O Lemos queda ás portas de volver
-
Eros López | 22/06/2026
- 0
- 3min de lectura
O Lemos terá que esperar unha tempada máis para regresar á Terceira despois de que a eliminatoria ante o Portonovo rematase cunha derrota en Baltar. Noutro partido moi físico, un gol de Keko Ventín no desconto sentenciou o ascenso do Portonovo á Terceira RFEF. Os monfortinos, pese a que tiveron oportunidades, non conseguiron levar o encontro a unha prórroga. O que si foi un éxito foi o desprazamento de preto de varios centos de siareiros desde Monforte que deron todo para empurrar aos seus ata o asubío final.
O encontro entre Lemos e Portonovo tivo un guión moi semellante ao que foi a ida. O xogo foi moi trabado desde o comezo, o que impediu que ambos equipos atopasen a fluidez ofensiva necesaria para atopar as mellores oportunidades. Con ese pouco xogo, no primeiro tempo non houbo máis que un remate de cabeza que tivo que sacar Losada.
No segundo tempo, o Lemos foi a polo gol que necesitaba adoptando un plantexamento ultraofensivo. Con tres centrais e todo o equipo arriba, Adri Díaz tivo un disparo que non rematou en gol. A máis clara foi para Dani Blanco, que nun man a man diante de Diego Dadín estivo a piques de igualar a eliminatoria. No desconto, Keko Ventín conseguiu facer unha gran xogada para sentenciar a eliminatoria e mandar ao Portonovo á Terceira RFEF.
É necesario poñer contexto ao que foi esta tempada para o Lemos. Despois de anos nos que lles tocou sufrir moito por evitar o descenso á Primeira Futgal no grupo Norte, o seu paso polo grupo Sur foi unha declaración de intencións desde o comezo ata meterse na promoción de ascenso. Unha gran campaña que, pese a que non tivo a guinda final, é dun mérito incalculable e, sobre todo, tamén é unha primeira vez para poder aprender e saír o ano que vén con moita máis forza a polo ascenso.

Para o ano, a familia do Trío de Ases O Cantón aumenta cun equipo máis. Na Terceira voltaremos a ter catro despois do descenso da Sarriana e a caída na promoción do Racing Villalbés. Lugo B e Viveiro acompañaranos nunha aventura que engadirá de novo destinos como Lalín, Pontevedra, co seu filial, e Portonovo e que incluirá por primeira vez ao Antela. Na Preferente, Pol e Burela irán seguro polo lado Norte e o Lemos e o recién ascendido Chantada terán que esperar a ver cal vai ser a nova composición dos grupos para saber se as súas rutas irán cara arriba ou cara abaixo.
