Amistoso entre Sarriana e Racing Villalbés da Terceira RFEF

Os lucenses queren ser protagonistas da Terceira RFEF

A Terceira RFEF está a piques de comezar coa primeira xornada durante esta fin de semana. Os tres equipos lucenses da competición, Sarriana, Racing Villalbés e Viveiro, queren dar moito que falar dentro dunha liga que estará moi igualada en todas as partes da táboa. Con aspiracións diferentes, os proxectos teñen unha identidade moi marcada e que as afeccións esperan que cumplan as ilusións postas nos cadros.

Sarriana: Destinados a loitar por todo

Despois do seu descenso desde a Segunda RFEF, a Sarriana chega con novas forzas a unha categoría que pisou moi pouco tempo. Esta vai ser a terceira tempada en toda a historia da institución nunha liga na que teñen que dar un paso importante. De feito, o cadro está diseñado para poder ter unha das candidaturas máis firmes para ir a polo título. Todo ao mando de Alberto Mariano, un técnico con gran experiencia na categoría en equipos como Compostela, Noia, Villalonga ou Estradense, onde alcanzou cotas máis altas e que, cousas do destino, será o primeiro rival da tempada dos da Ribela.

Houbo apostas importantes para a continuidade de pezas que tiveron unha gran preseencia tanto na pasada campaña como na historia de auxe da Sarriana. Por suposto, os irmáns Vilariño serán as columnas vertebrais do centro do campo con ambos rondando os 200 partidos no clube. Xunto a eles, quedan a súa vez un Iago Parga que defenderá a súa vila por segundo ano consecutivo e César Pirot e Arona, que xa son considerados como da casa para a afección. No último tramo do mercado tamén aseguraron a presencia de Freire e Fer Redondo.

No que toca ás fichaxes, a Sarriana foi a por algúns dos nomes máis destacados da Terceira en cada unha das demarcacións. Na defensa, Cabarcos, Hugo Díaz, Iago López e Emmanuel fan máis forte ao muro da Ribela. No centro do campo optan por Uriarte e Andoni, que chega despois de brillar no grupo vasco. Na dianteira, a dinamita levarana Osián despois do seu ascenso coa UD Ourense a Primeira RFEF, Adri Rodríguez, pichichi da Terceira, Álex Pérez, que regresa á provincia, e os novos Aimar e Pascu. Por último, as alternativas a Pirot serán de xuventude, co andaluz Diego Domínguez e o lucense Jairo Luaces.

Racing Villalbés: Unha candidatura xa asentada

Despois dunha tempada na que voltaron a desputar unha promoción de ascenso, o Racing Villalbés é considerado por todos como un dos equipos máis asentados en toda a Terceira RFEF. O cambio de timón do ano pasado para que dese o paso Juan Rodríguez non puido saír mellor, xa que, pese a que houbese baixas de gran importancia, a súa confianza tanto na canteira como en todos os xogadores que formaban o cadro, fixeron que os resultados chegasen e a ilusión reinase na Magdalena durante unha tempada fermosa.

Marcharon nomes como López, Buyo ou Anthony, pero o bloque duro seguirá tendo a algúns dos puntais que levan facendo dos chairegos un dos clubs máis temidos da categoría. Álex Santomé seguirá sendo o rei da portería, mentres que por diante terá a protección de Vérez, despois do seu regreso aos terreos de xogo na pasada campaña, Cadra, Edu Reigosa e José Varela. O centro do campo do Racing Villalbés non se entende sen a presencia de Make e Javi Varela, que estarán acompañados de Sergio Otero. Arriba, o gol seguirá sendo cousa de Borja Míguez.

No campo das novas firmas, a zaga fortifícase coa chegada de Chans e do dúo dos ascensos, Brais Prieto e Martín López. No centro do campo chega Lansade para poñer talento e Aller para seguir proporcionando equilibrio. Foi na punta de ataque onde máis novidades hai para a próxima campaña. Adri Castro e Rodri Alonso serán novas armas por dentro para Juan Rodríguez, mentres que Melo e Javi Muíño darán polivalencia e talento para que o Racing Villalbés poida vivir un ano máis na zona máis alta da táboa da Terceira RFEF.

Viveiro: A permanencia na Terceira, obxectivo primordial

O Viveiro continúa a súa andaina na Terceira RFEF despois dun curso onde acadaron da man de Alberto López unha permanencia realmente sufrida, pero que puideron atar unha xornada antes de que rematase a campaña. Nesta nova etapa, o proxecto é moi diferente ao que acostuma. Tamén terá novidades no seu mando, xa que despois de ser o segundo do técnico lucense tanto en Vilalba como no cadro mariñán, Marcos Pereiro será o encargado de montar a estrutura dun grupo que quere firmar unha nova permanencia.

Nas renovacións, o Viveiro foi quen de manter a algúns dos xogadores máis destacados das últimas tempadas. Na portería, tanto Ayoub como Valentín seguirán outro ano, mentres que na defensa seguirán poñendo o peche á finca Esquerdeiro, Jacobo e Diego Fernández. O centro do campo manterá a forza con xogadores como Xoel, Rolle ou Juan López e arriba poñerán a decisión no último terzo Teixeira, Arturo Calvo e Sergio Cora.

O proxecto pegou unha virada cara a provincia, apostando sobre todo polo talento mariñán que leva moito tempo sobresaíndo noutras categorías. En defensa apostan por Akeitx, Bruno Graña, Peli e Raúl Ferreiros. No centro do campo, xunto a Xoel Eijo e a Huguito, chegan dous nomes contrastados como Izan Serrano e Antón Núñez. Ariiba, Junior e Dani González poñerán máis dinamita na área.

Os lucenses queren ser protagonistas da Terceira RFEF

Diario dun Mercado. Episodio 545