Diario dun mercado. Episodio 501
-
Santi Real | 23/05/2026
- 0
- 2min de lectura
Coa fin da temporada regular comezaron os movementos do mercado. A campaña 2026/2027 comeza a asomar e tanto xogadores como clubes queren asegurar o seu futuro e afianzar os seus proxectos. É o caso do Lourenzá, que renovou ao seu adestrador Rubén Acebedo. O preparador «All Star»afronta así o seu segundo curso na Santa Cruz logo de colleitar unha meritoria permanencia na Primeira Futgal.
Tamén continuará Rubén Sanjurjo ‘Piru’ á fronte do Xove Lago. O traballo do técnico nas últimas xornadas non foi suficiente para manter ao equipo na categoría logo dun ano convulso, pero o viveirense continúa para devolver aos verdes á Primeira pola vía rápida. No sur da provincia, o contrastado Melendo seguirá dirixindo ao Relámpago Taboada.
O Sporting Pontenova, que vén de recibir malas noticias polo infortunio lucense na promoción de ascenso. Tan só un equipo lucense poderá ascender á Primeira e, polo tanto, o Sporting xogará na Terceira Futgal o vindeiro curso. Aínda así, os da Mina queren recuperar a categoría perdida. Para iso, renova a tres xogadores que a bon seguro ofrecerán un gran rendemento —un por liña—: o defensor Adrián, o mediocentro Marcos Martínez e o dianteiro Álex Amor, que cumprirá o seu cuarto ano no cadro pontenovés.
O final da temporada regular tamén trouxo consigo numerosas despedidas dentro do mercado. Saúl Méndez non continuará como adestrador do Cabreiros, mentres que o Brollón anunciou a retirada de Samuel Jorge tras a consecución da permanencia. Ademais, o campo da Reigosa, en Friol, viviu dous intres moi emotivos o pasado domingo.


O cadro local, o Friol, despediu cun corredor a Dani Roca, que colga as botas logo dunha vida enteira adicada ao fútbol. O dianteiro despídese cuns números goleadores que serán difíciles de atopar no mercado para os vermellos. Ademais, o Palas —que rematou a temporada nese mesmo campo, ante o Friol— dixo adeus a un dos seus clásicos: Alvarito tamén foi homenaxeado cun corredor tras anunciar a súa retirada.