#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Burela fai da Marosa un teatro dos soños

O Burela celebra a permanencia

Hai pouco máis dun mes, o Burela tiña todo moi difícil de cara a manterse na Preferente. Sumaron tres vitorias consecutivas e dependían de si mesmos para salvarse, pero non todo ía ser tan sinxelo. Houbo que remontar ata dar por feita unha permanencia froito dun traballo de anos. No outro canto da xornada, o Racing Villalbés chega con moita vida ao Vero Boquete tras empatar na Magdalena e o Lemos xa sabe que se medirá ao Negreira na primeira rolda da promoción de ascenso.

Burela converteuse nun manicomio

O Burela certificou a súa permanencia na categoría despois dunha vitoria por 6-3 ante o Cidade de Ribeira na que a afección pasou por todos os estados de ánimo posibles en só noventa minutos. Todo comezou do revés, xa que o cadro visitante púxose con dous goles de vantaxe no minuto 10. Vila foi quen de dar unha reacción rápida e Diego Chao poñería o empate pasada a media hora de encontro, pero Ndong volvería a poñer ao Cidade de Ribeira por diante.

Nese momento, desatouse a tolemia xa que, en tres minutos antes da chegada do descanso, Javi Rodríguez e Júnior daríanlle a volta ao marcador e deixarían ao Burela na Preferente. Tocou sufrir, pero tiña que saír o presidente a poñer a guinda do pastel. Un doblete de Jairo Campo no 75 e no 78 puxo a sentenza do encontro e instalou a ledicia. Todos xuntos festexaron no campo, con Oke incluido despois de que o chamara Julio Castro. Unha familia que seguirá soñando en Preferente un ano máis.

Todo se decidirá en Santiago

A eliminatoria entre o Racing Villalbés e o Compostela chegará á volta con todo por decidir, xa que o 0-0 mantívose na Magdalena ata o remate dos noventa minutos. Empezou mellor o cadro santiagués, que probou a Santomé cun disparo de Charly ao que o porteiro puido reaccionar con solvencia. Os chairegos deron un paso adiante e Anthony e a estratexia estivo preto de darlle o gol ao Villalbés. O Compos mantivo o dominio, pero sen grandes oportunidades.

Xa na segunda metade, o ritmo baixou moito e pasou a ser máis bronco. A máis clara chegou por parte do Compos despois dun balón peinado que lle chegou perfecto a Maceira, pero o seu remate marchou fóra. Herrero foi quen levou máis perigo, pero na última xogada do encontro, o Compos bateu co longueiro. Todo decidirase no Vero Boquete nun partido no que aos de Juan Rodríguez só lles vale gañar, mentres que ao Compostela valeríalle o empate.

O Lemos xa ten rival

O Lemos non puido subir ao terceiro posto despois de perder ante o Pontevedra B na Pinguela por 2-3. Walid abriu o encontro no cuarto de hora da primeira parte e os de Marquitos non foron quen de empatar ata o segundo tempo, cun tanto de Rogerio. Iago Fernández volvería adiantar aos pontevedreses, pero Iñaki, no seu regreso tras lesión, volvería empatar. Parecía definitivo, pero no 93 volvería a aparecer Walid.

Para os monfortinos, a importancia xa pasa a estar posta no que vai acontecer a partir do día 30 de maio. A promoción de ascenso aparece pola esquina e xa ten claro cal é o seu camiño para regresar á Terceira RFEF. A primeira pedra será o Negreira, un dos equipos máis fortes de toda a división. Coa volta fóra da casa, os monfortinos terán que vencer a un cadro que xogou este ano a Copa do Rei ante a Real Sociedad. De pasar, xogarían contra o gañador do Órdenes-Portonovo.

Peche amargo para o Pol

O Pol, pola súa parte, despediu a tempada cunha derrota que case o fai ser xuíz do que acontecía na última praza de descenso. O Paiosaco mantívose forte para facerse cos tres puntos despois de gañar por 2-0. Un minuto antes da chegada do descanso, Brais Esmoris adiantaba aos locais, que finiquitarían o encontro no minuto 89 cun tanto de David González. Os chairegos sufriron, en gran medida, por todas as baixas que arrastraban de xornadas anteriores.

O Burela fai da Marosa un teatro dos soños

O Burela fai da Marosa un teatro