Atlético Escairón e Monterroso

Atlético Escairón e Monterroso queren cambiar a súa xeira

Despois dun inicio no que non conseguiron sumar unha vitoria, o Atlético Escairón e o Monterroso xogarán no Municipal do Saviñao este domingo ás 18.00 horas para revertir esa xeira. Un ten altas expectativas para ser un dos que loite na zona alta da Primeira Futgal co fin de tratar de acadar o ascenso de categoría, mentres que os que actuarán de visitantes veñen de facer unha campaña histórica na que estiveron a nada de ser novo equipo da Preferente.

Os locais enfróntanse a un comezo de tempada da máis alta esixencia. O novo proxecto de Óscar Moure sacou un punto que sabe a pouco ante a Milagrosa e rascou outro empate ante a Residencia. Xunto co Monterroso, mediranse nas tres primeiras xornadas a equipos que remataron entre os oito primeiros na pasada tempada. Polo de agora, a necesidade de sumar a primeira vitoria non é urxente, pero si que daría un impulso importante.

Pola súa parte, o equipo visitante ven de facer unha campaña histórica na que estiveron a un só paso de ascender á preferente. Todo cun núcleo de xogadores da casa que conseguiron ilusionar a toda unha vila cunha campaña inimaxinable para moitos. Este curso, o inicio non foi tan positivo, xa que encaixaron unha derrota ante o Brollón e un empata na casa contra o Foz.

OS PROTAGONISTAS

Óscar Moure, adestrador do Atlético Escairón

Inicio de tempada: Evidentemente, o ideal sería sumar dúas vitorias. Tivemos oportunidades para gañarlle á Milagrosa e con dominio, mentres que contra a Residencia é moi difícil gañar na Cheda e puidemos rascar un punto. Temos un arranque complicado a nivel de calendario, temos que adaptarnos e saber que nós somos un rival incómodo.

Obxectivo do Atlético Escairón: Non necesariamente pasa por ascender de novo a Preferente. Queremos asentar unha base de Monforte que cambie un pouco o que viña acontecendo. Queremos ter un cadro que perdure no tempo e que se alimente da nosa zona. Somos un equipo en construción, con moitas ideas novas e onde queremos quedar o máis arriba posible pensando nunha estabilización.

Encontro ante o Monterroso: Sabemos que é un rival moi difícil porque veñen cunha dinámica moi boa. Coñecemos a Fer á perfección e sabemos que a súa idea de xogo e ser moi competitivos. Vai ser un encontro no que os detalles decidan e que caerá para o que menos erros cometa.

Fer, adestrador-xogador do Monterroso

Tarefa de adestrador-xogador: Xa levo varios anos facendo, desde o Portomarín. Logro imprimirlle ao cadro a miña competitividade, pero durante os encontros perdo algunhas funcións como os cambios, onde me axudan moito os meus axudantes. Vouna levando por experiencia, xa é algo habitual para min. Hai moitas funcións que recaen no corpo técnico e deixome guiar moito por eles. Todo avanzou moito e fai que cada vez estas tarefas sexan máis complicadas.

Inicio de campaña: O que fixemos o ano pasado non é o real. A nosa posición real é estar na zona media, pero o ano pasado aproveitamos todas as xeiras, a xente enganchouse e acadamos unha clasificación que, para min, foi o sobresaínte. Foi o máis inesperado que fixen na miña carreira como adestrador. Acordome que dixera a Futbolinlugo que quería estar nos seis primeiros e chamábanme tolo. Este ano hai moita presión, pero temos que ter os pés no chan e ser conscientes de que hai que salvar a categoría e logo xa veremos.

Encontro ante o Atlético Escairón: Sempre lle falo aos xogadores dos campos difíciles e este é un deles. A xente apreta moito, é un equipo moi forte e este ano reforzouse ben. Sempre teñen cadros para estar arriba. Sempre me costan os partidos da zona de Monforte. Todo o que saquemos en positivo vai ser bon para nós. Están subindo moitos xogadores da base. Non temos a presión de facer o do ano pasado.

A ANÉCDOTA DO ENCONTRO

Despois de anos nos que houbo grandes tramos nos que non coincidían, o balance da última década reflicte varias cousas. Estes encontros aseguran goles, xa que nos últimos trece encontros só nunha ocasión se marcou un gol, mentres que nas outras doce foron dous ou máis. O balance favorece ao Atlético Escairón, que suman nove vitorias por só dúas dos de Monterroso.

A AXENDA

Terceira RFEF

Viveiro-Atlético Arteixo (domingo ás 12.00 horas en Cantarrana): É a oportunidade perfecta para o Viveiro de sumar os seus primeiros puntos da tempada. Despois dunha visita complicada, queren comezar a construir a permanencia na casa e os de Marcos Pereiro terán unha boa ocasión para sumar. Ante eles está un Atlético Arteixo que se fixo desde cero e que ten a xogadores importantes como Álex Ramos ou o chairego Quico.

Preferente Futgal

Pol-Sigüeiro (domingo ás 19.00 horas no Municipal de Pol): O bon inicio dos de Labrada quere ter unha maior continuidade cunha vitoria ante o Sigüeiro. O bo rendemento no xogo estase traducindo en resultados e os chairegos, nun ano no que o proxecto quere dar máis pasos cara adiante, xa se ubican na terceira posición da clasificación.

Primeira Futgal

Guntín-Outeiro de Rei (domingo ás 18.00 horas no Ladairo): O quinto clasificado recibe ao segundo nun encontro onde ambos queren sumar para seguir dando pasos de tranquilidade no comezo da tempada. Son dous dos equipos máis goleadores da categoría e dos que mellor defensa teñen ata o momento, polo que todo indica que O Ladairo verá un encontro fermoso con moitas alternativas para os dous equipos.

Segunda Futgal

Antas-San Roque (domingo ás 19.00 horas no Castro Seoante): Dous dos equipos que fixeron un inicio con máis forza na primeira xornada mídense nun encontro fermoso. Tanto San Roque, segundo clasificado, como Antas, terceiro, teñen ganas de seguir sumando para asentarse na zona nobre da táboa nas primeiras semanas do curso futbolístico.

Terceira Futgal

Becerreá B-Río Sil (sábado ás 18.00 horas no Municipal de Becerreá): Comeza a tempada da Terceira Futgal cunha dobre estrea neste grupo. Corgo B e Becerreá B son os debutantes nesta categoría, pero só os segundos xogarán o seu primeiro encontro na casa. Unha tarde chea de ilusión no Municipal para todos os afeccionados que ven como a institución continúa o seu crecemento.

Futbol feminino

San Roque-Victoria C (domingo ás 17.00 horas no Polvorín): E falando de estreas, imos á máis inesperada de todas. Cando saíron os calendarios da Segunda Futgal feminina, viñan cunha sorpresa. Pese a que deportivamente non o acadaron na pasada tempada, o San Roque fíxose cunha praza na categoría e o seu debut será contra o Victoria C na casa.

Atlético Escairón e Monterroso queren cambiar a súa xeira

Corgo e Abadín toman o mando