O Mundial non distrae ao fútbol lucense, que nesta edición do Diario dun Mercado segue demostrando que o nivel de todos os equipos do noso fútbol vai en aumento ano tras ano. Hai grandes novidades, sobre todo no canto das renovacións, pero tamén contamos con fichaxes importantes e baixas que fan dano ao ser figuras que dexan un gran legado nos equipos dos que parten.
E esta edición comeza coa Terceira RFEF, onde o Racing Vilalbés consigue renovar ao seu capitán, Vérez, despois dunha tempada na que voltou a sentirse futbolista despois de atravesar un duro períplo de lesións. Pero tamén teñen unha baixa, xa que o seu home gol da pasada campaña, Pablo Trigo, marcha da Magdalena. Hai tamén unha renovación na Sarriana, onde o gardameta catalán César Pirot continuará na portería da Ribela por terceira campaña consecutiva.
Na Primeira Futgal é onde continúan as novidades do mercado do fútbol lucense neste novo diario. A nosa ruta volve a Vilalba co filial do conxunto chairego. Migui, xogador que disputou o All Star Futbolinlugo, renova para xogar de verde e vermello por segunda tempada. Pola súa parte, o Chantada Atlético reforza a súa portería coa fichaxe de Cristian Penela desde o Rodeiro.
O mercado vai ao ritmo que marcan as categorías baixas
Na Segunda Futgal hai un equipo que decidiu ser protagonista nesta edición coa renovación de dúas das súas grandes figuras durante os últimos anos. O Catro Roldas contará por sétima tempada con David Orosa e por decimocuarta con Esteban Carracedo.

Por último, a Terceira Futgal deixa movementos no grupo norte coa renovación de Diego no Muimenta e a pesca do Pol no extinto Matela. Os chairegos fanse con Iván Matías, Riki, Pablo Porto e Simao, este último xogador All Star Futbolinlugo nunha ocasión.

