O Lugo B súmase ao barco da promoción
-
Eros López | 27/04/2026
- 0
- 5min de lectura
Faltan seis puntos en xogo na Terceira, pero o Lugo B está só a catro dos postos da promoción de ascenso despois de golear ao Alondras. Outro que tamén tivo un festín de goles foi o Lemos, mentres que o Burela colouse na festa do campión para sumar tres puntos vitais. Polo contrario, Pol e Viveiro non puideron sumar nada positivo, o Racing Villalbés complicouse a vida e a Sarriana está a espera de que aconteza unha milagre na última xornada. Todo para un Trío de Ases O Cantón de caras e cruces.
O Lugo B ten claro que aínda queda moito que roer de cara ao final da tempada e que as opcións para intentar chegar á promoción aínda están presentes. Están a cinco puntos do Racing Villalbés, pero tendo en conta que rematan ante os chairegos na última xornada poderían ter unha última opción. Todo grazas a que o filial albivermello conseguiu unha contundente vitoria ante o Alondras por 0-4 que lles manten na loita para as dúas últimas xornadas.
O encontro abriuse grazas a un home que viviu unha fin de semana soñada. Aday Alcalde, despois de debutar en Barakaldo co primeiro equipo, abriu o marcador no minuto 4 de encontro. Antes de que chegara o descanso, Ibe transformaría un penalti para poñer o segundo e, xusto despois do paso polos vestiarios, Aday volvería a marcar para poñer o terceiro. O remate da conta do Lugo B púxoo Hugo Díaz co cuarto tanto.
O Lemos conseguiu marchar de San Rosendo cun importante botín baixo o brazo despois de gañar por 0-4 ao Sporting Celanova. Máis aló da goleada, o conxunto de Marquitos volveu entrar nos postos de promoción de ascenso con tres encontros por diante. Desde a entrada do seu técnico, o cadro monfortino leva 16 puntos dos últimos 21 posibles, o que lles está consolidando na loita por prorrogar o fin da súa tempada durante o mes de maio.

Os monfortinos abriron o encontro no minuto 17 cun tanto de Emmanuel á saída dun saque de curruncho. Pese a que o dominio foi moi grande durante todo o encontro, o tanto da tranquilidade non chegou ata o minuto 74, cando Fito conectou con Guitián para o segundo. No tramo final, o dianteiro arxentino repartiría un gol máis, a Dani Blanco, e pecharía a conta co seu vixésimo tanto no que vai de tempada.
Era o día da entrega do título de campión do Lalín fronte aos seus afeccionados no Manuel Cortizo, pero non esperaban que houbese un invitado sorpresa. O Burela conseguiu asaltar o feudo do novo equipo da Terceira RFEF e vencer por 0-2 para dar un golpe na mesa con tres xornadas por diante para tratar de acadar a permanencia. Cun arrastre moi probable, os de Julio Castro están a dous puntos de sair do descenso, pero terían que sumar máis puntos que decimocuarto do grupo sur para librar.
Os da Mariña consolidaron a súa vitoria en cinco minutos con contras rápidas. Jairo López no minuto 20 e Júnior no 25 rematando cunha fermosa vaselina foron quen de dar dous tantos que acabarían sendo suficientes. Todo foi polo plantexamento defensivo que foi quen de aguantar os embites do campión do grupo e dun Kiko que estivo maxistral, realizando paradas de moito mérito que serviron para consolidar tres puntos de ouro.
A Sarriana caeu do xeito máis duro posible ante o Atlético Astorga por 1-0 e agora dependen dunha milagre para poder permanecer na Segunda RFEF. Un tanto no minuto 94 botou por terra o esforzo do conxunto da Ribela. Para que poidan entrar no posto de play out, a Sarriana ten que gañar este domingo ás 12.00 horas ante o Rayo Cantabria na casa e esperar que Valladolid Promesas e Langreo perdan ante o Burgos B e o Oviedo Vetusta.
O Racing Villalbés puxose en problemas de cara as últimas dúas xornadas debido a que caeron na Magdalena ante o Silva por 0-3. Con seis puntos en xogo, situase dous por riba dos seus inmediatos perseguidores, Boiro e Somozas. Os goles de Parafita e Rodrigo Alonso, cun doblete, non tiveron resposta por parte dos chairegos, que terán como dous últimos rivais ao Gran Peña e ao Lugo B, que poden ser invitados inesperados polo quinto posto.
O Pol viuse moi lastrado polas baixas e non puido sumar nada ante o Dubra, que rematou goleando por 4-1. Os locais adiantáronse na media hora de encontro cun gol de Samu Dopazo, pero despois do descanso o Pol conseguiu igualar mediante un tanto de Diego Rey. Pouco a pouco, as forzas foron decaendo no conxunto de Labrada e o seu rival encadeou tres goles no tramo final para rematar levándose a vitoria.
O Viveiro, pola contra, meteuse en maiores problemas despois de perder por 2-0 ante o Estradense. A vitoria do Silva ante o Estradense sitúaos a tres puntos dos mariñáns, pero hai que ter en conta que ese posto que ocupa o conxunto coruñés converteríase en descenso no caso de que a Sarriana provocase un arrastre final. O castigo para os de Alberto López chegou por parte dun veciño da costa de Lugo como Dani Pedrosa, que firmou un doblete.
