Josema, porteiro do Castro

Os Máxicos comprimen a táboa por arriba e por abaixo

Unha nova semana de competición dos Máxicos da man de O Muelle Bar.

A Milagrosa aproveita a mala xeira do Lourenzá (5-1). Os locais aproveitaron, por vez primeira, as ocasións que xeraron nun partido moi serio. Mediado o primeiro tempo chegou o 1-0 de David tras unha boa xogada combinativa. Nada máis comezar a segunda metade, Javi duplicou a vantaxe ao aproveitar un erro local.

Aínda así, Jorge recurtou diferenzas para os mariñáns no 68′ tras servirse dun rexeite, pero inmediatamente despois chegou o 3-1 de Christian logo dun saque de esquina. Este gol sentou como un xerro de auga fría para o Lourenzá, que non puido competir nos 20′ que restaban de xogo e encaixou dous tantos máis ata chegar ao resultado final de 5-1.

O Monterroso engánchase tras superar ao Racing Villalbés ‘B’ (3-1). A boa posta en escea dos Máxicos locais traduciuse en dous goles no primeiro cuarto de hora. O filial chairego soubo respostar cun tanto tras un erro do Monterroso que os achegou no electrónico. Tras a primeira media hora de tolemia en Cerdeiriños, o ritmo baixou notablemente e os locais controlaron o choque no eixo defensivo. A pesares de que o Racing procurou o empate cun xogo vistoso, o Monterroso soubo deter os ataques dun cadro visitante que non soubo adaptarse completamente ao partido, especialmente despois de que Bochi puxera terra de por media co 3-1 no 60′.

O Ribadeo encabeza os Máxicos tras o pinchazo do filial do Racing Villalbés

O Taboada conquista Os Medos (0-1). Nos primeiros minutos foi mellor o cadro visitante, aínda que o Brollón collía paseniño o pulso do partido. Foi entón cando Speedy roubou un balón en campo rival e combinou con Mosky para facer o 0-1 antes do descanso, mentres que os locais non chegaban con moita claridade, máis alá dun disparo de Pacho.

Na segunda metade, a intensidade e os duelos foron protagonistas no campo da Pobra. Os Máxicos locais procuraron o empate, especialmente en dúas accións de Losada e Leo, mentres que o Taboada puido sentenciar con transicións. O Brollón —pese a xogar os últimos intres cun home menos— non baixou os brazos, pero non foi quen de anotar e os puntos marcharon cara a Medela nunha tarde moi seria dos branquiazuis.


O Folgueiro gaña o duelo de urxencias ante o Becerreá (2-1). Ante a circunstancia clasificatoria, os Máxicos do Vicedo estiveron moito máis intensos e agresivos ao longo de toda a primeira metade, aínda que a diferenza ao descanso era tan só de 1-0. Na segunda metade, o Becerreá mellorou as prestacións e achegouse máis á área rival. Porén, cando mellor estaban os visitantes chegou o 2-0. Pouco despois, os da Montaña recurtaron distancias co 2-1, pero o Folgueiro soubo manexar o ritmo de xogo na recta final para deixar tres puntos fundamentais no Boa Vista.

O Ribadeo asalta o liderado en Outeiro de Rei (1-3). Unha gran versión do Ribadeo permitiu que os mariñáns anotasen dous goles no primeiro tempo (Castrín e Martín) ante un Outeiro que non estivo cómodo, pero que si xerou oportunidades para anotar algún tanto no primeiro tempo. Aínda que o pase por vestiarios deu aire fresco aos Máxicos locais, o Ribadeo tirou de experiencia e de veteranía para controlar o choque e evitar sobresaltos, ata que chegou o 0-3 na recta final.

Logo dunha segunda parte igualada e fermosa no plano táctico, chegou un terceiro tanto que sentou mal aos visitantes. Tras o 0-3, os celestes encaixaron o 1-3 pouco despois e puideron sufrir máis da conta nos últimos intres. Os chairegos apretaron moito e mesmo erraron unha pena máxima que os tería achegado moito no electrónico, pero finalmente chegou a primeira derrota do cadro dirixido por Rubén Candal.

O Foz convence ante un mal Oural (5-1). Os mariñáns foron dominadores da primeira metade e apenas deron opcións ao cadro rival. As ocasións do Foz sucedéronse e traducíronse en tres goles antes do tempo de lecer. O paso por vestiarios, porén, sentou ben aos de Monarca. Anotaron o 3-1 nun erro local e gozaron de oportunidades para achegarse máis no electrónico, pero o conxunto local puxo outra vez terra de por medio cun contragolpe. Tras o 4-1, unha nova transición supuxo o definitivo 5-1 no Martínez Otero.

O Guntín saca tres puntos de ouro do Saviñao (1-2). O partido estivo marcado por unha intensidade altísima e contou con ocasións para ambos conxuntos. Dentro dun fútbol vistoso, o Guntín foi quen de adiantarse por medio do ariete Dani Pérez logo dun mal despexe dos locais.

Xa no comezo do segundo tempo, Andrés —un dos Máxicos da semana— duplicou a vantaxe despois de que o Escairón errase dúas oportunidades claras. Os locais non lle perderon a cara ao choque, recurtaron diferenzas e apretaron moitísimo na procura do empate, especialmente na recta final. O cadro laranxa tivo que sufrir, pero o bo exercicio defensivo na recta final valeulle para levar os puntos cara o Ladairo, 1-2.

A victoria da Residencia sobre o Santaballés comprime a zona alta (3-1). O plan de partido chairego saíu á perfección no primeiro tempo. Xoán adiantou aos seus e o Santaballés dificutou moito á Resi con moitos roubos en campo rival. Na segunda metade, dúas accións chave decantaron o duelo a prol dos locais.

En primeiro lugar, a Resi sacou debaixou dos paus un disparo visitante e, acto seguido, Dani Renda anotou o empate nunha falta directa. Pouco despois, o mesmo protagonista —con merecido lugar nos Máxicos da xornada— fixo o 2-1 desde o medio do campo. O segundo gol local fixo moito dano aos chairegos que, aínda que o intentaron, deixaron espazos para que os branquiazuis sentenciasen co definitivo 3-1 de Mauro.

Os minutos «decisivos» condenan ao Chantada Atlético en Melide (3-0). Os Máxicos chantadinos fixeron unha primeira parte moi sólida: dispuxeron de tres ocasións claras e viron como se lles anulaba un polémico gol por fóra de xogo, mentres que o Cire aproveitou unha das dúas opcións das que dispuxo para poñerse por diante no 42′. Na segunda metade, o Chantada Atlético tirou de coraxe para tratar de igualar o resultado, pero os locais fixeron gala do seu oficio para duplicar a vantaxe no 82′ e, xa co tempo case cumprido, anotar o definitivo 3-0 que deu a victoria ao único equipo invicto do Grupo 3 dos Máxicos.

O Lemos ‘B’ cae con contundencia ante o Sporting Carballiño (1-4). Entraron máis metidos no choque os ourensáns, que anotaron un gol aos 10′ de xogo para culminar as malas sensacións coas que comezara o sábado para o Lemos, que sumou varias baixas de última hora e tivo que modificar o plan de partido.

Co paso dos minutos, as prestacións lemistas melloraron, pero non chegou o premio do empate ata o comezo do segundo tempo, cun gol desde os once metros. Chegaron entón os mellores minutos locais, pero o resultado mudou pronto nun novo erro en defensa dos monfortinos. O 1-3 foi un mazazo, que se uniu tamén á lesión do gardamallas Manu. Tras o 1-4, os Máxicos do río Cabe tiveron opcións para recurtar diferenzas, pero tampouco estiveron atinados de cara á portería rival e deixaron escapar os puntos da Pinguela.

Máxicos

Os Máxicos comprimen a táboa por arriba e por abaixo

Peli dalle tres puntos de ouro a