O Burela mantense na loita por tratar de evitar o descenso na Preferente Norte. Pese a que a loita é cada vez máis intensa, os mariñáns deron un paso importante na última xornada despois de vencer no Lalín na festa do título dos rivais por 0-2. A permanencia está a dous puntos, pero a posible aparición de arrastres supoñería que terían que superar en puntos ao decimocuarto do grupo Sur para poder certificar un ano máis na categoría.
No encontro apareceu unha das figuras do conxunto mariñán ao longo desta tempada. Jairo López está sendo unha referencia con seis goles anotados, un deles ante o Lalín. O viveirense pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron do último encontro, da loita pola permanencia e da entrada tanto de Julio Castro como dos rapaces Made In A Marosa.
Entrevista a Jario López do Burela
Último encontro: «Non contabamos, íamos con ilusión coma sempre e aproveitamos a resaca da celebración do título para gañar o encontro».
Loita pola permanencia: «Está complicada a cousa, pero non está todo perdido. Temos que gañar o domingo para aumentar as opcións. Hai que mirar no Sur como vai indo a cousa. Queremos sumar todos os puntos posibles. Vimos motivados de Lalín e intentaremos encher A Marosa».

Novas entradas no Burela: «Julio meteunos moita caña desde que chegou. É máis intenso que Oke, pero estamos moi contentos con el. Tamén os rapaces cando viñeron responderon a lesións importantes do equipo. Deron o callo como outro calquera. A baixa de Adri notouse, pero ca axuda dos xuvenís puidemos lograr puntos importantes».

