A fin de semana longa, coa ponte do Pilar polo medio, deixou unha xornada apaixoante na Primeira Futgal. O Muelle Bar trae todos os detalles dunha categoría que agora lidera o filial do Racing Villalbés. Os chairegos, Residencia, Brollón e Ribadeo venceron con autoridade, mentres que o Foz-Escairón rematou cun espectacular 3-4.
A Milagrosa consegue o primeiro triunfo a costa do Taboada (3-1). O conxunto branquivermello levou o peso do xogo na tarde do sábado, pese a que os visitantes opuxeron moita resistencia. Unha gran xogada de Mateo rematou cun pase da morte para que Manu non perdonase (1-0) e, pouco despois, Juan duplicou a vantaxe para chegar ao descanso. A entrada de Yahaya tras o descanso deu aire fresco a un Taboada que se repuxo e recurtou diferenzas cun zapatazo de Quintás, 2-1. Porén, a Milagrosa mantivo a compostura, recuperou o pulso do xogo e, no 70′, Pajón culminou unha fermosa xogada combinativa (3-1) para que os puntos quedasen no Gorgoso.
O Domingo das Mozas séntalle ben a Residencia e mal ao Oural (7-0). A matinal do domingo viviu un partido igualado no primeiro tempo e, pese a que os da Cheda se adiantaron por medio de Mauro no 3′, os sarriáns buscaron as súas opcións con un xogo ordenado. Porén, o tempo de lecer trouxo consigo o dominio absoluto da «Resi», que anotou dous tantos rápidos e aproveitou a expulsión do visitante Nacho para facer sangue con seis goles que deixaron un abultado resultado na capital, 7-0 a prol dos branquiazuis. Mauro erixiuse como o protagonista da tarde con catro tantos.
Partido de alternativas entre Monterroso e Guntín (0-0). O choque estivo igualado e os dous equipos trataron de facer dano co seu fútbol. O Monterroso procuraba facer dano cun fútbol vistoso e o Guntín maduraba as xogadas para chegar con perigo á área rival. Ambos equipos acusaron as malas decisións na área rival e, co paso dos minutos, o choque foise pechando e as defensas remataron por impoñerse aos ataques no único partido da Ponte que rematou sen goles. David puido cambiar o desenlace nunha acción que detivo Raúl, un dos Máxicos desta ponte. Ao final, 0-0 en Cerdeiriños.

O filial do Lemos saca un bo punto de Monterrey (1-1). Os de Yesi eran conscientes da boa dinámica rival e saíron ao campo co coitelo entre os dentes, froito do cal conseguiron o 0-1 no segundo minuto de xogo. Desde ese intre, o exercicio defensivo lemista foi sobresaínte, aínda que non evitaron o empate local no 35′ e tiveron que achicar balóns ata que chegou o descanso. Na segunda metade, o Monterrey tivo dúas grandes ocasións que non materializou pasada a media hora de xogo, mentres que os monfortinos puideron anotar cun centro lateral e cun saque de esquina que sacou baixo paus a defensa ourensá. Ao final, reparto de puntos na Ponte do Pilar.
O Ribadeo convence en Santaballa (0-4). Os mariñáns xeraron moito perigo ao longo de toda a primeira metade con cambios de orientación e balóns ás costas que facían sufrir aos locais. Froito dun deses últimos chegou o 0-1 antes do descanso. Tras a reanudación, o Santaballés procurou mellorar a imaxe, pero o Ribadeo ofreceu a súa versión máis efectiva: converteu en gol todas as opcións que tivo na área da Liga para ampliar a renda ata o 0-4 nunha tarde na que se viu unha gran versión mariñá e a un Santaballés pouco acertado.

