da zona baixa da clasificación, impedíronlle ao Ribadeo achegarse aos postos altos durante a primeira volta de competición, pero agora xa comezada a segunda, e con catro triunfos consecutivos, dous deles a domicilio ante Xallas e Castro, situán ao conxunto dirixido por Fiz Rodríguez como un dos favoritos ao ascenso de categoría.

Fiz aspira a chegar ao último tramo de liga con opcións de ascenso

Falamos co adestrador da Pastoriza, que nos resume como se atopa o equipo, e como encaran o esixente tramo final de liga.

FUTBOLINLUGO: O partido ante o Ordes confirmou a boa liña na que está o equipo, aínda que non foi doado xa que tivestes que remontar. Cal che parece que foi a clave do encontro?



FIZ RODRIGUEZ: Non, non foi un partido doado, como non é ningún nesta categoría. Creo que foi fundamental darlle a volta ao marcador tan rápido, sen que tivesen tempo a asentarse tras poñerse por diante.

FIL: O próximo rival é o Arteixo. Na ida foi un partido difícil e tamén están nun gran momento. Que agardas dese partido?

FR: É unha saída moi complicada, teñen xogadores moi perigosos na parte ofensiva, moito potencial nas accións a balón parado e é un equipo que foi medrando co avance da competición, polo que será un rival difícil. Temos que ir coas ideas moi claras e ofrecer a nosa mellor versión para poder sacalos tres puntos.



FIL: Con máis de media liga gastada, que valoración fas da traxectoria do Ribadeo? Os equipos da zona baixa parece que son o voso tendón de aquiles.

FR: Boa. Creo que despois de 21 xornadas estamos entre os cinco primeiros por méritos propios. Sen dúbida o tendón de aquiles, e o que nos impide calificala temporada de moi boa foron os partidos cos equipos que están na parte baixa. De sete derrotas que levamos, unha foi en Ordes nunha tarde desastrosa, outra co Paiosaco facendo un gran partido e as outras cinco con equipos que están nos seis últimos postos, o que demostra a dificultade da categoria e nos indica claramente onde temos que mellorar.

Os equipos da zona baixa están a ser o gran problema dos ribadenses

FIL: A plantilla é moito máis ampla que a temporada pasada. Hugo, Pablo Rivas, Dani Prieto, Tichu…o acerto nos fichaxes unha das claves?

FR: É certo que o ano pasado tiñamos unha plantilla curta que nos condicionou en fases da temporada, e intentamos que este ano non nos pasara. Cando planificamos o plantel tiñamos claro que perfil de xogadores queriamos, e creo que acertamos, tanto nas renovacións como nas fichaxes. Os nomes que mencionas están sendo moi importantes, unha pena a lesión de Dani Prieto que estaba nun bo momento. Dos demáis, David Rodríguez se o respetan as lesións pode ser un xogador determinante no último tramo de competición e Aitor ten un gran potencial, está traballando moito, pero ten que queimar etapas e acabará sendo un xogador moi importante no Ribadeo.

Dani Prieto, unha das incorporacións desta campaña, chegado do Iberia

FIL: Con dezasete partidos por diante, que é un mundo, como ves as posibilidades de ascenso? Hai ilusión no plantel?

FR: Hai unha tremenda ilusión por competir e gañar cada partido. O grupo está moi unido e todos remamos na mesma dirección. Como ti comentas, dezasete partidos son un mundo, queremos competir cada semana, seguir sumando, disfrutar do camiño e intentar manternos no grupo dos mellores o maior tempo posible. Chegar ás cinco últimas semanas con opcións reais de ascenso certificaría unha gran temporada, sendo conscientes de que hai equipos con moito potencial e con moita máis obriga de ascender ca nós.

 

FIL: Coa igualdade que hai na clasificación, ata sete equipos poden estar ahí na pelexa. A quen ves máis forte?

FR: O Paiosaco fixo unha primeira volta sensacional e ten certa marxe, de como inicie esta segunda volta dependerán boa parte das súas opcións. O Polvorín é un equipo semiprofesional ou case profesional nunha liga de afeccionados, polo que é o gran favorito. O Arzúa é un equipo moi traballado que sabe o que quere e vai seguir na parte alta, e despois estamos unha serie de equipos que debemos ser máis regulares que na primeira volta se queremos ter opcións de chegar á segunda praza. Posiblemente haxa moita igualdade ata o final.

FIL: Xa se falou nos últimos tempos, pero volve a estar na palestra o debate pola falta de instalacións. Como vos está a afectar este aspecto á hora de adestrar?

FR: Temos moitas limitacións, porque o campo da Devesa está en moi mal estado e temos que buscarnos a vida en Friol, A Pontenova, Foz, Burela…Iso leva consigo a falta de certa estabilidade e un cambio nas superficies de adestramento constante, o que repercute negativamente en forma de lesións. Na Devesa non se pode facer unha sesión normal, estás condicionado ao que queres facer, é moi difícil darlle ritmo ás tarefas e a nivel ofensivo é imposible facer algo. En Ribadeo hai un déficit de instalacións e ademáis limítannos o acceso ás que hai. Desde o 16 de decembro que xogamos co As Pontes non pisábamos o Pepe Barrera, pedímolo o pasado venres, xa que non chovera durante a semana e o domingo xogabamos na casa e non no lo deixaron, e iso enfadoume bastante. O Concello está a facer un gran traballo en moitos ámbitos, pero aquí hai deficiencias e téñense que establecer prioridades para o uso das instalacións.

O Pepe Barrera convírtese nun barrizal cada ano durante o inverno

FIL: Dos equipos lucenses que loitan pola permanencia, a cales ves con máis opcións de acadala?

FR: A permanencia nesta categoría sempre está condicionada polos arrastres das categorías superiores e este ano non vai ser distinto. Creo que todos teñen opcións reais de salvarse, o Outeiro de Rei teno un pouco máis complicado, pero se enlaza un par de victorias pode engancharse e conseguilo, e ogallá o faga porque é un clube que esperta simpatía pola súa filosofía e polo trato coa xente. Ogallá acaden todos a permanencia polo ben do fútbol provincial.

[themoneytizer id=»15360-16″]

Fiz Rodríguez (Ribadeo F.C.) «Debemos ser máis regulares se queremos ter opcións de chegar ao segundo posto»

O partido da xornada . . .

Fiz Rodríguez (Ribadeo F.C.) «Debemos ser máis regulares se queremos ter opcións de chegar ao segundo posto»

O partido en imaxes: Sarriana-Lemos (4-1)

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *