Eli, xogadora do Antas

Eli (Antas): «É emocionante saber que o camiño remata»

A final da Copa Deputación Feminina foi a última en desputarse e agasallou un encontro espectacular entre a Milagrosa e o Antas. O título, despois de gañar por 1-3, foi a guinda para unha tempada espectacular para o Antas e tamén o seu segundo título consecutivo de liga, pero tamén foi o peche soñado para a carreira dunha futbolista diferencial para o Antas. O legado que deixa Eli vai máis aló do verde, xa que a súa traxectoria no fútbol sala tamén será recordada.

Futbolinlugo: Segundo título de Copa Deputación para o Antas. Como foi o partido para ti nun día tan especial?

Eli: Chegamos con moitísimas ganas a esta final, pero sen estar confiadas. A xente dábanos como favoritas pero sabíamos que ía ser un encontro moi complicado e que nos ía custar moito levantar o título. É moi emocionante que despois de ser as eternas segundas cheguen dos títulos consecutivos. Ogallá esta tendencia siga, polo menos un ano máis

F: Ademais, o encontro tiña o aliciente extra de que era o teu último.

E: A verdade é que o ano pasado xa o xogara coa idea de que ía rematar na final, pero ao final convencéronme para un ano máis. Estaba moi tranquila, algo que non me pasaba o ano pasado, si que estaba emocionada por saber que o camiño remataba.

F: Entendo que co pitido final viñeron todas as emocións.

E: Totalmente. Xa cando foi o momento do cambio e me sentei no banco xa se me viñeron todas as bágoas aos ollos. Co final as emocións sairon porque estaba rodeada tanto da afección como de todas as compañeiras. Tiñan unha festa grande preparada que eu non me esperaba.

F: Con que te quedas da túa carreira?

E: Que difícil! Este último ano foi moi especial. Vivín moitas cousas, como un ascenso a Preferente no fútbol sala, pero no que ten que ver co campo quedaría con esta última tempada.

F: E se só puideses escoller a unha persoa que che acompañara en todo o camiño, a quen elixirías?

E: Esta tamén é complicada. Levo moitísimas persoas, pero tendo en conta todo teño que mencionar á nosa eterna capitá Nuria Louzao. No fútbol sala era eu a que levaba o brazalete, o que tamén é curioso. Foi un intercambio de postos moi agradecido e téñolle moito cariño.

«Tomarei un ano sabático, pero seguro que voltarei ao fútbol»

F: A vosa tempada foi espectacular. Esperavádelo?

E: A verdade é que non, foi todo unha sorpresa. Cando comezou o ano o único que estaba en mente era a permanencia, pero co paso das xornadas vimos o noso potencial e puidemos facer un gran ano. Foi unha pena non xogar o playoff, pero houbo un gran traballo.

F: Cal foi a chave para conseguir estes éxitos?

E: O traballo. Todas as semanas adestrabamos todas, e boa parte diso é dos adestradores, que son moi bos e estivemos moi contentas. Fixemoslles caso, creo, en moitas cousas. E tamén foi moi importante o grupo. Estamos moi unidas tanto dentro como fóra do campo.

F: Cales cres que serán os seguintes pasos do Antas nas vindeiras campañas?

E: Vereino desde fóra, pero creo que queda moito por diante e hai un grupo moi bon. Tamén está comezando a cimentarse a entrada de xogadoras moi novas que van dar moito. Creo que vai haber un recorrido moi longo.

F: Plantéxaste adestrar ou seguir ligada ao fútbol dalgún xeito?

E: Polo menos, vou tomar un ano sabático. Pero, como digo sempre, o fútbol é como unha enfermidade e pronto seguro que acabarei volvendo a estar ligada ao fútbol. Non descarto nada, incluso lle propoñía a Nuria facer un equipo de veteranas. Pode ser que cando nos acorde o fagamos.

penaltis