O Antas segue intratable e a Milagrosa colleita a primeira vitoria

O Antas continua de doce cun inicio de tempada perfecto que se perpetúa unha xornada máis, tras superar o Valladares, o seu perseguidor inmediato. A Milagrosa conseguiu por fin o primeiro triunfo, mentres o PM Friol e o Chantada volveron gañar para conservar os seus liderados. A xornada deixou tamén as vitorias do filial friolés e do Monte Forte.

O Antas pecha a primeira volta sen conceder un punto

O Antas confirmou unha xornada máis a súa autoridade na Primeira Futgal cunha vitoria por 4-1 ante o Valladares. No duelo entre os dous primeiros clasificados, as visitantes golpearon moi cedo: Claudia abriu o marcador no minuto 4 e obrigou as ulloás a remontar.

O equipo de Óscar Méndez respondeu coa súa presión alta e conseguiu darlle a volta ao encontro antes do descanso. Mery igualou no minuto 28 e Jenny marcou o 2-1 no 32. Na segunda metade, Nuria resolveu o partido cun dobrete nos minutos 67 e 79.

Nove partidos e nove triunfos para un Antas que chega ao ecuador da competición con vinte e sete puntos, seis de vantaxe sobre o Valladares e un balance de trinta e sete goles a favor e oito en contra.

Leire Jauregi dálle a primeira alegría á Milagrosa

A Milagrosa estreou a súa conta de vitorias ao impoñerse por 0-1 ao Sporting Cambre. Despois de oito xornadas sen gañar, as lucenses atoparon o premio nun encontro no que o seu bo inicio resultou decisivo.

Leire Jauregi marcou o único tanto no minuto 34. O equipo de Fran Rodríguez conservou a vantaxe e mantivo a portaría a cero para asegurar tres puntos que lle permiten alcanzar os cinco e abandonar o posto de pechacancelas.


Yole encamiña o regreso do Friol á vitoria

O PM Friol deixou atrás dous empates consecutivos cun triunfo por 3-1 ante o Bergantiños. As friolesas dominaron o encontro desde o comezo e tomaron unha vantaxe temperá grazas a Yole, que marcou nos minutos 4 e 13.

Vane ampliou a diferenza no 65 e deixou o partido decidido. O Bergantiños só conseguiu recortar no minuto 91, por medio de María, cando os tres puntos xa estaban asegurados.

O equipo de A Reigosa continúa invicto e líder da Terceira Federación, con vinte e tres puntos e un de marxe sobre o Atlético Villalonga, As Celtas B e o Lóstrego.

O Chantada recupera o paso con cinco goles

O Chantada regresou do campo do Cruces cunha contundente vitoria por 0-5. O conxunto dirixido por Fornas e Manu completou unha actuación sólida nas dúas áreas e mantén o primeiro posto da Segunda Futgal.

Noa Meilán abriu o marcador no minuto 6 e Laura fixo o segundo no 43. Tras o descanso, Sharon resolveu calquera dúbida con dous goles nos minutos 48 e 53. Marián pechou a conta no 80.

As chantadinas suman dezanove puntos en sete encontros e conservan tres de vantaxe sobre o PM Friol B, agora segundo clasificado.

Vane resolve un partido complicado para o filial

O PM Friol B tivo que agardar ata o minuto 85 para superar por 1-0 o Xuventude de Crendes. A entrada de Vane resultou decisiva nun encontro que se lle complicou ao equipo friolés pola lesión de Flor, que o obrigou a xogar en inferioridade numérica.

Co marcador aínda sen moverse e o final cada vez máis preto, Vane anotou o único tanto e asegurou a terceira vitoria consecutiva do filial. O resultado permite ao PM Friol B alcanzar os dezaseis puntos e subir á segunda posición.

A reacción do San Lázaro chega tarde

O debut de Iván Gil no banco do San Lázaro saldouse cunha derrota por 4-2 ante o Auriense. O equipo lucense pagou unha primeira metade moi adversa, na que Victoria marcou nos minutos 5 e 39 e Tegra engadiu o terceiro no 42.

Nada máis comezar a segunda parte, Victoria completou o seu triplete e colocou o 4-0. O San Lázaro mellorou a partir de aí e recortou distancias cos goles de Goya, no minuto 56, e Mireia, no 69, pero non conseguiu compensar a desvantaxe acumulada.

Pedemer prolonga a recuperación do Monte Forte

O Monte Forte encadeou a súa segunda vitoria ao impoñerse por 0-2 no campo do Victoria FC D. Despois da goleada no derbi da xornada anterior, as monfortinas volveron sumar de tres cun dobrete de Pedemer.

O primeiro tanto chegou no minuto 34 e o segundo no 57. O Monte Forte mantivo a portaría a cero e alcanzou os seis puntos, confirmando a súa melloría tras comezar a competición con tres derrotas.

O Carballedo compite malia as baixas

O Carballedo perdeu por 0-3 ante o Milladoiro nun encontro condicionado polas ausencias no equipo da Barrela. As lucenses sostiveron o esforzo, pero non puideron contrarrestar a eficacia visitante.

Iris abriu o marcador no minuto 20 e Ana ampliou a renda no 32. O resultado non volveu moverse ata o minuto 90, cando Akissi anotou o terceiro. O Carballedo continúa con catro puntos após as cinco xornadas desputadas ata o momento.

O líder castiga o inicio da Comercial

A Comercial caeu por 1-5 ante o Xuventú Aguiño, líder da Terceira Futgal. O equipo visitante aproveitou o seu mellor inicio para adiantarse cos goles de Paula Santamaría, no minuto 9, e Rut, no 24.

María recortou distancias no 40 e mantivo as lucenses no partido antes do descanso. Porén, Paula Santamaría marcou de novo no minuto 60 e Rut completou o seu triplete con dous tantos no 76 e no 81.

O Antas B apraza o seu encontro

O partido entre o Antas B e o Racing San Lorenzo quedou aprazado polo falecemento dunha persoa próxima á entidade ulloá. O filial amarelo mantense con seis puntos en catro encontros, á espera de recuperar ese compromiso.