Nuria Louzao é unha xogadora All Star. Quere dicir isto que está convocada ao All Star, claro. Pero é unha xogadora All Star diferente. Porque leva tantas convocatorias como edicións. 6 de 6. Pleno absoluto para a futbolista da SD Antas, que vén de culminar unha campaña excepcional co seu conxunto e poñerá o broche de ouro o vindeiro sábado no Acebreiro.
Falamos con ela para coñecer as súas expectativas de cara ao partido en Pastoriza, así como da gran temporada que fixo o conxunto do Castro Seoane, tanto na Primeira Futgal como na Copa.
Futbolinlugo: 26 goles nun ano. Fixeches méritos dabondo para estar no VI All Star.
Nuria: Si, e iso que cambiei de posición a comezo do curso. Sempre fun mediocentro, pero este ano o míster falou conmigo e me dixo que me vía como dianteira. Eu acepto sen problema o que equipo necesite, e a nivel individual estivo moi ben.

Futbolinlugo: 6 edicións e 6 convocatorias. Como se mantén esa regularidade que permite ser convocada?
Nuria: Sempre tiven a sorte de que me chamasen. A verdade é que estou encantada de ir.
Nuria vén de proclamarse campioa de copa co Antas e quedar ás beiras do ascenso
Futbolinlugo: Este ano o Antas está ben representado no All Star. Vaia temporada no Castro Seoane…
Nuria: A temporada foi mellor imposible. Xuntamos xente cun alto nivel futbolístico e o equipo o agradeceu. De feito, imos seis rapazas do Antas a xogar o partido, repartidas nas seleccións en función do lugar de nacemento. Pero imos tres que levamos moito tempo xogando no Antas, é un orgullo.
Futbolinlugo: Tiveches ocasión de ver con quen compartirás equipo este sábado?
Nuria: Coñezo a case todas as do meu equipo e tiven a sorte de coincidir con moitas en temporadas previas. Tamén tiven ocasión de ver ás rivais, ás que coñezo, e o partido promete.
Futbolinlugo: No banquiño tamén tes a un vello coñecido..
Nuria: Si, temos tamén o privilexio de que Óscar veña con nós, e no noso equipo. A Ana Buceta non a coñezo persoalmente, pero teño escoitado falar moi ben dela e teño moitas ganas.
Futbolinlugo: Despois deste curso, cal é o obxectivo da SD Antas o vindeiro curso?
Nuria: O primeiro é manter a categoría moito tempo máis. Se mantemos o grupo e incorporamos xente que aporte ao equipo, seguro que o acadamos.
Futbolinlugo: A nivel persoal, Nuria seguirá procurando estar convocada ao All Star…
Nuria: Sempre digo o mesmo, que o vou deixar, pero cada temporada que empeza me sinto ben e sigo adiante. Mentres o corpo aguante, seguirei. A nivel físico atópome ben e de momento non vou parar.

