O Guntín agarda rival coruñés na semifinal da Supercopa: San Tirso, Negreira, O Val ou Muxía

O Guntín coñece a medias o camiño da súa primeira participación na Supercopa de Galicia. Xogará a semifinal a dobre partido contra o gañador da Copa Deputación da Coruña. O encontro de ida será no Ladairo a fin de semana do 9 de agosto. A volta, a seguinte finde. No caso de alcanzar a final, tamén sería con dobre enfrontamento, pero o de volta si sería na casa.

O rival do Guntín aínda non se coñece, xa que a fase final da Copa Deputación da Coruña xógase o sábado 1 de agosto. Participan catro equipos nun formato frenético con semifinais pola mañá e final pola tarde. Negreira (triunfador da Copa do Sar), San Tirso (campión da Copa da Coruña), O Val (vencedor da Copa de Ferrol) e o Muxía (gañador da Copa da Costa) son os candidatos. Dada a intensidade da xornada, os equipos poderán levar convocatorias de 25 futbolistas e os cambios serán ilimitados ao longo do tempo de xogo.

O San Tirso, club da parroquia de Mabegondo en Abegondo, e o Negreira son os dous conxuntos que mellor temporada veñen de facer, ao xogar a fase de ascenso á Terceira RFEF. A entidade do Monte perdeu nos penaltis a posibilidade de subir de categoría. Pola súa parte, o cadro da Barcala foi eliminado no primeiro cruce polo Lemos. Tanto San Tirso coma Negreira teñen experiencia na Supercopa, xa que a gañaron en 2024 e 2025, respectivamente. Ese triunfo deulles a oportunidade de xogar a fase previa da Copa do Rei, pasala e recibir a un equipo de Primeira División. O San Tirso xogara ante o Espanyol e o Negreira coa Real Sociedad.

Por outro lado, O Val levou unha ledicia co título da Copa de Ferrol, logo do seu descenso á Primeira Futgal. O Muxía asinou un fito na súa historia ao lograr a primeira Copa da Costa. Finalizou na 6ª posición do grupo 2 da Primeira Futgal.

A ruta do Guntín

Cadro da Supercopa difundido pola Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) logo do sorteo realizado en sede federativa o 16 de xullo.

No caso de que o Guntín eliminase ao seu rival coruñés, xogaría a final a dobre partido as dúas últimas findes de agosto. O encontro de volta desenvolveríase no Ladairo. O rival sairía da outra semifinal que xogarán o Alertanavia, da parroquia viguesa de Navia e subcampión da Copa Deputación de Pontevedra, ante o Auriense (novo nome do Cented Academy), campión da Copa Deputación de Ourense. O gañador do torneo pontevedrés foi o Portonovo, pero non pode participar na Supercopa ao ascender á Terceira RFEF, categoría estatal.

Por terceira edición, o gañador da Supercopa accederá a rolda previa da Copa do Rei. Ata o de agora, os dous equipos que tiveron esta oportunidade, San Tirso e Negreira, lograron pasar esa eliminatoria e recibir a un club de Primeira División.

A RFGF fixou ás 20:00 horas como o horario indicado para xogar os encontros, tal e como recolle na circular de competición. Non haberá prórroga en ningún dos cruces. Se ao finalizar o tempo regulamentario persiste o empate, o vencedor decidirase nunha quenda de penaltis.

No que respecta a inscrición de futbolistas, tense en conta que se trata dun torneo en pretemporada, polo que se poderán incorporar xogadores entre a ida e a volta. «Que se atope regulamentariamente inscrito/a e en posesión da licenza federativa obtida con anterioridade ao correspondente partido da eliminatoria», sinala a circular.

O Guntín, 4º representante lucense na Supercopa

O club laranxa é o representante de Lugo na cuarta edición desta competición, que xogan os campións das Copas Deputación de cada provincia galega. O cadro do Ladairo gañou a Copa ao superar ao Ribadeo na quenda de penaltis da final. Os disparos dende os once metros foron grandes aliados do Guntín no torneo. Desa maneira superaron catro das cinco eliminatorias: Iberia, Pol, Monterroso e Ribadeo. Nos cuartos de final venceron 3-1 a SD Chantada.

No tocante a liga, o Guntín alcanzou o 7º posto no grupo 3 da Primeira Futgal con 45 puntos. Quedou lonxe dos postos que dan acceso a xogar a fase de ascenso, pero mantívose sempre na zona media alta da táboa. Non sufriu polo perigo dun descenso que implicou a numerosos equipos ata a última xornada. Marcou 40 goles e recibiu outros tantos.

Polo momento, a Supercopa galega non trouxo grandes éxitos para a provincia. O Ribadeo foi o primeiro participante e o único lucense que superou unha eliminatoria, pero nun formato de competición diferente. Na primeira edición máis equipos xogaron a fase final, ao formar parte dela os campións das copas por áreas xeográficas, non estritamente os de cada provincia. O cadro ribadense superara o Atlético Arnoia nos cuartos de final e fora eliminado polo Portonovo na semifinal.

O Escairón e a SD Chantada foron os outros clubs da provincia que participaron na Supercopa xa nun formato igual ao actual. Ambos foron eliminados na semifinal polo mesmo equipo, o Cultural Areas.

Germán Campos chegou ao Guntín en novembro de 2024.

O Guntín leva dúas fichaxes neste mercado

A Supercopa obriga ao Guntín a realizar unha pretemporada diferente, que comezará a última semana de xullo. O adestrador Germán Campos continúa a fronte dun grupo do que non formará parte dende dentro o capitán Tomás Fernández nin o gardamallas Iker Rodal, un dos grandes protagonistas nas numerosas quendas de penaltis da última tempada.

Con todo, o club guntinés xa asegurou doce renovacións: Álvaro Buján, Brais, Dani Pérez, Luis Villasante, Álex Vázquez, Mateo Celeiro, Rubén Seijas, José López, Borja Fernández, Pablo González, Nadir Abdelaziz e Xoel Irimia. Ademais, comunicou a fichaxe do atacante Álex Goás (CD Castro) e a do porteiro Raúl Díaz (Casás).

«Somos os pequenos da competición. Imos con moita ilusión», declarou o técnico ao ser preguntado polo primeiro torneo oficial que xogará un equipo sénior da provincia este verán. «Queremos seguir dándolle continuidade ao gran grupo de futbolistas que hai: xogadores novos e de moita calidade», afirmou.

Foto de portada: Róber Carreira – Facebook: Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial

O Guntín agarda rival coruñés na semifinal da Supercopa: San Tirso, Negreira, O Val ou Muxía

Diario dun mercado. Episodio 526