O Lourenzá competiu, pero o líder impúxose con autoridade (0-5). O partido puido ser diferente se Casanova tivese transformado unha clarísima opción no primeiro minuto de xogo, pero errou cando tiña todo para anotar. Desde aí, o Racing Villalbés ‘B’ deu unha lección de fútbol e dominou o choque con e sen balón. Tres rápidas transicións permitiron aos de Iván Lamas chegar cunha renda ampla ao tempo de lecer (0-3). No segundo tempo, os chairegos sentenciaron o duelo ante un Lourenzá que non deixou nunca de competir un partido no que voltaron participar un amplo número de xuvenís ao aproveitar o parón da súa competición de base pola Ponte.
O Cire tira de efectividade fronte ao Becerreá (4-1). Os lucenses repuxéronse rápido do gol local, que chegou nun balón parado no 2′. A reacción dos da Montaña supuxo o 1-1 antes do 20′ e, desde ese intre, a igualdade solo foi desfeita nunha gran acción de David Pereiro, 2-1. Na segunda metade o Becerreá procurou con insistencia o tanto que lles dese o empate, pero os coruñeses resistiron os ataques visitantes e o propio David Pereiro —con pasado en conxuntos lucenses como o Outeiro de Rei— anotou un 3-1 nun contragolpe. O gol fixo moito dano a un Becerreá que non puido evitar o cuarto tanto local nunha tarde pouco efectiva para os de Javi Gómez, que voltarán ao traballo tras a ponte.
A ponte deixa 39 goles nos partidos lucenses da Primeira Futgal
O Brollón castiga a un mal Folgueiro (5-0). Un balón ao espazo aproveitado por Diego supuxo o primeiro gol da tarde para os locais. Os mariñáns tiveron unha oportunidade clara para igualar, pero perdoaron e viron como o Brollón duplicaba a renda antes do descanso. Na segunda metade, o Folgueiro fixo dano con fútbol directo e puido recurtar á saída dun córner, pero de novo erraron e non puideron facer nada ante o 3-0 local, cunha fermosa xogada colectiva. Aínda que os do Vicedo se envorcaron para sacar algo positivo, os dos Medos sentenciaron cun contragolpe culminado por Bilal. Take puxo o definitivo 5-0 cun golazo desde fóra da área para aumentar o optimismo do Brollón nesta xornada de Ponte.
O Foz anota tres goles, pero non consegue puntuar ante un gran Escairón (3-4). Un temperán gol de Álex puxo por diante aos do Saviñao e, pese a que o Foz tratou de impoñer o seu fútbol combinativo, os visitantes aproveitaron un roubo para facer o 0-2. Antes do descanso, Dani mantivo esa vantaxe ao deter unha pena máxima a Asier. Á volta dos vestiarios, Asier desfíxose do erro e recurtou diferenzas logo dun centro lateral, 1-2.
Os mariñáns viviron bos minutos e puideron igualar por medio de Roi, pero Dani erixiuse como o heroe e Isma aproveitou dous erros locais para facer dous golazos e levar a diferenza ata o 1-4. Os focenses empurraron ata o asubío final e, de feito, estivo moi preto da épica. Asier fixo un gran gol desde a frontal xa no desconto (2-3) e Dani Prieto rematou á rede un saque de esquina (3-4), pero non houbo tempo para máis e os puntos marcharon cara O Saviñao.
O Chantada Atlético saca un punto do Municipal de Outeiro (1-1). A boa posta en escea visitante e a lesión de Lucas pasaron factura a un Outeiro que non estivo cómodo na primeira media hora. Porén, a lesión do visitante Ivi tamén afectou aos chantadinos e os chairegos pasaron a controlar o xogo. Non foi ata a reanudación cando Navia fixo o 1-0 nunha boa acción do dianteiro. O Chantada Atlético, pese ás baixas coas que chegou ao Municipal, deu un paso adiante e, pese a que non xerou moitas oportunidades, procurou un empate que conseguiu no tempo engadido cun balón que cazou Adrián Román na área local, 1-1 que serve de ponte para que ambos se acheguen aos obxectivos.


