Remata a temporada regular na Terceira Federación do fútbol feminino e faino co Peluquería Mixta Friol con opcións de xogar a promoción de ascenso. Todas as súas opcións pasan por vencer o domingo ás 18 horas na Reigosa ao Bergantiños. Arbitrará o colexiado lucense David Méndez Moreda.
O PM Friol afronta esta última xornada ligueira na cuarta praza con oito puntos menos que As Celtas B, líder da categoría e única posición que da opción de xogar a promoción de ascenso. O cadro vigués non pode disputar este play off debido a que o primeiro equipo non obtivo a clasificación para pelexar polo ascenso en Segunda RFEF. Deste xeito, o PM Friol pelexará diante co Victoria coruñés e o Lóstrego por lograr o segundo posto que outorga o billete á promoción.
As opcións pasan por vencer a un Bergantiños que non pon nada en xogo, agás a súa honra. E para engadirlle un pouco máis de picante, o PM Friol debe agardar o pinchazo de Victoria e Lóstrego. O conxunto coruñés xoga no seu feudo diante do seu homónimo compostelán, cadro que ocupa a quinta praza, pero sen opcións de ascenso, mentres que o Lóstrego recibe a visita do Orzán, oitavo.
Cabe destacar que o que ocorra nesta última xornada de Terceira ten incidencia directa no noso representante na Primeira Galicia Feminina: o Antas. As da Ulloa atópanse inmersas na pelexa polo ascenso nunha categoría que lidera o Victoria B coruñés. No caso de ascenso do primeiro equipo, o filial contaría con vía libre para poder subir tamén, feito que dificultaría moito as opcións de ascenso do Antas de xeito directo, véndose obrigadas a pelexar o salto de categoría nunha promoción que disputan as segundas e terceiras clasificadas.

A PROTAGONISTA
Nerea (PM Friol)

Ilusión. «Creo que o ascenso é un fito que a todas nos gustaría acadar e esta temporada era un dos nosos obxectivos como equipo. Cremos en nós e a ilusión por lograr dar o salto de categoría será o último que perdamos. Aínda que non dependemos de nós mesmas, pensamos en gañar o domingo e logo que pase o que teña que pasar«.
Mentalidade. «Somos un equipo competitivo. Aínda que poda parecer que temos todo perdido, só pensamos en sumar os tres puntos diante do Bergantiños, xogar un bo partido e estar preparadas para o que poda pasar. É unha xornada complicada e moi intensa, todas queremos meternos aí e igual ca nós o Victoria e o Lóstrego tamén queren a praza. Ninguén se vai deixar nada no tinteiro. Agardo que sexa unha xornada bonita e o equipo que consiga xogar a promoción que a disfrute«.
Balance. «Considero que este ano merecemos moito máis. Penso que intentamos loitar todos os partidos, pero cometemos erros que nos xogaron malas pasadas e nos obrigaron a non depender de nós a estas alturas. O fútbol é un deporte de erros e acertos e ás veces aínda que estés nas mellores condicións, eses erros sentencian partidos, e polo tanto, puntos. Aínda así quédome co equipo, con todo o esforzo que se fixo desde dentro, coa aprendizaxe desta temporada e sobre todo coas compañeiras, que ao final somos as que estamos nos bos e nos malos momentos. E se o fútbol nos regala un último baile este ano, nós estaremos preparadas«.
A AXENDA
Segunda Galega Feminina
San Lázaro – Unión Campestre (Domingo ás 18 horas no Rodríguez Lago 2): as lucenses buscarán os tres puntos para superar á sua rival na clasificación e afrontar o último tramo ligueiro con bo sabor de boca.
Terceira Galega Feminina
San Roque – Cruces (Domingo ás 12:30 horas no Polvorín): penúltima xornada de liga. O conxunto verdibranco busca o sétimo triunfo do curso e, de paso, faríalle un favor a SD Chantada. Se o Cruces non é capaz de gañar no Polvorín, confirmaríase o ascenso á Segunda do equipo chantadés, que aprazou o seu partido correspondente a esta xornada para a vindeira fin de semana.
Terceira RFEF
Racing Vilalbés – Silva (Domingo ás 12 horas na Madalena): un triunfo dos chairegos deixaría encarrilada a súa clasificación para o play off. Os tres puntos para os de Juan Rodríguez servirianlle a outro conxunto lucense, o Viveiro para fuxir de calquer perigo de descenso por arrastre.
Primeira Futgal
Iberia – Lourenzá (Domingo ás 17 horas nas Valgas): derbi mariñán pola permanencia. Os locais, logo das derrotas fronte a Taboada e Ribadeo, afronta a súa derradeira oportunidade. Un derrota condearía aos de San Miguel de xeito irremediable ao descenso. O Lourenzá, que ven de gañar diante do Guntín, pode saír do descenso se vence nas Valgas.
Chantada Atlético – Monterroso (Domingo ás 17:30 horas no Sangoñedo): con dous puntos por enriba dos postos de descenso, os locais buscarán unha vitoria que os afaste do perigo. Enfronte un Monterroso intratable que quere certificar a súa praza na promoción.
Residencia – SD Chantada (Domingo ás 19 horas na Cheda): os de Rafa Casanova suman catro xornadas sen gañar e complicaron a súa presencia no play off. Buscarán retornar á senda da vitoria diante do líder, que xa festexou o ascenso.
Segunda Futgal
Candelaria – Folgueiro (Domingo ás 17 horas na Granda): os visitantes asaltaron o liderado e buscarán retelo ata o final. Teñen que pasar a proba de lume diante dos de Jaime Matouse, un Candelaria sen complexos que será difícil de dobregar.
Paradela – Sober (Sábado ás 17 horas no Gandarón): un triunfo local afastarías case que definitivamente da zona de perigo na que se atopa o Sober. Os visitantes precisan gañar para saír dos postos de descenso directo.
Terceira Futgal
Abadín – Muimenta (Domingo ás 17 horas no Municipal): ida da final polo ascenso entre dous conxuntos con ampla experiencia en categoría superior. Os locais chegan nun gran momento de forma e os visitantes xa coquetearon co ascenso directo.
Piringalla – Incio (Domingo ás 18 horas no Rodríguez Lago 1): unha final que pode considerarse de ‘sorpresa relativa’, logo de que ámbolos dous deixaran fóra a Taboada B e Quiroga, conxuntos que quedaron por enriba na temporada regular.

